miércoles, 11 de diciembre de 2013

Quen a segue...

En realidade, estaba pensando en adicar este post ao tema por antonomasia nestas semanas e poñervos algúns dos adornos de Nadal que preparamos para o cole con materiais reciclados, pero prefiro facelo só se mo pedides, así interactuades un pouco máis no blog...

Mentres tanto, explicar o por que do título do post, que tamén se podería chamar "Nunca deixes de soñar" ou máis ben de traballar porque nunca sabes cando vai dar froitos ese traballo e o máis normal é que os acabe dando e que ricos están!!!

Despois dun tempo traballando a imitación Sabela empezou nestes días a imitar de xeito espontáneo algún dos xestos cos que acompañamos cancións ou cos que nós imitamos xogando a algún animal.

Así que vos mandamos ánimo a tod@s @s que o necesitedes par seguir traballando e un bico coa man, un bico de elefante, outro de león, de hipopótamo e un de xirafa que son os máis altos dos bicos neste mundo.


lunes, 25 de noviembre de 2013

Días de hospital

En algunha outra ocasión xa vos falei da escola infantil na que estudan os meus fillos. Trátase dun centro que recomendaría a calquera cos ollos pechados e na que estou segura de que aínda nos quedan moitas experiencias fermosas por vivir. En Arela escollen cada ano unha temática na que se centran (obviamente, non de xeito exclusivo) e este ano o centro convertiuse nunha cidade e cada aula é un punto importante, un edificio significativo. Por eses paradoxos que ten a vida, a aula de Sabela é o hospital, edificios nos que temos vivido moitas experiencias de todo tipo.

Como sempre, tento achegar aos meus fill@s á realidade e á aprendizaxe dunha forma lúdica e educativa. De aí que leve unha temporada buscando e traballando con material lúdico-sanitario. O primeiro foi un hospital de cartón que fixen nuns seis ou sete minutos, cunha caixa, papel, celo, pinturas e unhas tesoiras.



A miña inspiración (que me supera, por suposto) podedes atopala aquí.

Os outros materiais que elaborei son uns lotos, recortables e puzzles (iso déixoo para dentro duns días) que descarguei dunha web na que veño de darme de alta e na que podes mercar distintos materiais elaborados por profes norteamericans. Recoméndovos que lle botedes unha ollada: Teacher's notebook.



A parte mala sempre vén dada pola realidade e é que hoxe mesmo tivemos unha experiencia hospitalaria máis da lista que acumula Sabela. En realidade era urxente e non quedaba outro remedio, é máis, hai semanas que agardabamos que sucedese, sobre todo porque a opción era que a nosa filla soportase todos os días unhas dores de moas horrorosas. Agora toca descansar un par de días despois dunhas semanas nas que tiven o blog abandonado pola falta de sono, os agobios, o ibuprofeno, o nolotil e o paracetamol... Máis temas sanitarios non, por favor!

lunes, 11 de noviembre de 2013

Música por e para nen@s

Hai xa nove días vivimos unha experiencia que lle recomendo a calquera persoa con nen@s pequen@s á que lle guste a música. Asistimos a un espectáculo baixo o título de "Concerto para bebés" e vivimos unha experiencia ben fermosa.

Que vos podedes atopar se acudides a un espectáculo dos que dirixe Paulo Lameiro?, segundo a miña experiencia atoparedes a adult@s cunha sensibilidade asombrosa, a músic@s excepcionais, luces, caricias musicais, a posibilidade de que @s vos@s peques experimenten con música, con instrumentos, sensacións únicas que tamén vos estimularán a vós.

De verdade que non me pagan comisión, pero é que saín encantada do concerto e quero compartir a experiencia co maior número de persoas posíbel porque as cousas boas, cant@s máis as desfrutemos, mellor, máis felices seremos tod@s.

En calquera caso, se vivides na Coruña e dado que supoño que Paulo Lameiro tardará un tempo en volver, tamén vos recomendoos talleres musicais de Félix Arias en Langstrump, unha experiencia fermosa, divertida e diferente.

Como vedes, na nosa casa non perdemos comba e se é musical moito menos!

martes, 29 de octubre de 2013

Coas nosas mans

Chega o Samaín (nos países anglosaxóns, léase, Norteamérica, Halloween) e as nosas vidas seguen adiante día tras día. Sempre buscando e atopando case sempre o tempo para traballar e poder avanzar.

Nestas últimas semanas fixemos cousiñas como o noso "bodegón" de outono-Samaín, papi e mami fixeron as cabazas de Samaín para o cole (non vou enganar, a colaboración infantil era difícil e escasa, sobre todo porque nin Sabela nin eu estabamos moi  aló de saúde) e retomamos os nosos experimentos táctiles.

Aqui vos deixo unhas fotos do noso experimento de pintar e tocar con cabazas, follas, castañas, etc... Eu creo que é unha idea estupenda para estimular e traballar motricidade, pero nin Sabela nin o seu irmán estiveron moi dacordo.

A segunda foto é da nosa paisaxe tactil con arroz e elementos varios, unha especie de busca do tesouro na que @s peques van experimentando coas texturas. Nesta actividade tiven máis éxito, aínda que moooooooi breve. Así que haberá que volver a intentalo!


Sobre experimentación variada, hai algo que, aínda que poida resultar unha obviedade, non sempre nos lembramos de levar á práctica, tal e como me lembrou a terapeuta de Sabela, Pilar, esta semana, é NECESARIO que integremos aos peques na nosa rutina e labor diario. Que quero dicir con isto? Que se vas cociñar, vexan un anaco como o fas, lles deixes que toquen os macarróns, as lentellas, o arroz ou o que sexa e colaboren en tarefas adaptadas a eles e ás súas posibilidades.

Sabela xa nos axuda a clasificar os calcetíns (consello tamén procedente da grande Anabel Cornago), a facer a cama, a coller os utensilios de comida... pouco a pouco.

Non quero rematar o post de hoxe (e destas semanas ;D) sen lembrarlle a quen estea abaixo que acabas subindo. Aínda que ás veces nos frustremos e probemos e volvamos probar cousas que non funcionan, algo acaba funcionando, a peza acaba por encaixar e a roda vai xirando día a día.

Ah, case esquecía a foto das nosas cabazas sanitaria e mecánica :D


domingo, 6 de octubre de 2013

Propósito de enmenda

Vouvos facer un favor a tod@s, os pais, as nais, e tamén @s que non o sodes. Recoméndovos ler esta entrada no blog de Creative with kids, unha nai que conta o seu día a día cos seus fill@s e propón ideas para enriquecer avida de tod@s.

Neste caso, a súa reflexión, máis ca proposta é ben sinxela e ben difícil de levar a cabo: non nos perdamos no que queremos ser, non paremos máis dun minuto agobiándonos polo que cremos que debemos facer... sexamos nós mesm@s e tentemos tirar o maior proveito do noso ser. Moitas veces botamos tanto e tanto tempo en pensar en aquelo que nos queda por facer ou que non deberíamos ter feito que nos esquecemos de potenciar as nosas cousas boas e entregarnos por completo.

Recoméndovos moi en serio que non perdades unha palabra do que di. Eu aínda estou intentando aplicarme o conto !!

Feliz semana a tod@s!

A toda máquina

Escribo isto, como é habitual, de noite, e, como por sorte non é tan habitual, co ruído de fondo dunha tos profunda e molesta que non quere cesar e que me lembra que o curso xa empezou de verdade. Si, un mes despois, xa estamos adaptad@s (ou o que sexa) e coa maquinaria funcionando.

Sabela segue sorprendéndonos coa súa capacidade de aprender e cos seus pequenos avances diarios. Nestes últimos meses estamos traballando de forma moi específica a comprensión e a comunicación, dado que son os seus puntos máis débiles e nos que máis camiño nos queda por percorrer. Seguimos inventando actividades e inspirándonos tamén nos materiais que obtemos, por exemplo da xente do grupo de motricidade, como Mabel Freixes e os seus rompecabezas sobre o corpo e as súas partes.

Para esta mesma temática hai tamén un xogo sinxelo e ben chulo que podedes usar no ordenador ou na tablet en pequetic unha moi boa suxestión de Pilar, a estimuladora de Sabela.

Día a día temos tamén avances na comunicación oral que son micropasos, similares aos que debe de dar unha formiguiña nun camiño de lastros amarelos... pero pasos ao fin e ao cabo.

Para seguir avanzando, aqui tedes unha lista de algunhas cousas que probamos ou imos probar estas semanas:



Recoller cousas que teñen que ver coa estación outonal (follas, algunha flor, castañas)
Con esas follas, tentar facer unha pequena obra de arte usando pintura para deixalas impresas entre dúas follas de papel.
Envolver en papel de seda e de aluminio distintas pezas de madeira con formas, cores e tamaños diferentes para experimentar texturas, manipulación, diferenciación por cores, etc
Poñer unhas gomas arredor dunha bandexa con moito fondo, deixar pinguear pintura nelas e ir tensándoas para facer unha nova obra de arte.
Traballar con cabazas pequenas, que se poden usar tamén para pintar con elas coma se fosen rodillos ou movelas cunhas pinzas de cociñar para practicar motricidade e forza.
Botar auga sobre bolsas de infusión pegadas a follas de papel de secar ou papel moi groso para experimentar tamén coas cores e as mesturas.
Finalmente, unha actividade moi divertida, con xabrón de afeitar, facer un lavado de coches, usando tres tinas ou bandexas con moito fondo: unha para enxabronar os coches de xoguete, outra para aclaralos e outra para secalos.

Dúas delas xa as probamos cun éxito escaso na primeira e total no segundo caso, pero non vos vou dicir cales son porque tedes que xulgar por vós mesm@s e decidir cal destas actividades lle pode apetecer máis aos vosos peques.

Por certo, que as actividades son froito da recompilación que vou facendo en webs como a de teaching 2 and 3 years old, no time for flashcards, ou prekinders, entre outros, porque hai moita xente facendo cousas chulas, divertidas e útiles!

miércoles, 18 de septiembre de 2013

Alicia e o seu mundo

Xa vos teño falado de Carla López, a musicoterapeuta de Sabela, unha grandísima profesional que consegue emocionar á miña filla en cada sesión e arrancarlle sonidos que son do máis fermoso que se pode oír neste mundo. Hai xente con boas vibracións, xente con malas vibracións e logo está Carla, que creo que foi a que inventou as vibracións dende a barrigola da súa nai, movéndose ao ritmo acompasado do corpo humán.

Pois ben, Carla acaba de abrir un espazo na Coruña para Musicoterapia no que tamén vai haber de cando en vez outras actividades. Estes dous sábados, 21 e 28, en concreto, "Planeta Alicia" organiza unhas xornadas de portas abertas con actividades, talleres, música e sorpresas...



Para os que non teñades plan para estas fins de semana, creo que non o deberíades pensar. Podedes aprender moito e, sobre todo, desfrutar!

"Vuelva usted mañana"

Por que será que cada vez que me toca falar con algunha das persoas que están implicadas de algunha forma no entramado administrativo dos organismos educativos acabo de mal humor? O título desta entrada, en realidade, non é xusto, porque o que me atopo non soe ser unha moratoria ou un "vuelva usted mañana" como o de Larra, senón máis ben: "eu diso non sei nada, a lei non contempla iso, a ver se miro pero non nos toca neste departamento..." e similares.

Sei ben que no mundo da educación hai grandísim@s profesionais, por sorte, pero as dificultades que se poden chegar a atopar uns pais cando se internan no labirinto que supón buscar as mellores solucións educativas para @ seu fill@ fan que atopar ao minotauro pareza unha quimera.

Ás veces nin sequera é que sexan "bordes" nin malencarad@s, simplesmente, que non están preparad@s para afrontar ningunha situación que se saia "do papel". E iso, moito me temo, que sucede máis veces das que se lles pasa pola cabeza cando redactan eses "papeis", polo que o seu traballo é buscar unha solución para tod@s, gústelles ou non.

sábado, 14 de septiembre de 2013

A relaxing... masaxe

Porque hai que tomar a vida con humor e moito relax co que temos que aturar todos os días...

Hoxe foi un sábado gris. Deses días que a propia protagonista de "Breakfast at Tiffany's" Holly Golightly (creo que se chamaba así, xuro que non acudín a San Google a confirmalo polo que puiden trabucar a orde de calquera letra ou omitir outras tres) non dubidaría en pintar dunha cor ben triste. Non sucedeu nada malo, simplesmente, ningún na nosa casa estabamos de humor para nada. Nun momento determinado do día, despois de mil protestas de Sabela decidín masaxeala cunha pelota de xoguete por todo o corpo e... tachán, bingo!!!

O noso corpo, as masaxes que nos dan son unha fonte de sensacións e coñecemento de nós mesm@s fantástica. Por iso quero compartir con vós este traballo do grupo de motricidade sobre o esquema corporal e as masaxes. Traballo da autoría de Mabel Freixes.



Xa sabedes, o fundamental dunha masaxe é que se disfrute, así que... a pasalo ben e a relaxarse. Aquí vos deixo a ligazón.

sábado, 24 de agosto de 2013

Soñar

Por sorte, teño uns cant@ amig@s nesta vida que me queren ben. Algúns e algunhas deles, xustamente por ese amor e a amizade que nos une din ás veces que me admiran, ou destacan o estupendos que somos como pai e nai. Nada máis lonxe da realidade (e non é falsa modestia).

Non existe mérito algún en facer o que faría millóns de persoas nunha situación como a nosa e, en moitísimos casos moito mellor ca nós. En que se diferencia a nosa vida da de outr@s pais e nais de pequen@s sen diversidade funcional, discapacidade ou particularidade de algunha clase? En ben pouco e, por certo, existen ese tipo de nen@s? Cada un ten que lidiar no día a día coas dificultades coas que se atopa e tentar facelo sen perder a cabeza, buscando tempo para unha mesma e tratando de manter o mellor humor posíbel con algo parecido a un sorriso na boca. Non teño moi claro que se poida facer isto, a verdade e se alguén atopou a fórmula que me mande un correo urxente!!

