domingo, 28 de septiembre de 2014

Máis cambios

Aviso a navegantes, non abandono o blog, nin moito menos, pero por causas diversas que non veñen ao caso, nos vindeiros meses terei que pasarme menos por aquí e máis por outras webs e lugares que servirán de certo para enriquecer tamén a miña vida. En canto saque un oco, aquí estarei, prometido, pero non me tiredes das orellas cando vexades que o fago pouco.

Como non quero empezar con cousas que non me gustan, comezo resumindo algunhas actividades que realizamos nas últimas semanas e que poden servirvos en semanas de moito nerviosismo. Ademais de xogos antigos (de asociación, puzzles, clasificación por cores e formas ou colocación de cada figura sobre a súa sombra) e de avanzar coas construcións, nestas semanas pintamos de novo con pintura de dedos (teño un vestido de Sabela que así o testemuña) probando con disintos elementos como instrumento como letras imantadas. Reiniciámonos no mundo das plastilinas con algunas especialmente blandas, dadas as dificultades amosadas por Sabela para xogar coas que teñen en clase, pintamos tamén con ceras irrompibles, recuperamos as botellas sensoriais e algunha caixa sensorial tamén, por exemplo, con pompóns suaveciños para relaxarnos.



Conseguín un novo interese de Sabela polas pegatinas usando stickers con moito relieve, máis fáciles de manipular e moi vistosos.

En xeral, despois de unhas semanas de moito estrés, conseguimos que Sabela se preste sen dificultade a realizar distintas actividades e se concentre con relativa facilidade, agora se trata de elevar o umbral do seu nivel de frustración para que non se agobie cada vez que non consigue facer algo á primeira. Aí temos que colaborar tod@s e tentar relaxarnos.

Teremos que intentalo, como sexa, aínda que non podemos esquecer outras áreas como a reivindicación. Esta semana ofrecín, xunto co portavoz de Esquerda Unida no concello da Coruña, unha rolda de prensa para anunciar que veño de pedir intervir no pleno para evitar que volva suceder algo como o que non aconteceu este verán e que non se volvan a marxinar aos nenos e nenas con diversidade funcional das actividades municipais pagadas con cartos de todos e todas nós.

A proposta foi desta forza política que me informou de que, segundo o regulamento de participación cidadá, existía esta posibilidade da que nunca se fixo uso. Son consciente das dificultades para que se acceda á miña petición, pero iso non implica que non a faga, así que aceptei encantada a súa idea.

Grazas de novo aos medios de comunicación que apoiaron e recolleron a reivindicación con maior ou menor acerto (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, La Opinión de A Coruña, RNE, Radio Galega, Cadena Ser, Onda Cero, e as axencias de noticias Efe e Europa Press). Irei ao pleno e falarei, se non é dentro, será fóra.

lunes, 22 de septiembre de 2014

Gatuxando para sempre

Eu gatuxo
Ti gatuxas
El gatuxa...
Do verbo gatuxar, primeira conxugación.




Porque podería contar moitas cousas sobre os últimos días da nosa vida. Podería dicir que despois de 10 días de loucura Sabela comeza a tranquilizarse, que empeza a adquirir os novos hábitos e a nova rutina, que empezou a chapotear na piscina, ou mesmo que se lanza dos columpios en marcha.

Podería contar mil historias, pero cando onte saímos da primeira sesión de "Gatuxo", dentro do ciclo Bebescena xa sabía que non tiña máis opción que falar do que acababamos de vivir neses 50 minutos que nos gustaría que durasen para sempre.

Cómpre comezar polo principio (ou non?) e non é outro que o final: a música. Porque "Gatuxo" é luz, é vida, é música, é tranquilidade, pero tamén risa e sorrisos e máis música.

Hai moi poucas veces nas que esta vida nos regale un pouco de maxia e, cando sexa así, aproveitádea ben porque diso teredes que vivir nos malos momentos, nos baixóns, nas derrotas, nas dúbidas, desas lembranzas. Iso é o que te alimenta cando queres botarte a durmir e non espertar. Para nós, dous deses momentos na nosa vida foron desfrutar cos nosos peques de "Viaxe a Dadá", de Teatro da Semente, con Raquel Queizás e Chus Álvarez e levitar con "Gatuxo" este domingo pasado.

Levamos xa ás nosas costas unhas cantas obras de teatro e espectáculos para peques, unhas mellores, outras peores, algunhas realmente boas pero só nestas dúas vivimos auténtica maxia compartida por todos e todas nós.

