viernes, 19 de abril de 2013

Soprou e soprou e a casiña derrubou...

A estimulación do sopro é un dos nosos cabalos de batalla. Cando apenas tiña pouco máis dun ano, Sabela comezou a soprar un pouquiño imitándonos cando lle liamos un conto dos grandes Bolechas pero, como algunhas outras cousas que foi aprendendo, deixou de facelo.  Así que aí estamos, con mil armas e unha para tratar de estimular o sopro. A última adquisición foi un muíño de vento pero, en realidade vén a culminar toda unha colección de pequenas adquisicións froito de mil visitas a webs e percorridos por tendas de todo tipo.

Temos chiflos, unha harmónica, unha frauta de émbolo, as pompas nunca poden faltar, as plumas dunha boa que lle encantan, tubos varios e variados dos que sacamos cousas e polos que logo falamos e soplamos, un cornetín adquirido na voda duns amigos e tres grandes aportacións dunha tenda online que descubrimos no blog dos mestres de audición e linguaxe: tommy o silbador, un boneco que necesita moi pouco soprido para soar, o toobaloo e un chiflo para o nariz.

Son tres xoguetes para estimular o sopro e a fala que mercamos nunha tenda online  con cousas moi interesantes, hop toys. En concreto, o toobaloo paréceme unha grandísima idea porque serve para estimular a fala e a comunicación e no caso dos nenos que xa falan, pero teñen calquera problema relacionado con esta área, permítelles escoitarse a sí mesmos. Desde logo, para min, a primeira vez que o probei, resultou curiosísimo, toda unha experiencia!

Ademais da nosa grande caixa do sopro e do muíño de vento, non se poden esquecer as posibilidades de sorber e soplar por unha palliña, cos grandes circuitos de sopro que se poden facer. No blog el sonido de la hierba al crecer atoparedes grandes ideas neste terreo (e en tantos outros).

No hay comentarios:

Publicar un comentario