Nunha mañá de vacacións érgueste, preparas os almorzos, coidas de que Sabela non espalle o cacao pola sala mentres o pequeno toma o biberón, lavas caras e mans, recolles o que podes e das un tempo para a desconexión e estimulación audiovisual con música que aproveitas para almorzar ti e empezar a ser persoa.

Tentas "planificar" a xornada con parques (aos peques non lles gusta moito a praia), paseos, xogos, recados e comidas incluídos e levalo todo a bo fin, como facedes tant@s de vós calquera día de xullo ou agosto. Perdes os nervos vinte ou trinta veces ao día e lanzas máis dun berrido do que logo te arrepintes, como tant@s outr@s. Onde residen as diferenzas?



En que vós podedes dicirlle aos vos@s peques o que vai pasar e pedirlles a súa colaboración nos pequenos detalles diarios nos que eles tamén se sinten realizados como coller a súa roupa e vestirse, poñer a mesa ou colocar as cousas da compra. Nós temos que usar en moitos casos outro tipo de apoios visuais para asegurarnos de que Sabela comprenda o que lle estamos dicindo. Ben é certo que colabora de bo grao no que sabe facer sempre que entende o que lle pedimos (o cal sucede por sorte cada vez con máis frecuencia) porque é extremadamente obediente e boa no máis amplo sentido da palabra.

Tamén en que no que levamos de verán xa tivemos cinco revisións médicas de especialistas que levan o caso de Sabela e que a nosa nena e nós só descansamos 14 días seguidos (porque o valemos e o decidimos que senón nen iso) das terapias variadas ás que acudimos con ela todas as semanas.

As diferenzas están en que cando imos ao parque ou de paseo calquera indicio de relación de Sabela con outr@s nen@s é unha ledicia e festa constante, incluída a sesión deste mediodía lanzándolle unha pelota ao seu irmán de 14 meses.

A nosa vida pode ser distinta porque cando non comprende algo ou se enfada por calquera motivo que non sempre acabamos de averiguar Sabela aínda non sabe manifestar a súa disconformidade de ningunha forma que non sexa berrando e chorando, o que soe derivar nun mal rato para tod@s que non sempre xestionas ben (xa digo que non somos nada admirábeis).

Pode haber máis diferenzas pero do que estou segura é de que existen tantas diferenzas como similitudes entre a nosa vida e a de tantas outras familias. O noso único mérito despois de ter a mala sorte de que Sabela contraese unha meningoencefalite herpética que lle provocase unha lesión cerebral con cinco meses foi ser os pais de Sabela. Tivemos a peor e a mellor das sortes por ter unha pequena loitadora coma ela capaz de saír adiante como ela o fixo nunha situación na que ninguén nos podía asegurar nada.

Por iso, estou certa de que vai resultar moi difícil estar algunha vez á altura de Sabela e aínda o estou intentando, ás veces desespéraste ou te sintes estancada pero non lle das moitas voltas ás diferenzas que poidan existir entre Sabela e outr@s nen@s da súa idade no día a día. Entre outros motivos porque non tes tempo para iso e porque só serve para pasalo realmente mal.

Só de cando en vez, cando vas no autobús ou estás cambiándote nos vestiarios da piscina e oes a unha nena como Sabela falar coa súa nai, argumentar, razonar con esa lóxica aplastante que só un peque de dous ou tres anos pode ter, ou cando ves a un grupo de nen@s desfrutar xogando ao que lles pete (ás casiñas, ao fútbol, etc...), só de cando en vez, en situacións coma esa permíteste soñar por un intre no momento en que iso deixará de ser un soño na túa vida.

(Nota: a foto é de Sabela, case recén nacida, "soñando" na nosa cama)

miércoles, 21 de agosto de 2013

Moito máis ca unha pelota

O grupo de motricidade do que formo parte segue traballando tamén durante o verán (aínda que estas fichas sexan xa de hai unhas semanas) e seguirei publicando cousiñas novas para que tod@s poidades aproveitalas.



Neste caso trátase de exercicios coa pelota bobath, si esas pelotas enooormes que se usan moito en relaxación, durante o embarazo, en ioga, etc. Son un instrumento perfecto e comodísimo porque ofrecen moitas posibilidades.

Aquí vos deixo o traballo de Mercedes Lancharro para que o aproveitedes.

Intenet e outros avatares

Na recta final do verán seguimos avanzando, coma sempre, sen mirar atrás nin para coller impulso.

Facendo unha excepción e, como estamos en vacacións, aí vos vai unha foto de Sabela facendo "o monas" na nosa viaxe vacacional. Se hai un paseo marítimo para correr, aí está ela.



Veredes que nas ligazóns do blog non teño moitas novidades, pero o certo é que hai moitísimos sitios dos que me vou nutrindo en Internet todos os días e quero ilos compartindo con tod@s vós.

Para empezar o blog das Bebetecas Municipais da Coruña no que nos van surtindo de ideas, suxestións, e algún que outro sorriso. Aí atoparedes por suposto, ideas para iniciar aos vos@s peques no marabilloso mundo dos libros pero non só iso, senón tamén ideas para desfrutar o verán, como estimular aos bebés ou simplesmente citas imprescindibeis para as persoas da área coruñesa.

Nese blog, de feito, atopei algunha outra ligazón a webs con xogos, contos e música para nen@s que creo que vos poden resultar útiles. Eu, polo menos, estou empezando a usalos e recoméndoos.

A vaca Connie, con xogos, contos e actividades e coa marabillosa vantaxe de ter versión en galego.

Tibao, un grande deseño para @s máis pequen@s e sen texto apenas, o que é unha vantaxe nos xogos para quen non sabe ler.

MirloMusic tamén o descubrín grazas ás Bebetecas, aínda non o podo usar con Sabela porque a narración de historias non é capaz de seguila pero son ben fermosas e moi ben ambientadas musicalmente. Tamén ten apartado de música para bebés.

Baby Radio. Descubrín este portal hai tempo e agora que volvo entrar nel vexo que medraron moito. Teñen desde aplicación para móbil a xogos para android!

Por suposto, este apartado non estaría completo sen Pictoaplicaciones. Non sei se xa vos falei deste enooorme proxecto que se fai en Galiza e no que se están a desenvolver distintas utilidades para nen@s con problemas de comunicación. Desde unha pictoaxenda a pictocontos, un pictotraductor, pictosonidos... E que sigan ideando, por favor!!! Cun deseño moi atractivo e un montón de detalles.

A outros niveis hai, por sorte, moitíisima xente traballando en cousas que comparte os seus coñecementos na rede. Por exemplo, na web do C.E.E. Terra de Ferrol, tedes cousiñas moi interesantes para ensinarlles aos peques algo de educación viaria.

E para @s que teñan coñecementos de inglés, esta nai nortamericana é toda unha Mac Gyver das manualidades e a aprendizaxe! Little Crunchy Mama.

martes, 6 de agosto de 2013

Moito máis que paxariñas de papel

Antes de nos marchar de vacacións xa probei algún dos exercicios que vos presento agora na casa con Sabela. Trátase dun novo traballo do grupo de motricidade. Non descansan un segundo ideando novas cousas para estimular aos nosos peques.

