viernes, 19 de abril de 2013

Do camiño de lastros amarelos


Do camiño de lastros amarelos


Sempre vin algo de egocentrismo e exhibicionismo neste mundo dos blogs, pero non me decataba de que, como con case todo, tamén teñen seu lado bo: que serven para comunicarmonos con outra xente, para axudar e recibir axuda, para desafogar tamén de cando en vez.
Co paso dos meses e dos anos desde que as nosa vidas cambiaron, vexo que non hai blogs de pais ou profesionais que traten a pequenos e pequenas con afasia infantil, en realidade, non hai nenos nin nenas como Sabela, nin casos como o seu porque cada un é diferente.
Cada caso e cada nen@ é un mundo, iso está claro, pero decidín empezar a relatar o noso particular camiño a Oz como unha axuda máis, como un caderno de bitácora, que ás veces mesmo pode server de recordatorio.
Cando Sabela tiña cinco meses enfermou. Era un “virus” dixo o pediatra e non lle deu importancia. Atinou, era un “virus” (o herpes), pero si tiña importancia porque ese virus atacou a súa pequena materia gris e produciulle unha meningoencefalite aguda que acabou deixando danado o seu cerebro de por vida con crises comiciais polo camiño.
Non é éste o lugar para explicar o que sucedeu os meses posteriores a iso. Non lle desexo a ninguén un inferno coma ese e non é necesario lembralo. Só vou lembrar que nese momento, o peor da miña vida sen dúbida algunha, tiven a moita xente apoiándome. Unha desas persoas (chamémoslle RRR) enviábame mensaxes de esperanza, de luz e cor que nos levaban ao mundo de Oz e que me fixeron lembrar que, como lle sucedeu a Dorothy, non podemos esquecer que o que precisamos está no noso interior. Para sairmos adiante só temos que crer en nós, nas nosas posibilidades e traballar arreo. Así o fixo, faino e seguirá facéndoo Sabela, moito mellor ca Dorothy.

5 comentarios:

  1. Do fe de que esa primeira etapa foi tremenda, sobre todo para vos, pero creédeme se vos digo que tamén o foi para os que estabamos ao voso arredor. Algo rompeu dentro de min cando recibín a túa chamada mentres paseaba polo Corgo do Grove. pero pouco a pouco, ese anaco escachado no meu interior empezou a recompoñerse con eses pequenos, aínda que enormes, lastros amarelos que vos empezastes a atopar na vosa particular búsqueda de Oz.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Adiante, sempre adiante polo camiño que imos descubrindo, Isa. E sempre con tod@s vós a carón

      Eliminar
  2. Noraboa por arrancar co blog. É certo que cada caso e cada neno é diferente, pero tamén o é que os pais que pasan por unha situación así teñen que sacar forzas de dentro para facerlle frente ao peor momento das súas vidas. Diso tí sabes moito, moitísimo, e por iso me alegro de que o queiras compartir. Un bico grande
    Ana

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Bicos Ana. Ambicións e boas intencións teño todas as do mundo. Agora, a ver o que sae de aquí

      Eliminar
  3. Lembro os primeiros momentos....e agora ver este blog parece que pasaron mil anos....Bicos cheo de cores e me alegro moito que queiras compartir con tod@s nós, o camiño de lastros amarelos

    ResponderEliminar