É imposíbel explicar a maxia, (por iso ten ese nome, senón sería outra cousa) pero vou tentar debullar algún dos seus ingredientes neste caso gatuxo que nos ocupa. A miña filla con problemas de atención, comprensión e concentración non moveu un músculo nin deixou de escoitar e sentir todo o que sucedía no escenario. Sabela, que non fala, tarareou algunha das melodías que escoitaba. A miña filla, incapaz de estar quieta e tranquila dende que empezou o cole non demostrou en ningún momento nin a máis mínima intención de dedicarse a nada máis que non fora gatuxar e gatuxar de por vida. Sabela bailou ao ritmo da música que nos encheu a tod@s os ouvidos, a alma e o corazón. O meu fillo non puido non pechar a boca nos 50 minutos que durou o espectáculo.

Fomos felices nese momento.

Xa contamos os días para que saia o cd coa certeza de que o escoitaremos milleiros de veces, pero nunca o poderemos desfrutar tanto como en directo, coa gatuxa saltando e bailando cos seus patuquiños. E non era broma cando lle preguntei a Magín Blanco se non podían volver á semana vindeira e a seguinte e a outra e mesmo dubidei se sumarme á súa troupe, cando me dixo que ían a Cedeira o mes que vén.

Dende o domingo pola mañá levo cavilando en que farei candos os meus peques xa non sexan tan peques e non teña excusa para desfrutar de espectáculos así... Pedirei prestad@s @s bebés aos demais?? Acabarei por sumarme a unha troupe musical para poder vivir diso?? Ou quizais me convertirei en crítica de espectáculos para que non pensen que son unha pederasta ou un membro da competencia tratando de copiar os trucos que convirten en maxia un espectáculo como "Gatuxo"??

Bufff, algo terei que argallar porque eu quero gatuxar e gatuxar para toda a vida. Que ninguén vos obrigue nunca a deixar de gatuxar...

"Gatuxo" é un espectáculo de Magín Blanco, María Faltri e Jorge Juncal na parte musical e Raquel Queizás na dirección e interpretación

miércoles, 10 de septiembre de 2014

Nova etapa

Levo un tempo sen escribir nada, pero non por falta de ganas. Primeiro foi un pequeno problema de saúde, e logo cuestións alleas a min deixáronme sen ordenador durante unha semana. O caso é que, por suposto, neste tempo non estivemos parados.

Agora que iniciamos unha nova etapa co inicio do cole "de maiores" non podemos deixar de lado moitas das áreas nas que vimos avanzando dende hai tempo. De feito, coa fin das vacacións fixen tamén un pequeno balance de progresos que en breve compartirei con vós. Foron moitos, e moitos serán tamén os que virán.

De momento, sobre a aterraxe no cole prefiro aínda non dicir moito. Só levamos un día de "clase" e son moitas as novidades ás que hai que afacerse. Despois de petar e preguntar e volver petar e preguntar, polo menos empezamos o curso con coidadora (beeeen! saltiño batendo cos pés), agora queda por librar a batalla do incremento dos días de Audición e Linguaxe, porque no cole de Sabela só terán especialista deste área dous días á semana (a todas luces insuficiente!!!, pero non só para Sabela, senón para todo o centro).

Pero volvamos ao importante, o día a día e as cousas que imos facendo. Hai pouco fíxenme cun lote de "pequenas chorradas" nese todo a cen de deseño que é Tiger. A verdade é que é unha caixa de sorpresas na que atopas de todo. Aquí vos ensino varios obxectos que usamos para estimulación e traballo sensorial como unha pelota con pinchos e luces, o coñecido como "moco de elefante" (unha masa viscosa), luces pequenas para os dedos coas que chamar a atención dos peques, un masaxeador pequerrechiño que a Sabela lle encanta (non sabe nada a tía), un cepillo para pedicuras que vai fantástico para contrastes sensoriais, letras de goma para pegar e purpurina... ahhh e se que quedaron fóra da foto os palillos chinos de animaliños!!!!





Pero creo que o mellor descubrimento foi esta palla que constrúes ti mesm@ con un montón de pezas para traballar motricidade fina e con buratos que saen por distintos sitios cos que traballo o soplo e lle fago cóxegas a Sabela. Se fosen un pouco máis anchos os tubos serían uns conductos para xogar con canicas estupendos!!!!



Ademais disto, despois do éxito da pintura de taburete, dedicámonos a pintar con xiz na rúa e a pintar o coche-andador-correpasillos do peque, que está quedando moi molón, por suposto, todo tuneado!!