Neste caso estamos ante un estupendo traballo de Anabel Cornago de "El sonido de la hierba al crecer", e Mariana Cardona. Mil ideas e posibilidades para xogar cos nosos peques, desde facer choiva de papel até algo tan sinxelo como experimentar coas texturas e o peso.

A desfrutar aprendendo e aprender desfrutando!!

Aqui

There's no place like home

Iso foi o que supostamente dixo Dorothy ao volver á casa de seus tíos despois do periplo para atopar o mago de Oz e iso mesmo debeu de ser o que pasou pola cabeza da miña peque á volta da nosa viaxe vacacional.

O verán continúa e na nosa casa, como en tantas outras, a volta á "normalidade" aínda dista moito de ser unha realidade, pero pouco a pouco as cousas volven ao seu rego.

Avanzamos no traballo cunha axenda de imaxes (mooooito) e na comunicación en xeral e tamén na concentración.

Como estamos aínda en tempada frouxa só vos deixo de momento na miña "volta ao cole" unha pequena idea: reciclar as caixas de kleenex. Non é por lle facer publicidade a ningunha marca (de feito nada máis lonxe da miña intención) pero ésta en concreto comercializa caixas de panos de papel que son estupendas unha vez baleiradas polas súas posibilidades.

Usan cores e deseños bastante atractivos para os peques e a súa forma cadrada fainas ideais para utilizalas como bloques de construción. Probade a facer torres e construcións con caixas de kleenex!! Ademais poden usarse por suposto na discriminación visual por cores ou debuxos xogando a xuntar iguais con iguais. Finalmente, a musicoterapeuta de Sabela descubriunos un novo uso: como caixa de resonancia na que facer sons, cantar, soplar, etc

Antes de tirar algo pensade dúas veces se se pode reutilizar :D

domingo, 30 de junio de 2013

Un pequeno respiro

Durante as vindeiras dúas semanas a familia marcha de viaxe. Iso non significa que non sigamos traballando moitas cousas, pero sí implica que non poderei entrar a actualizar o blog.

Vémonos á volta con máis ideas e moitas gañas!!!

Era unha vez o corpo...

E chegou o calor, o sol, o verán... Por fin!!! Non foi sen tempo, pero non troux consigo de momento a fuxida dos mocos e os virus. Iso sería moito pedir.

Pouquiño a pouco facemos os nosos pequenos avances en motricidade, aprendendo a saltar, "tema" que me toca desenvolver no grupo de motricidade, a ver se este verán lle podo dar un empurronciño.

De momento déixovos co esquema corporal, material elaborado por Mabel Freixes do grupo de motricidade. Neste caso moita teoría moi importante para podermos avanzar na práctica :)

Tedes todo o material aquí.

lunes, 17 de junio de 2013

Comprendendo un mundo de formas e cores

Pois aínda que me pareza mentira a min mesma, aínda non conseguimos sacarnos as toses de enriba, con moito esforzo e poucas ganas algúns días e outros momentos mellores nos que avanzamos pouco a pouco.

Seguimos traballando coas cores, pero tamén moito traballo de comprensión e de emparellamento de igual con igual (non só a mesma cor coa mesma cor). Este tipo de traballo é fundamental para avanzar tamén no uso do método PECS do que xa vos teño falado. Con Sabela utilizámolo con bastante éxito pero usando fotografías. Os reforzos visuais permítennos explicarlle as cousas que imos facer ou as que lle pedimos que faga pero, de momento, só consegue identificar fotos, non imaxes abstractas (pictogramas) que nos permitirían dar un paso máis na comprensión. Para todos e todas os que non esteades versados na materia póñovos abaixo un par de exemplos de pictos un para "bico" e outro para "desexar". Obviamente é máis difícil de comprender o segundo, por ser un concepto totalmente abstracto, pero tamén permite expresar e explicar moitas máis cousas.

Por todo isto traballamos a identificación de imaxes (igual con igual) e a comprensión oral. Facémolo nestes días de varios xeitos.

Para a identificación de imaxes estou usando uns materiais que comprei en Didó (fantástica tenda para os que vivades na Coruña). O primeiro deles paréceme moi recomendábel porque se trata de colocar con velcro (ese marabilloso invento) imaxes iguais sobre unha plantilla. O material é moi bo para traballar con peques porque se pode lavar, usar como plantilla para outros traballos, aproveitar para inventar historias... e de paso traballas as cores neste caso. Estiven botándolle un ollo á web da marca que fabrica estes xoguetes, Scotchi,  e teñen cousas ben interesants.

O segundo é un puzzle no que colocas imaxe igual sobre igual. Finalmente, tamén estou aproveitando algunha cousiña do estupendo blog de Esther (La sonrisa de Arturo) un par de plantillas para xuntar animais iguais con iguais.

No mundo das cores seguimos traballando con distintos materiais, pero o que mellor parece funcionar no noso caso (cada peque é un mundo) é calquera traballo que teña que ver con meter algo dunha cor dentro de algo da mesma cor: uns tapóns amarelos dentro dunha cunca amarela, culleres vermellas dentro de vaso vermello, etc

Equilibrio en grupo

Aínda que eu sigo traballando baixo mínimos, o grupo de motri segue a tope!!! Non paran de facer cousiñas interesantísimas para @s nos@s peques. Neste caso preséntovos un traballo de Iosune Portugal cun montón de exercicios de equilibrio en grupo e por parellas que creo que vos poden resultar moi atractivos.






Aquí comparto a ligazón para que poidades ver todos os detalles e descargar as actividades. A divertirse!!!!

martes, 11 de junio de 2013

Máis xogos de motricidade fina

Nestes días nos que a primaveira non nos quere regalar sol seguimos cos nosos pequenos avances. Conseguimos soplar por segunda vez nestes tres anos de vida de Sabela poñendo a "cara de peixe" enchendo moito de aire as "bochechas" "bolechas" e todoooo o aire fóra. Foi moi divertido!

Conseguimos tamén pequenos avances en concentración coa paciencia que xa non temos (precisamos vacacións) e, por suposto en comprensión. Seguimos avanzando co método PECS, aínda que o que máis interiorizado ten Sabela é o seu uso para pedirnos cousas, supoño que para ela debe de ser toda unha satisfacción poder facelo.

Seguimos tamén traballando a motricidade fina e a discriminación de cores con distintos materiais (tapóns, vasos, tarxetas de cores, palliñas, etc).



Se queredes avanzar e traballar na motricidade fina aquí vos presento tamén un traballo do grupo de motricidade. Juanma Cano elaborou estas fichas con distintas propostas para traballar a motricidade fina. Seguro que hai algunha que aínda non probastes :)


miércoles, 5 de junio de 2013

E volvemos a relaxarnos

E despois de tanto exercicio imos coa segunda parte da fichas para relaxarnos realizadas por Juana Bayo, do grupo de motricidade.

Non sei o que pensades vós, pero nestes escasos días de sol que desfrutamos os ánimos altéranse tanto na casa que aprender a relaxarse paréceme fundamental.


A un lado e ao outro...

E como parece que as toses non nos abandonan nin co sol que loce estes días, imos intentar escorrentalas cun pouco máis de exercicio. De novo un traballo do grupo de motricidade, neste caso centrado na lateralidade e realizado por Kristina Gago.

Trátase de conseguir que o dominio do corpo e dos órganos sensoriais sexa simétrico. Con isto, ademais de termos unha boa coordinación, axudamos tamén a conectar entre sí os dous hemisferios cerebrais.



Veña, a mover o esquelete todo o mundo!!


martes, 4 de junio de 2013

Inspira, espira

E, como non podía ser de outro xeito, despois de traballar, hai que relaxarse. Para iso vos deixo aquí outro traballo do grupo de motricidade, neste caso de Juana Bayo. Todos e todas moi tranquiliños, con música suave ou silencio, e a relaxar a cara o pescozo e xa de paso todo o corpo se podemos.

Moitas veces esquecemos a importancia da relaxación dentro da nosa actividade diaria e no caso dos nosos e as nosas peques é especialmente importante. Sabela ponse moi nerviosa e non sabe por onde "botar para fóra". Temos que aprender a dicir: "agarda un segundo, imos relaxarnos"...



Inspirade, espirade



Actividades propioceptivas

Aquí estou. Levo 15 días enferma e na miña casa parece que os virus están facendo estragos, así que sentíndoo moito teño o blog abandonadiño e a Sabela traballando nas cousas nas que xa estabamos avanzando (ademais do seu inicio en estimulación logopédica específica).

Como no grupo de motricidade non paran, aquí vos deixo as actividades propioceptivas ideadas por Norkys Enmanuel García. Para aqueles aos que lles sone moi estrano este término, propiocepción é a capacidade que ten o corpo de detectar o movemento e a posición das articulacións.



A propiocepción habilítanos para verificar cal é a orientación espacial do noso corpo ou dunha parte do noso corpo no espacio, a sincronización dos movementos e a súa velocidade, a forza exercida polos nosos músculos e canto e a que velocidade se contrae o músculo. En resumo, é o que nos permite ter conciencia do noso corpo e do que facemos con el.

Podedes ver estes superexercicios aquí.

lunes, 27 de mayo de 2013

Equilibrio dinámico

E o grupo de motricidade non para!!! Xa teñen máis material preparado para axudar a todos e todas a que @s nos@s peques medren mellor, e neste caso máis equilibrados ;-)

Preséntovos un novo traballo da autoría de Iosune Portugal sobre como favorecer o equilibrio dinámico. Se temos en conta que aínda me estou recuperando dun novo ataque de vertixe, non creo que me vaia mal a min tampouco.



Aquí tedes o documento.

viernes, 24 de mayo de 2013

Máis traballo do grupo de motricidade

Aínda sen recuperarme dun virus e outros avatares, teño que recoñecer que non estou moi activa estes días. Seguimos traballando cousas que non son novas (discriminación por formas e, sobre todo, por cores), motricidade fina (os envases para facer xeados encántanlle para iso) e coordinación e xogo coa pelota.

Pero hai quen está traballando bastante máis ca min estes días. En concreto, no grupo de motricidade non paran!!! Unha marabilla. Neste caso preséntovos exercicios para fortalecer os músculos xemelgos. Non é algo que lle suceda a Sabela, pero si é algo que lles sucede a moit@s nen@s que están no espectro do autismo que camiñan de puntas moi a miúdo polo que necesitan reforzar estes músculos.

A practicar!



Exercicios para fortalecer xemelgos. Ups, actualizo a entrada porque me esquecera de atribuír méritos. Xa veredes que é da autoría de Anabel Cornago, de El sonido de la hierba al crecer.

martes, 21 de mayo de 2013

Motricidade, equilibrio estático

Como "me va la marcha" animeime a meterme nunha nova pequena aventura e formar parte dunha equipa ideada por Anabel Cornago (El sonido de la hierba al crecer) para desenvolver entre tod@s materiais para potenciar a motricidade.

Eu aínda estou tentando poñerme un pouco ao día en todo e non teño nada elaborado por min mesma, pero Iosune Portugal Bicandi, xa nos facilitou o primeiro superdocumento sobre equilibrio estático. Seguro que hai moitísimos máis documentos fantásticos que consigamos elaborar e que sexan de axuda para moita xente.

Aquí vos presento esta marabilla inicial. Trata de reforzar o equilibrio estábel.



http://de.slideshare.net/anabelcor/ejercicios-de-equilibrio-esttico

miércoles, 15 de mayo de 2013

Audiovisualizándonos II e tocando

Ante todo, pedir desculpas porque estou facendo probas para engadir tradutores que fagan o blog accesibel a xente de distintos países, pero de momento, con pouco éxito. Parece que ao non existir a estrutura do blog en galego (só podes escoller entre español ou portugués como linguas máis parecidas) a tradución que fai despois non é a correcta. Estou buscando unha solución, pero se queredes rir un cacho podedes clickar no botón de "translate" porque o resultado ten tela...
Nestes últimos días non probamos moitas cousas novas. Seguimos asentando o método PECS, do que teño pendente falar con máis calma, e seguimos avanzando na discriminación por formas e cores con diferentes utensilios (pratos, vasos, encaixables, culleres, tenedores, etc)...

Tamén seguimos respirando música e imaxes todos os días. Continuando coas recomendacións non podo esquecer hoxe dúas fundamentais na nosa vida. A primeira dela é un descubrimento dunha amiga. Trátase do cd-dvd "A galinha pintadinha".

Son cancións tradicionais brasileñas que se acompañan de imaxes mois vistosas para @s peques. Teño que recoñecer que a min algunhas horrorízanme, aínda que outras están moi ben para aprender os números, as cores, as rimas, etc. Pero o caso é que aos peques encántanlles. De feito, o primeiro xesto que aprendeu Sabela foi para pedir que lle cantásemos a súa favorita: "O pitinho amarelinho".



A segunda é un cd dvd que se editou o ano pasado, "María Fumaça", un proxecto de Uxía Senlle que implica a toda unha familia, artistas, amig@s, e que nos trasmite as gañas de vivir dun neno fantástico, Rui. Non podedes deixar de velo e escoitalo. Xa vos adianto que a favorita na nosa casa é a do "Mercado" (que por certo tamén está noutra versión na "Galinha pintadinha"). Ledicia e ritmo desde a primeira á última nota.



Por último, unha das cousiñas que experimentamos estes días: unha bolsa sensorial inspirada nas de Anabel e Erik (el sonido de la hierba al crecer). Con unha bolsa de conxelación pequena, xel do pelo con cor (se non ten cor podedes botarlle colorante alimentario) e obxectos distintos para que @s peques os palpen a través do xel e da bolsa. Estimulación do tacto, discriminación de formas e cores e relaxación a un tempo :) A nosa fixémola cunha estreliñas e penso probar con outras cousiñas en breve. Tamén hai outros experimentos similares que quero facer con spaghetti, macarróns, sal, area, etc



miércoles, 8 de mayo de 2013

Depende

Din que para @s galeg@s todo depende, que non sabemos se subimos ou baixamos pero... acaso non é así para todo o mundo? "Depende, de que dependr, de según como se mire todo depende".
http://www.youtube.com/watch?v=GtujUCURgtM

Aprendin a mirar as cousas con outros ollos, a buscar oportunidades de aprendizaxe nas que aplicarme e implicar a Sabela. Por iso xa non é raro que me pase o que sucedeu a semana pasada cando me descubrín a min mesma ideando xogos e estratexias de estimulación nunha coñecida cadea de tendas de mobles. Xa saía cando se me iluminou unha desas bombillas das ideas e tiven que dar a volta. Onde outr@s ven moldes para facer xeados, eu vin unha ducia de xogos de habilidade e discriminación visual, onde outr@s ven cubertos e pratos abriuse un mundo de posibilidades para tentar novas estratexias de estimulación. Mirade un minuto, vós que vedes?

Estades segur@s? Mirade outra vez...

martes, 7 de mayo de 2013

Marmelada e galletas

Levamos uns días irregulares nas comidas e nas tentativas de novas experiencias en estimulación. Eu, por suposto, sigo probando.
Despois de armarme de novo material (vasos, cuncas, palliñas e utensilios de cociña variados) para traballar a discriminación por cores e a habilidade e coordenación oculomanual atopeime cunha Sabela con poucas ganas de facer case nada así que decidin deixar o tema e encherlle a cara de marmelada para traballar cos músculos da boca a ver até onde alcanzaba lambendo ;)
Hoxe tamén puidemos probar un manxar estupendo: as galletas que fixeron esta mañá na súa clase!

Praia

Antes de entrar en materia, non podo deixar de animarvos a tod@s a participar na folga de educación do xoves, día 9. Neste blog non pretendo "sentar cátedra" (para iso xa están outros) pero si dar a miña opinión que, neste tema é clara. Cada lei no eido da educación é peor que a anterior e se non erguemos a nosa voz ben forte imos rematar cunha mocidade adoutrinada, cuns coñecementos ínfimos e segregada en función das súas capacidades.
Pero, volvendo ao eixo desta bitácora, para animarnos ante esta volta da choiva quero lembrar a fin de semana de sol que tivemos. O comezo do bo tempo é unha ocasión estupenda para aproveitar a praia, antes de que estea cheíña de xente. As posibilidades de estimulación psicomotriz nunha praia son enormes : exercicios de fortalecemento muscular e equilibrio para camiñar pola area ou fuxir das ondas do mar ou saltando de rocha en rocha, por non falar dos traballos manuais con area seca e mollada. O problema é que a Sabela non lle gusta a praia... ou si, non o teño claro. Con catro meses e medio (antes de contraer a encefalite) viaxamos con ela á costa catalana e non pareceu entusiasmarlle o tema do mar. Ao verán seguinte seguía sen parecer emocionada até unha tarde en Sorrento (costa italiana) en que foi feliz dando algúns dos seus primeiros pasos pola area. No verán pasado de novo protestaba cando notaba area nos pés e este sábado, cando menos o agardaba, dando un paseo, chamou a nosa atención para que lle desabrochásemos o cinto da silla e baixar comigo á praia por onde quixo camiñar até a beira do mar e chegamos a mollarnos as zapatillas...

miércoles, 1 de mayo de 2013

Aquelas pequenas cousas

Nunca sabes por onde vai vir a inspiración e, con nen@s pequen@s, nunca sabes o que pode funcionar, que pode "facerlles gracia" asi que o día a día é un diario de tentativas de novas ideas.
Hoxe estreamos un agasallo dunha amiga: un xogo con pintura de dedos e unha especie de pinceis-selo tamén para pintar. E no medio do asunto ocorréuseme a idea: e se usamos as palliñas como pinceis para traballar a motricidade fina? E acto seguido a seguinte idea: e se soplamos pintura? Embadurnas ben o estremo da cana con pintura de dedos e... a soplar!!! A Sabela non lle interesou demasiado (entre outras cousas porque tiña demasiados mocos para interesarse por case nada) pero hai moitas posibilidades de diversión e experimento neste descubrimento.


Coa seguinte idea tiven un pouco máis de èxito e podedes reproducila con diverso instrumental de cociña. Convertín un colador para te e uns palillos de cores chulísimos que nunca usamos (son demasiados bonitos para manchalos) nun xogo caseiro para traballar a motricidade e xa de paso a clasificación por cores. Igual podedes facelo con calqueira colador con buratos grandes que teñades e pintar palillos de madeira ou diferencialos con gomets. Podes facer un pequeno ericiño de cores diversas :)

lunes, 29 de abril de 2013

Audiovisualizándonos

Para calquera nen@ con problemas para facerse entender ou entender o que lle queren comunicar, o mundo audiovisual ofrece hoxe en día ferramentas infinitas. Non deixo de asombrarme de cousas que leo en blogs de nais e profesionais da educación e estimulación polas ideas que teñen. Bo exemplo o de Esther de La sonrisa de Arturo e os seus lapbooks, o último deles usando códigos QR, impresionante non, o seguinte.

Na nosa casa, de momento somos máis modestos e con menos habilidades, pero facemos o que podemos. A música primeiro xa dende hai tempo e logo os dvds e a tablet están converténdose pouco a pouco na debilidade de Sabela. Ademais das aplicacións e webs das que xa empecei a falarvos, non podo pasar por alto a cantidade de cds e dvds fantásticos que se están facendo no noso país por e para nen@s. Música de calidade e ideas fantásticas para a súa visualización. Hoxe recoméndovos dous (por empezar por algún).

O primeiro é o favorito de Sabela, "Na punta do pé", música tradicional que inclúe tamén a versión instrumental das cancións e un dvd para que os nenos e nenas aprendan a bailar. Sabela, como mínimo, fica realmente absorta mirando como saltan e bailan nas coreografías e a música encántanos.

Outro é a nosa última adquisición (agasallo dunha amiga), "A nena e o grilo nun barquiño". Fermoso cd, fermosa música, fermosas letras, fermosas ilustracións do libro e, aínda por riba, con propostas de actividades que acompañan á historia que acompaña e serve de fío conductor ás cancións. Imprescindíbel, mesmo non sei se máis aínda que "A nena e o grilo".

Este libro musical debería estar en toda a bibliofonoteca de calquera que aínda se considere un pouco nen@ en Galiza.


miércoles, 24 de abril de 2013

Queres xogar comigo?

Hoxe, como vén sucedendo por sorte dende hai semanas, tivemos un día espléndido. Sabela pasou a tarde de parque en parque, desfrutando do sol e do aire fresco. E hoxe, como ten sucedido algunha que outra vez, unha nena quixo xogar con Sabela só que, neste caso, era unha compañeira da súa aula. Conseguín que a saudase coa maniña e que lle achegase a cara para que lle dese un bico, pero nada máis. Como é habitual, fuxiu correndo en busca dun columpio libre.

A súa compi aínda tivo folgos para perseguila uns minutos e eu tratei de que se lle achegase de novo sen moito éxito. Outra vez será, estou segura de que chegará e que dentro dun tempo haberá nen@s que insistan máis e unha Sabela máis receptiva a esas peticións.

De momento, xa temos avances e conseguimos que non se baixe dos balancíns cando se suben nen@s do outro lado :))

Webs e aplicacións

Por suposto, aínda non estou contenta co blog. Sempre hai que perfeccionalo e unha das cousas que quero facer é crear unha sección coas webs e aplicacións que vos quero recomendar.

A primeira delas ten que ser sen dúbida de ningún tipo poisson rouge. Falárame dela unha amiga hai uns anos pero non foi até finais de 2012 que empezamos a visitala con máis continuidade e teño que dicir que é o mellor que vin en Internet para nen@s con diferencia. Unha web creada por educadores e educadoras para peques de todas as idades, clases, intereses... De verdade que é difícil que atopedes algo mellor ca isto. O peor do asunto é que está en perigo porque non queren incluír publicidade na páxina (como parte da súa fiolosofía vital) e, claro, existen certos problemiñas económicos. De feito, a empresa que xestionaba todo xa pechou, polo que non podedes mercar as aplicacións para android que tiñan e que son xeniais (temos 3 e son do máis recomendábel que hai), pero o sitio segue aí e teño que animarvos a tod@s a visitalo porque tamén aos adult@s nos gusta!!!

A partir do interese de Sabela por poisson rouge decidimos regalarlle unha tablet no seu aniversario e, dende aquela (apenas dous meses) a nosa pequecha xa se convertiu nunha experta no seu manexo. Dá gusto vela manexarse nas pantallas dos xogos e desfrutar ao tempo que se estimula. As apps que usamos neste momento son:

Baby piano (con ela traballas a destreza ademais de axudar a desenvolver a sensibilidade musical)

Pocoyó, las mil puertas, estupenda para axudar a estimular a imaxinación e o xogo, ademais de crear historias.

Talking pocoyó. axuda en diversos ámbitos: a imitación, o desenvolvemento da imaxinación, a atención, a destreza e a sensibilidade musical e o ritmo.

Ademais destas, tamén traballamos con dúas de poisson rouge (ten green bottles e Amos), pero como dicía, lamentabelmente, xa non están dispoñíbeis no mercado, pero si os sitios dentro da web de poisson rouge. Non dubidedes en entrar!!






lunes, 22 de abril de 2013

A música que fai cóxegas

Cantas veces nas nosas vidas fomos literalmente salvad@s pola música... A música estaba aí para pór a banda sonora á nosa vida no hospital,  a música estaba aí cando estabamos angustiad@s pensando en que sería da nosa vida, a música está aí cada mañá cando Sabela precisa pilas para comezar a xornada e tamén está aí pola tarde cando precisa relaxarse.

A música ten efectos moi curiosos e diversos nos seres humans. A Sabela, por exemplo, ás veces, faille cóxegas e lle provoca unhas risas fermosísimas, outras veces dalle gañas de comunicarse e nos pide que lle cantemos algunha das súas cancións favoritas ou se lanza a tararear a "canción de Lara" do doutor Zhivago ou "Smoke on the water". Moitas tardes, a única forma de sacudirlle o mal humor arrastrado por non durmir a sesta é escoitar e balancearse con ela ao ritmo de "Na punta do pé".



Sempre tivemos moi claro que a música era un arma demasiado valiosa como para non tentar aproveitar ao máximo as posibilidades que nos ofrece. Por iso, dende hai tempo, Sabela ía a clase de educación musical en Arkhé, un sitio moi recomendábel para aqueles que teñades pequech@s e que vivades na Coruña. Alí programan diferentes actividades para nen@s, embarazadas e adult@s, desde educación motriz, a actividades acuáticas, pasando por inglés ou música ou ioga para embarazadas.

En calquera caso, co paso do tempo, pareceunos que quedaba moito por explorar nesta materia e por iso recurrimos a Carla e ás súas sesións de musicoterapia. Unha hora á semana, Sabela amosa o seu afán por comunicarse a través das notas musicais, por "tocar" a guitarra e "cantar un dueto" coa súa musicoterapeuta. É marabilloso notar como todo o seu corpiño vibra coas notas e comunica con todo o que está ao seu redor. Así que, xa sabedes, non dubidedes en explorar todos os intereses d@s vos@s peques até o final :)

viernes, 19 de abril de 2013

Do camiño de lastros amarelos


Do camiño de lastros amarelos


Sempre vin algo de egocentrismo e exhibicionismo neste mundo dos blogs, pero non me decataba de que, como con case todo, tamén teñen seu lado bo: que serven para comunicarmonos con outra xente, para axudar e recibir axuda, para desafogar tamén de cando en vez.
Co paso dos meses e dos anos desde que as nosa vidas cambiaron, vexo que non hai blogs de pais ou profesionais que traten a pequenos e pequenas con afasia infantil, en realidade, non hai nenos nin nenas como Sabela, nin casos como o seu porque cada un é diferente.
Cada caso e cada nen@ é un mundo, iso está claro, pero decidín empezar a relatar o noso particular camiño a Oz como unha axuda máis, como un caderno de bitácora, que ás veces mesmo pode server de recordatorio.
Cando Sabela tiña cinco meses enfermou. Era un “virus” dixo o pediatra e non lle deu importancia. Atinou, era un “virus” (o herpes), pero si tiña importancia porque ese virus atacou a súa pequena materia gris e produciulle unha meningoencefalite aguda que acabou deixando danado o seu cerebro de por vida con crises comiciais polo camiño.
Non é éste o lugar para explicar o que sucedeu os meses posteriores a iso. Non lle desexo a ninguén un inferno coma ese e non é necesario lembralo. Só vou lembrar que nese momento, o peor da miña vida sen dúbida algunha, tiven a moita xente apoiándome. Unha desas persoas (chamémoslle RRR) enviábame mensaxes de esperanza, de luz e cor que nos levaban ao mundo de Oz e que me fixeron lembrar que, como lle sucedeu a Dorothy, non podemos esquecer que o que precisamos está no noso interior. Para sairmos adiante só temos que crer en nós, nas nosas posibilidades e traballar arreo. Así o fixo, faino e seguirá facéndoo Sabela, moito mellor ca Dorothy.

Soprou e soprou e a casiña derrubou...

A estimulación do sopro é un dos nosos cabalos de batalla. Cando apenas tiña pouco máis dun ano, Sabela comezou a soprar un pouquiño imitándonos cando lle liamos un conto dos grandes Bolechas pero, como algunhas outras cousas que foi aprendendo, deixou de facelo.  Así que aí estamos, con mil armas e unha para tratar de estimular o sopro. A última adquisición foi un muíño de vento pero, en realidade vén a culminar toda unha colección de pequenas adquisicións froito de mil visitas a webs e percorridos por tendas de todo tipo.

Temos chiflos, unha harmónica, unha frauta de émbolo, as pompas nunca poden faltar, as plumas dunha boa que lle encantan, tubos varios e variados dos que sacamos cousas e polos que logo falamos e soplamos, un cornetín adquirido na voda duns amigos e tres grandes aportacións dunha tenda online que descubrimos no blog dos mestres de audición e linguaxe: tommy o silbador, un boneco que necesita moi pouco soprido para soar, o toobaloo e un chiflo para o nariz.

Son tres xoguetes para estimular o sopro e a fala que mercamos nunha tenda online  con cousas moi interesantes, hop toys. En concreto, o toobaloo paréceme unha grandísima idea porque serve para estimular a fala e a comunicación e no caso dos nenos que xa falan, pero teñen calquera problema relacionado con esta área, permítelles escoitarse a sí mesmos. Desde logo, para min, a primeira vez que o probei, resultou curiosísimo, toda unha experiencia!

Ademais da nosa grande caixa do sopro e do muíño de vento, non se poden esquecer as posibilidades de sorber e soplar por unha palliña, cos grandes circuitos de sopro que se poden facer. No blog el sonido de la hierba al crecer atoparedes grandes ideas neste terreo (e en tantos outros).

miércoles, 17 de abril de 2013

De como Baby Einstein nos salvou a vida

Moitas veces oiríades dicir que a chave para que @s nen@s fagan algo está na motivación. Sei que é unha "perogrullada", pero unha verdade coma un mundo. Se saben que van obter algo que lles gusta de verdade, traballan de moi boa gana, con ledicia e ilusión.

Con Sabela non conseguiamos atopar ese elemento, poucas cousas a motivaban... até que Baby Einstein chegou ás nosas vidas. Ao principio eses dvds non lle facían moita gracia pero co paso do tempo conseguimos que fixese torres, puzzles, encaixes, que xogase á pelota con nós ou que buscase cousas sabendo que ao final tería como premio o seu dvd de Baby Einstein. Non é que queira eu facerlle publicidade gratuíta, nin que sexan a panacea, simplesmente, con Sabela, funcionan.

Cada un ten que buscar o seu propio Baby Einstein, pode ser a comida, un xoguete favorito, ou a cousiña máis pequena que se vos ocurra, sempre que lles ilusione, vale. Por suposto, hai que ter moito coidado, porque se trata de conseguir que chegue un momento en que as actividades que queremos que fagan para ter o premio acaben interesándolle sen premio algún despois. Iso é o máis difícil, si, ás veces é cuestión de ter moooooita paciencia.

Tamén é importante saber integrar eses intereses do peque ou a peque na aprendizaxe. Con Sabela, tentamos sacar proveito dos dvd nos que se fala de partes do corpo ou nomes de animais, pero con outros intereses pode ser máis fácil. Por exemplo, se se interesan moito por un boneco úsase para introducilosno xogo figurativo, se lles gustan as construccións, xa temos un arma perfecta para traballar a motricidade fina e a imaxinación, etc

Sempre hai que botarlle un pouco de imaxinación ;)

Outro exemplo, a frauta de émbolo, a Sabela encántalle, así que a usamos moito para tentar ensinarlle a diferencia entre "arriba" (mentres a subimos ao ritmo da frauta) e "abaixo", (mentres a baixamos).


lunes, 15 de abril de 2013

De equilibrios, caixas e botes

Levo un par de días sen escribir no blog por motivos variados. O primeiro foi ese sol marabilloso que reapareceu nas nosas vidas e que nos deu a oportunidade de lembrar o que era PASAR UN DÍA FÓRA!!! Que gustazo!!
O segundo non é tan estupendo, porque hai días mellores e outros máis complicados, con choros, amagos de virus e similar. En días deste tipo, pouco se pode facer para loitar contra os elementos e tratar de avanzar na estimulación da nosa peque. Pero pouco non quere dicir nada ;-), así que aqui estou con algunhas cousiñas que se poden intentar mesmo nos días difíciles.
Se os peques están polo labor de moverse moito, daquela aproveitade para traballar a área motora con exercicios que a moitos lles encantan como camiñar polo borde das beirarrúas, practicando o equilibrio (a Sabela tamén lle gusta) e despois camiñar en desnivel, cun pé arriba e outro abaixo.
Se seguen con ánimo de moverse, xa sabedes, a practicar os saltos dende o alto do bordillo e logo desde sitios cada vez un pouquiño más altos.

E se aínda neste punto a cousa segue movida, tentade aproveitar e canalizar toda esa enerxía, por exemplo, facendo a carretilla agarrándoos polos pés para que camiñen coas mans (é un exercicio fantástico, pero, dependendo d@s peques e da súa evolución eu non o recomendaría antes do ano e medio, pero xa digo, dependendo de cada caso), facendo exercicios de resistencia e forza como empurrar a parede ou unha árbore coas mans e os pés.

Se xa estades cansos de tanto movervos, podedes tentar sacar proveito de todas as pequenas e grandes cousas que usades no día a día integrando aos peques en calquera tarefa cotiá con supervisión, por suposto. Por exemplo, pequenos recados: "tráeme isto, lévalle aquilo a papá" ou pedindo sempre a súa axuda para as cousas que lles afectan. Un bo exemplo é a rutina de cremas ou medicamentos, pasta de dentes ou calquera outro tubo, frasco ou bote que usedes no día a día, tamén os que usedes para preparar a merenda, por exemplo. Que sexan eles ou elas quen o abran o saquen e logo o pechen e garden para practicar a súa motricidade fina. Sei que non sempre temos tempo diso, para que nos imos enganar, pero, se o integramos na rutina, logo serán eles os que nos pidan facelo porque lles acaba encantando. Por suposto, insisto, con supervisión continua!!


jueves, 11 de abril de 2013

Macarróns e pelotas

Despois de perder onte máis dunha hora para descubrir que o blogger e a tablet non se levan ben, aquí estou para contarvos cousiñas novas. No día a día irei sumando actividades que aplicamos na casa para a estimulación de Sabela e que nos van ben. Obviamente, hai outras que intentamos e non funcionan, pero esas deixámolas para máis adiante.
Onte conseguimos tres pequenas victorias en actividades da área motora e perceptivo-cognitiva.


Na primeira encantoulle lanzar e mesmo patear unha pelota grande  coas dúas mans, coa miña axuda, pero encantada.
Na área perceptivo-cognitiva volvimos empregar a pizarra da súa habitación para tentar que copiase as liñas rectas que debuxabamos nós. De novo guiándolle a man, pero conseguimos motivación e intentonas.
Finalmente, tamén nos foi moi ben ensartando macarróns nunhas palliñas das de beber. Hai que aproveitar o que tes pola casa e nunca sabes o que lles pode interesar, esta é unha lección que podedes aplicar a todo. De feito, os macarróns, as pallas e outros materiais os gardei nunha caixa de cartón baleira que estamos decorando con gomets de distintas cores e de paso aproveitamos para practicar máis pricomotricidade fina e discernir formas e cores.
Os exercicios da área motora son fundamentais no desenvolvemento de calquera neno porque lle axudan a ter unha mellor coordenación, máis control dos seus músculos e conciencia do seu corpo e o seu entorno. Pensade na sensación que se queda ao lanzar algo con forza...
No caso de ensartar macarróns (podedes facelo con mil cousas: carretes de fio, bolas dun colar que sexan grandiñas, arandelas,  cordóns ou cordas, etc) xa estamos ante un exercicio de psicomotricidade fina que require precisión pero, non vos enganedes, tan importante é iso como lanzar ben unha pelota ou facer equilibrios.
Como vedes, todas estas cousas podedes facelas con peques neurotípicos ou con distintos tipos de diversidade funcional, a tod@s lles vai ben.

Por suposto, aqui seguimos traballando e preparando material comunicativo novo pero iso é outra película moi longa e outra lección que aprendín é que unha cousa vai despois da outra, pasiño a pasiño vai facéndose o camiño de lastros amarelos.