domingo, 26 de julio de 2015

A nena que cantaba as palabras


Levo tanto tempo sen escribir que non vou volver xustificarme, para que? A vida, ás veces, é así de complicada ou de sinxela, segun como se mire. Ao asunto, veña!!!

Sabela non fala, así de sinxelo e de complicado. Non emite os conxuntos de fonemas que emiten a maioría de seres humanos (OLLO, NON TODOS!!!) para comunicarse nas distintas linguas oficiais ou extraoficias existentes. Pero desde moi pequena Sabela se comunica, vaia se o fai!!! con signos, con xestos, con pictos, fotos, como se lle ocorre e... con música. Xa vos teño falado neste mesmo blog de Carla López, a musicoterapeuta coa que Sabela xoga-traballa desde que tiña uns dous anos. Da súa man aprendeu cada día un pouco máis sobre as sonoridades do seu corpo, dos obxectos que a rodean, do mundo... E tamén da súa man e da nosa foi pouco a pouco sacando máis ritmos do seu corpo e foi desfrutando con esta forma de comunicarse e de sentir.

A súa relación coa música vén de lonxe. Lembramos perfectamente espertarnos coa voz de Sabela a través de intercomunicador cando non tiña nin un ano entonando a melodía de "Smoke on the water" e encantáballe tararear tamén a "Lara´s song" de Doctor Zhivago. Ten bo gusto musical e uns pais que tratan de poñerlle un pouco de todo con mellor ou peor criterio pero a mellor vontade do mundo :)



Todos os días, a todas horas, no seu recuncho da sala dende hai meses Sabela ármase da segunda guitarra que pasou pola nosa casa e que malvive como pode con tan só xa tres cordas, unha caixa metálica e o que caia para improvisar as súas propias jam-session. En máis de unha ocasión temos comentado que ten un gran futuro como membro de Mayumaná aínda que eles non o saiban e teñamos moito que perfeccionar no seu estilo (e non a vexo coas súas pezas máis movidas a verdade).

Sabela non fala, pero canta, repite os ritmos das palabras e as entonacións que escoita e tararea e reclama unha e outra vez as súas cancións favoritas algunhas coñecidas e outras inventadas por nós para contar historias: Lúa, O pitiño amareliño, O Polo Pepe, Cucu-Tras, Papá e calquera que escoite en calquera momento e a sorprenda, a enganche por uns segundos.



Pa-pá, ma-má, ne-ne, pi-pi, po-pó, gu-gu, cu-cú, Cariña de rosa, flor de caravel, cando así me chames eu responderei

Así que non necesito que ninguén me veña a amosar comprensión-compaixón dicindo aquelo de "xa falará". Encantaríame que así fose pero, polo momento, xa fai algo máis difícil que é cantar.

Din que eu canto ben, non o sei, pode ser, o que sí sei é que a Sabela encántalle oírme cantar e vaia se o fago e vaia se o fai ela. Todos os días da miña vida desde hai anos, que non pare a música, que non pare a vida.
(A fermosísisisima foto é da sesión que nos fixeron os encantadores chicos de Olladas Paos)

martes, 16 de junio de 2015

Recalculando o camiño a Oz

Recalculando rutas, vidas, momentos. Teño moitas ideas, cousas que contar e ningún tempo para facelo. A vida (sobre todo a profesional) quitoume as horiñas que me quedaban para arañar ao sono, así que, aquí ando, lembrando todos os días que teño que escribir e sen poder facelo.

Material temos de sobra...

Unha nena que apenas fala, pero canta o que lle poñas por diante e un peque que quere coller a lúa... e o conseguirá, para darlla a Sabela e xogar en ela. Xa o veredes.

Aquí vos deixo a imaxe que nos regalou a grande Paula Verde Francisco e a recomendación para que vos pasedes de cando en vez tamén pola web que lancei hai pouco máis dun mes omundoaoreves porque todos estamos do revés, de unha e outra maneira.


lunes, 23 de marzo de 2015

De como Tommy nos axudou a soplar

Non vos vou deixar definitivamente, pero o certo é que cada vez teño menos tempo e enerxía para adicala a este diario que xa case empeza a ser mensual. Entre as leccións que aprendín nestes anos unha é realmente importante: escolle as túas batallas e trata de priorizar (algo imposible case sempre).

Pero, de momento, aqui estou, tarde, regular, e medio arrastrándome, coma case sempre que me poño a escribir este blog trasnoitador.

Nos últimos tempos estamos deixando xurdir o lado máis gamberro e desordenado de Sabela. É un risco que quizais non deberíamos correr, pero estamos conseguindo que sexa moito máis espontánea, que tome máis a iniciativa e, sobre todo, que estea moito máis contenta. A contraprestación é que as obsesións e as estereotipias volven a repuntar e con eles o meu incremento de nerviosismo e o de calquera que estea ao seu arredor.

Entre as grandes noticias dos últimos tempos está a crecente estimulación do soplo grazas ao noso amigo Tommy. Temos un novo aliado para espantar cun pouquiño de aire todos os nosos males. Recoméndovolo encarecidamente se @s vos@s peques teñen problemas co soplo. Soa case só cunha respiración forte e a Sabela encántalle, polo que, ao sentirse motivada, sopla e sopla e volve a soplar co seu amigo Tommy.

Na lista das nousas pequenas grandes cousas boas están tamén: a experimentación coa pintura de dedos, despois de tempo e tempo de intentalo (a peque é así, nunca sabes como te vai sorprender), ou os avances en masticación (por fin bocadillos!!)

lunes, 2 de marzo de 2015

5

Levo uns dez días nos que non dou feito nin o que quero facer no día a día, nin o que teño planificado (por dicir algo) para esa semana. Non trato de dar mágoa, nin moito menos, xa sei que o 80% da humanidade está así, só constato unha realidade. O certo é que esta entrada debería estar subida a Internet hai xa uns días, no marabilloso mes de febreiro.

Empecei o mes triste, desanimada, gris. É o mes do cumpreanos de Sabela e, nos últimos dous anos, afronto esa data con moita moita tristura. Sei que sona fatal o que escribo, pero tamén sei que algúns pais e nais compartirán comigo este sentimento. Son xa cinco anos, xa pasamos a etapa sobreprotexida e experimental do primeiro ciclo de infantil e os primeiros pasos no "cole de maiores". Agora, a sociedade empeza a considerar á miña nena como unha "nena maior", aquela famosa expresión tantas veces escoitada e odiada por min cada era nena de "estás feita unha mujercita!"

O medo ou a incertidume co que enfrontas o futuro da túa filla sendo nai multiplícase por mil cando partes dunha situación de diferencia diferenciada etiquetada como tal como a de Sabela. Os seus compis de clase cren que é pequeniña, que ten menos anos ca eles cando a situación é exactamente a contraria e non podes deixar de pensar en que todo se acelera a partir de agora, cunha sensación de vertixe imparable.

A sociedade concédelle menos "permisos" aos nenos a medida que se van facendo maiores (cuestión digna dunha profunda reflexión en diversos ámbitos, non só o da neurodiversidade) e incrementa as presións sobre eles no día a día. É así, non se pode negar e considero que é un campo no que debemos traballar entre tod@s para mellorarnos como tal sociedade.

É por isto que empecei o mes que vén de rematar cun espírito case de loito. Sei que soa horrorosamente mal, pero non teño un blog para mentir.

Agora ben, coma sucede case sempre, Sabela encargouse de que o espírito e o humor me cambiasen. Inzou o mes de grandes momentos repletos de avances e ledicia e demostrounos unha e outra vez que sempre nos pode sorprender. Nesta última semana de tolos (con día feliz de cumpreanos incluído) a miña cabeciña encheuse con reflexións ben diferentes a aquelas coas que iniciei febreiro. Miradas de luz, de música, bicos de lúa, paseos nunha ponie máxica, carreiras de coches, soplidos e resoplidos e moreas de esperanza.

Bicos sen fin, miña nena, que te recarguen a ti e me dean forzas a min cando perdo a estela do camiño de lastros amarelos cara Oz.

Sabela, tuneada co seu gorro de entroido.

domingo, 15 de febrero de 2015

Brum bruuum bruum

Sabela non ten adquirido o xogo simbólico. Xogamos con ela con coches, bonecas, cociniñas, pero non lle interesa gran cousa, nin lanzar camións, nin darlle de comer ás bonecas, nin pasealas, nin tirar os bólidos por unha pendente, nin monicreques, nin xogar aos barcos na bañeira. Tivemos algún pequeno éxito illado que non perdurou no tempo, algunhas risas lanzando coches por un tobogán ou facendo cóxegas mentres o avión pasa polo seu corpo.

Pero, o que sucedeu hoxe foi único e espero con todas as miñas forzas que se repita.

