jueves, 11 de abril de 2013

Macarróns e pelotas

Despois de perder onte máis dunha hora para descubrir que o blogger e a tablet non se levan ben, aquí estou para contarvos cousiñas novas. No día a día irei sumando actividades que aplicamos na casa para a estimulación de Sabela e que nos van ben. Obviamente, hai outras que intentamos e non funcionan, pero esas deixámolas para máis adiante.
Onte conseguimos tres pequenas victorias en actividades da área motora e perceptivo-cognitiva.


Na primeira encantoulle lanzar e mesmo patear unha pelota grande  coas dúas mans, coa miña axuda, pero encantada.
Na área perceptivo-cognitiva volvimos empregar a pizarra da súa habitación para tentar que copiase as liñas rectas que debuxabamos nós. De novo guiándolle a man, pero conseguimos motivación e intentonas.
Finalmente, tamén nos foi moi ben ensartando macarróns nunhas palliñas das de beber. Hai que aproveitar o que tes pola casa e nunca sabes o que lles pode interesar, esta é unha lección que podedes aplicar a todo. De feito, os macarróns, as pallas e outros materiais os gardei nunha caixa de cartón baleira que estamos decorando con gomets de distintas cores e de paso aproveitamos para practicar máis pricomotricidade fina e discernir formas e cores.
Os exercicios da área motora son fundamentais no desenvolvemento de calquera neno porque lle axudan a ter unha mellor coordenación, máis control dos seus músculos e conciencia do seu corpo e o seu entorno. Pensade na sensación que se queda ao lanzar algo con forza...
No caso de ensartar macarróns (podedes facelo con mil cousas: carretes de fio, bolas dun colar que sexan grandiñas, arandelas,  cordóns ou cordas, etc) xa estamos ante un exercicio de psicomotricidade fina que require precisión pero, non vos enganedes, tan importante é iso como lanzar ben unha pelota ou facer equilibrios.
Como vedes, todas estas cousas podedes facelas con peques neurotípicos ou con distintos tipos de diversidade funcional, a tod@s lles vai ben.

Por suposto, aqui seguimos traballando e preparando material comunicativo novo pero iso é outra película moi longa e outra lección que aprendín é que unha cousa vai despois da outra, pasiño a pasiño vai facéndose o camiño de lastros amarelos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario