lunes, 17 de junio de 2013

Comprendendo un mundo de formas e cores

Pois aínda que me pareza mentira a min mesma, aínda non conseguimos sacarnos as toses de enriba, con moito esforzo e poucas ganas algúns días e outros momentos mellores nos que avanzamos pouco a pouco.

Seguimos traballando coas cores, pero tamén moito traballo de comprensión e de emparellamento de igual con igual (non só a mesma cor coa mesma cor). Este tipo de traballo é fundamental para avanzar tamén no uso do método PECS do que xa vos teño falado. Con Sabela utilizámolo con bastante éxito pero usando fotografías. Os reforzos visuais permítennos explicarlle as cousas que imos facer ou as que lle pedimos que faga pero, de momento, só consegue identificar fotos, non imaxes abstractas (pictogramas) que nos permitirían dar un paso máis na comprensión. Para todos e todas os que non esteades versados na materia póñovos abaixo un par de exemplos de pictos un para "bico" e outro para "desexar". Obviamente é máis difícil de comprender o segundo, por ser un concepto totalmente abstracto, pero tamén permite expresar e explicar moitas máis cousas.

Por todo isto traballamos a identificación de imaxes (igual con igual) e a comprensión oral. Facémolo nestes días de varios xeitos.

Para a identificación de imaxes estou usando uns materiais que comprei en Didó (fantástica tenda para os que vivades na Coruña). O primeiro deles paréceme moi recomendábel porque se trata de colocar con velcro (ese marabilloso invento) imaxes iguais sobre unha plantilla. O material é moi bo para traballar con peques porque se pode lavar, usar como plantilla para outros traballos, aproveitar para inventar historias... e de paso traballas as cores neste caso. Estiven botándolle un ollo á web da marca que fabrica estes xoguetes, Scotchi,  e teñen cousas ben interesants.

O segundo é un puzzle no que colocas imaxe igual sobre igual. Finalmente, tamén estou aproveitando algunha cousiña do estupendo blog de Esther (La sonrisa de Arturo) un par de plantillas para xuntar animais iguais con iguais.

No mundo das cores seguimos traballando con distintos materiais, pero o que mellor parece funcionar no noso caso (cada peque é un mundo) é calquera traballo que teña que ver con meter algo dunha cor dentro de algo da mesma cor: uns tapóns amarelos dentro dunha cunca amarela, culleres vermellas dentro de vaso vermello, etc

No hay comentarios:

Publicar un comentario