lunes, 15 de abril de 2013

De equilibrios, caixas e botes

Levo un par de días sen escribir no blog por motivos variados. O primeiro foi ese sol marabilloso que reapareceu nas nosas vidas e que nos deu a oportunidade de lembrar o que era PASAR UN DÍA FÓRA!!! Que gustazo!!
O segundo non é tan estupendo, porque hai días mellores e outros máis complicados, con choros, amagos de virus e similar. En días deste tipo, pouco se pode facer para loitar contra os elementos e tratar de avanzar na estimulación da nosa peque. Pero pouco non quere dicir nada ;-), así que aqui estou con algunhas cousiñas que se poden intentar mesmo nos días difíciles.
Se os peques están polo labor de moverse moito, daquela aproveitade para traballar a área motora con exercicios que a moitos lles encantan como camiñar polo borde das beirarrúas, practicando o equilibrio (a Sabela tamén lle gusta) e despois camiñar en desnivel, cun pé arriba e outro abaixo.
Se seguen con ánimo de moverse, xa sabedes, a practicar os saltos dende o alto do bordillo e logo desde sitios cada vez un pouquiño más altos.

E se aínda neste punto a cousa segue movida, tentade aproveitar e canalizar toda esa enerxía, por exemplo, facendo a carretilla agarrándoos polos pés para que camiñen coas mans (é un exercicio fantástico, pero, dependendo d@s peques e da súa evolución eu non o recomendaría antes do ano e medio, pero xa digo, dependendo de cada caso), facendo exercicios de resistencia e forza como empurrar a parede ou unha árbore coas mans e os pés.

Se xa estades cansos de tanto movervos, podedes tentar sacar proveito de todas as pequenas e grandes cousas que usades no día a día integrando aos peques en calquera tarefa cotiá con supervisión, por suposto. Por exemplo, pequenos recados: "tráeme isto, lévalle aquilo a papá" ou pedindo sempre a súa axuda para as cousas que lles afectan. Un bo exemplo é a rutina de cremas ou medicamentos, pasta de dentes ou calquera outro tubo, frasco ou bote que usedes no día a día, tamén os que usedes para preparar a merenda, por exemplo. Que sexan eles ou elas quen o abran o saquen e logo o pechen e garden para practicar a súa motricidade fina. Sei que non sempre temos tempo diso, para que nos imos enganar, pero, se o integramos na rutina, logo serán eles os que nos pidan facelo porque lles acaba encantando. Por suposto, insisto, con supervisión continua!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario