miércoles, 26 de noviembre de 2014

"Vamo a arreglalo, Sabela"

E... ás veces, apenas dúas, tres ou catro veces en toda a vida, o tempo deténse e veste a ti mesma vivindo momentos que quererías que non rematasen. Momentos de emoción, de comprensión, de compartir e sentir, de orgullo, de Felicidade...

Cada noite, lemos contos na habitación de Sabela antes de que @s peques se durman. Cada noite, nos damos bicos para ir a durmir pero, este luns pola noite foi diferente. Ao sairmos da habitación, Iago (2 anos e 5 meses) díxolle á súa irmá "vamo a arreglalo, Sabela". Pareime, moi sorprendida, agacheime a falar con el e pregunteille de que falaba: "Que imos arreglar, Iago?", pero non me respondeu e cambiou de tema moi rápido.

Onte pola noite, martes, 25 de novembro, ao saírmos da habitación da súa irmá, Iago (2 anos e 5 meses) despediuse dela de novo cun "vamo a arreglalo, Sabela". Volvín a agacharme para falar con el e preguntarlle de que falaba: "Que dis, Iago?", "Vamo a arreglalo, Sabela" (todo isto con unha pronuncia de consonantes propia do chino dun chiste), "pero, que imos arreglar, cariño? de que falas?", "vamo entende a Sabela" espetou... e o tempo parou. Teño un nudo na gorxa, no estómago, no corazón e na alma dende onte pola noite e creo que entendedes por que.

Porque ese neno que usa saias e horquillas para parecerse á súa irmá, ese neno que lle fai cóxegas cando ela quere durmir, ese pequerrecho que a arrola xa na cama xogando ás bonecas con ela, dalle mil leccións de amor, de igualdade, de inclusión, integración e do que sexa necesario a calquera de nós, incluída eu.

 Ese neno que non pregunta nada porque aínda non sabe nin preguntalo, xa o entende todo moito mellor que calquera de nós.


viernes, 21 de noviembre de 2014

No mar hai moitos peixes nadando sen parar

E un venres calquera volves do cole cun sorriso na cara porque chegaches a casa sen un drama insuperable que rematase en bágoas. Algo tan sinxelo coma iso. Porque despois dun par de semanas nas que camiñar pola rúa se convertiu nunha persecución ficticia, nunha tira e afrouxa do que queres fuxir coma sexa, con apoios visuais, con trucos que xa non sabes nin de onde sacar, con algo de sorte e con esa pouca paciencia que xa hai anos que non me queda, consegues chegar a porto con incidencias, pero sen crebar o bote.

Con que pouquiño ou que moitíiiiisimo nos conformamos ás veces. Todo depende do cristal co que se mire, ben o sabemos nós. Porque hai momentos nos que as moreas de area son montañas que superan ao Everest e outros nos que caen grao a grao polo seu propio peso.

Pero nunca podemos deternos -se cadra un segundiño para enxugar as bágoas e coller algo de pulo- sempre probamos algunha cousiña nova. E seguimos avanzando en comprensión e en comunicación, cada vez unha linguaxe de signos máis elaborada combinada con algunhas outras cousiñas, novos xogos que nos gustan máis, máis imitación vocal... tantas cousas...

Pero o mellor para min son sen dúbida eses momentos do baño. Ao peque da casa gústalle moito bañarse e ir á piscina, pero Sabela sempre tivo unha relación un tanto irregular co auga. Nos últimos meses, ese amor-odio foise convertindo en sincero aprecio e tentamos ir de cando en vez á piscina. Mais, o certo é que, aínda que ela o pasa xenial alí, para min é moito máis divertido cando non nos dá tempo de ir ao complexo deportivo e acabamos improvisando unha piscina no baño da casa. Rin xuntos, desfrutan e sobre todo INTERACTÚAN, buffff, iso e algo brutal, impagábel. Tíranse auga o un ao outro, comparten minutos de felicidade e mami, nin vos conto...


 Ah, por certo, a ver se hai sorte e esta fin de semana (22 e 23 de novembro), mentres eu desfruto dun taller en Santiago con Anabel Cornago e Esther Cuadrado e da cea posterior con mamis e chicas azuis, saimos nos informativos da Sexta reclamando os apoios de AL que necesita o cole de Sabela!!

miércoles, 5 de noviembre de 2014

Simplemente xogar

Ás veces as palabras non saen. Quizais porque chega pronto a medianoite e a noite anterior foi longa, quizais porque non paraches un segundo en todo o día, ou porque pensas que despois de tantas palabras é mellor que as imaxes falen por sí mesmas.

Debíavos unhas cantas imaxes desas que ilustran os meus días pero, entendédeme, isto de ser nai, educadora, fotógrafa, protoempresaria e desastre a tempo completo é moi pero que moi difícil. Así que sacar fotos de algo que estás intentando guiar de algunha forma é case misión imposible, desas que nin o "pintado" Tom Cruise podería superar.

Así que aqui quedan testemuños gráficos dos nosos últimos experimentos de pintura, chapa e decoración do coche de Sabela/Iago, a miña desastrosa mezcla de fariña e aceite e os xogos coa superbanqueta do baño. Con ela fixemos grandes progresos ultimamente porque, ademais de pintala e pegarlle e despegarlle sticks, conseguin que Sabela lanzase coches por "debaixo do túnel" e o pasase ben descubrindo os que o seu irmán lle lanzaba dende o lado contrario :)