domingo, 28 de septiembre de 2014

Máis cambios

Aviso a navegantes, non abandono o blog, nin moito menos, pero por causas diversas que non veñen ao caso, nos vindeiros meses terei que pasarme menos por aquí e máis por outras webs e lugares que servirán de certo para enriquecer tamén a miña vida. En canto saque un oco, aquí estarei, prometido, pero non me tiredes das orellas cando vexades que o fago pouco.

Como non quero empezar con cousas que non me gustan, comezo resumindo algunhas actividades que realizamos nas últimas semanas e que poden servirvos en semanas de moito nerviosismo. Ademais de xogos antigos (de asociación, puzzles, clasificación por cores e formas ou colocación de cada figura sobre a súa sombra) e de avanzar coas construcións, nestas semanas pintamos de novo con pintura de dedos (teño un vestido de Sabela que así o testemuña) probando con disintos elementos como instrumento como letras imantadas. Reiniciámonos no mundo das plastilinas con algunas especialmente blandas, dadas as dificultades amosadas por Sabela para xogar coas que teñen en clase, pintamos tamén con ceras irrompibles, recuperamos as botellas sensoriais e algunha caixa sensorial tamén, por exemplo, con pompóns suaveciños para relaxarnos.



Conseguín un novo interese de Sabela polas pegatinas usando stickers con moito relieve, máis fáciles de manipular e moi vistosos.

En xeral, despois de unhas semanas de moito estrés, conseguimos que Sabela se preste sen dificultade a realizar distintas actividades e se concentre con relativa facilidade, agora se trata de elevar o umbral do seu nivel de frustración para que non se agobie cada vez que non consigue facer algo á primeira. Aí temos que colaborar tod@s e tentar relaxarnos.

Teremos que intentalo, como sexa, aínda que non podemos esquecer outras áreas como a reivindicación. Esta semana ofrecín, xunto co portavoz de Esquerda Unida no concello da Coruña, unha rolda de prensa para anunciar que veño de pedir intervir no pleno para evitar que volva suceder algo como o que non aconteceu este verán e que non se volvan a marxinar aos nenos e nenas con diversidade funcional das actividades municipais pagadas con cartos de todos e todas nós.

A proposta foi desta forza política que me informou de que, segundo o regulamento de participación cidadá, existía esta posibilidade da que nunca se fixo uso. Son consciente das dificultades para que se acceda á miña petición, pero iso non implica que non a faga, así que aceptei encantada a súa idea.

Grazas de novo aos medios de comunicación que apoiaron e recolleron a reivindicación con maior ou menor acerto (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, La Opinión de A Coruña, RNE, Radio Galega, Cadena Ser, Onda Cero, e as axencias de noticias Efe e Europa Press). Irei ao pleno e falarei, se non é dentro, será fóra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario