lunes, 22 de septiembre de 2014

Gatuxando para sempre

Eu gatuxo
Ti gatuxas
El gatuxa...
Do verbo gatuxar, primeira conxugación.




Porque podería contar moitas cousas sobre os últimos días da nosa vida. Podería dicir que despois de 10 días de loucura Sabela comeza a tranquilizarse, que empeza a adquirir os novos hábitos e a nova rutina, que empezou a chapotear na piscina, ou mesmo que se lanza dos columpios en marcha.

Podería contar mil historias, pero cando onte saímos da primeira sesión de "Gatuxo", dentro do ciclo Bebescena xa sabía que non tiña máis opción que falar do que acababamos de vivir neses 50 minutos que nos gustaría que durasen para sempre.

Cómpre comezar polo principio (ou non?) e non é outro que o final: a música. Porque "Gatuxo" é luz, é vida, é música, é tranquilidade, pero tamén risa e sorrisos e máis música.

Hai moi poucas veces nas que esta vida nos regale un pouco de maxia e, cando sexa así, aproveitádea ben porque diso teredes que vivir nos malos momentos, nos baixóns, nas derrotas, nas dúbidas, desas lembranzas. Iso é o que te alimenta cando queres botarte a durmir e non espertar. Para nós, dous deses momentos na nosa vida foron desfrutar cos nosos peques de "Viaxe a Dadá", de Teatro da Semente, con Raquel Queizás e Chus Álvarez e levitar con "Gatuxo" este domingo pasado.

Levamos xa ás nosas costas unhas cantas obras de teatro e espectáculos para peques, unhas mellores, outras peores, algunhas realmente boas pero só nestas dúas vivimos auténtica maxia compartida por todos e todas nós.

É imposíbel explicar a maxia, (por iso ten ese nome, senón sería outra cousa) pero vou tentar debullar algún dos seus ingredientes neste caso gatuxo que nos ocupa. A miña filla con problemas de atención, comprensión e concentración non moveu un músculo nin deixou de escoitar e sentir todo o que sucedía no escenario. Sabela, que non fala, tarareou algunha das melodías que escoitaba. A miña filla, incapaz de estar quieta e tranquila dende que empezou o cole non demostrou en ningún momento nin a máis mínima intención de dedicarse a nada máis que non fora gatuxar e gatuxar de por vida. Sabela bailou ao ritmo da música que nos encheu a tod@s os ouvidos, a alma e o corazón. O meu fillo non puido non pechar a boca nos 50 minutos que durou o espectáculo.

Fomos felices nese momento.

Xa contamos os días para que saia o cd coa certeza de que o escoitaremos milleiros de veces, pero nunca o poderemos desfrutar tanto como en directo, coa gatuxa saltando e bailando cos seus patuquiños. E non era broma cando lle preguntei a Magín Blanco se non podían volver á semana vindeira e a seguinte e a outra e mesmo dubidei se sumarme á súa troupe, cando me dixo que ían a Cedeira o mes que vén.

Dende o domingo pola mañá levo cavilando en que farei candos os meus peques xa non sexan tan peques e non teña excusa para desfrutar de espectáculos así... Pedirei prestad@s @s bebés aos demais?? Acabarei por sumarme a unha troupe musical para poder vivir diso?? Ou quizais me convertirei en crítica de espectáculos para que non pensen que son unha pederasta ou un membro da competencia tratando de copiar os trucos que convirten en maxia un espectáculo como "Gatuxo"??

Bufff, algo terei que argallar porque eu quero gatuxar e gatuxar para toda a vida. Que ninguén vos obrigue nunca a deixar de gatuxar...

"Gatuxo" é un espectáculo de Magín Blanco, María Faltri e Jorge Juncal na parte musical e Raquel Queizás na dirección e interpretación

No hay comentarios:

Publicar un comentario