Temos unha pequena colchoneta coa que algunha vez xoguei cos peques a arrastralos pola casa simulando que era un coche. Gustoulles, sobre todo a Iago, aínda que Sabela permaneceu na colchoneta un rato, sen protestar nada. Esta mañá a miña filla, que non ten adquirido o xogo figurativo e que ata agora vía nunha cousa só esa cousa achegouse por iniciativa propia á colchoneta, púxoa no chan e empezou a empurrala por todo o pasillo mentres facía brum bruuum bruuum.

Non teño fotos nin vídeos, non teño palabras, só esperanza e ilusión.

jueves, 12 de febrero de 2015

Carnaval te quiero

É mentira, non me gusta nada o Entroido, por moito que o diga a canción. Nunca me gustou e non sei se chegará a gustarme algunha vez, pero si é verdade que ofrece unhas cantas oportunidades para experimentar. Como unha caixa sensorial con confetti e serpentinas na que podes colar elementos para que os busquen como letras e números (magnéticos ou de gomaeva), pompóns quizais ou outras texturas.

Iago xogou un pouco na búsqueda do tesouro pero Sabela tívoo ben claro: feeeeeesta rachadaaaaa.





Tamén vos deixo unha imaxe da miña última manualidade, o sombreiro para a festa de Entroido do cole de Sabela. Este ano queren recrear unha tradición francesa (o alumnado escolleu como país a estudar este ano Francia) coñecida como "Catherinettes" e que, en resumo, consiste en levar un sombreiro extravagante (é resumir moito, aviso, porque en realidade ten que ver con ser unha muller solteira, vamos, asunto sexista onde os haxa).

Ademais de plumas e muíños de vento, recurrín a un dos mellores amigos de Sabela dende hai anos "O pitinho amarelinho, cabe aquí na miña man"


Nestas últimas semanas traballamos, coma sempre, moitas cousas: emparellamos por formas e cores, imitamos con libros musicados, facemos carreiras de saltos, lanzamos a pelota, xogamos a lanzarnos coches... Pero o certo é que nos está costando reducir o nivel de ansiedade e nerviosismo da peque, así que estamos tendo un ritmo moi moi moi pausado. Xa se sabe que o camiño a Oz é longo e, aínda que ás veces me gustaría moito acelerar o paso, sempre corremos o risco de deixar a algún dos viaxeiros atrás.

Como agasallo de despedida déixovos a nova palabra que a peque engadiu ao seu repertorio, debe de ser pola cantidade de veces que a escoita: Guaaa paaa
Por fóra e por dentro :)

lunes, 2 de febrero de 2015

Cousas que facer na Coruña cando chove

Dos 365 días do ano, na nosa cidade chove ou ameaza con facelo durante uns 280, así sen esaxerar nin mirar estatísticas. As fins de semana do inverno se convirten ás veces nunha especie de proba que debemos superar non con nota, senón simplemente viv@s e de bo humor.

Imos probando de todo. Así que aqui vos poño unha pequena lista e ides collendo as ideas que vos gusten, moitas delas están inspiradas en cousas que vexo en Internet ou que reinvento de experiencias anteriores:

Emparellar calcetíns. Así de paso axudamos todos na casa e agudizamos a atención e a concentración.

Plastilina en diversas modalidades: números feitos con plastilina asociados a bolitas de plastilina (número 1, unha boliña, 2, dúas boliñas...)
Pintamos con ceras, pinceis, estampamos...
Xogamos ao escondite. Ultimamente a Sabela lle motiva moito buscar lúas pola casa adiante.
Deixamos voar a imaxinación (ou iso intentamos) coas construccións.
Facemos collares con cordas e abalorios ou macarróns.
Xogamos coas nosas caixas sensoriais de mil formas distintas: xogamos a tocar e discernir o que hai dentro, a pasalo dun envase a outro, practicamos motricidade fina para rescatar as lentellas de debaixo da mesa...

Cantamos cancións con pictogramas.
Recurrimos aos clásicos xogos con coches, camións, para o peque sempre son un éxito que se reinventa con diferentes guións.
Soplamos e tocamos confetti e pompons.
Lemos contos novos e vellos como "El pollo Pepe" ou "El elefantito curioso".
Experimentamos con xogos educativos como o Colorama e con outras actividades para clasificar por cores.
E cando todo falla, bailamos e comemos fresas con nata!!!!! Oh yeah