Levo uns dez días nos que non dou feito nin o que quero facer no día a día, nin o que teño planificado (por dicir algo) para esa semana. Non trato de dar mágoa, nin moito menos, xa sei que o 80% da humanidade está así, só constato unha realidade. O certo é que esta entrada debería estar subida a Internet hai xa uns días, no marabilloso mes de febreiro.
Empecei o mes triste, desanimada, gris. É o mes do cumpreanos de Sabela e, nos últimos dous anos, afronto esa data con moita moita tristura. Sei que sona fatal o que escribo, pero tamén sei que algúns pais e nais compartirán comigo este sentimento. Son xa cinco anos, xa pasamos a etapa sobreprotexida e experimental do primeiro ciclo de infantil e os primeiros pasos no "cole de maiores". Agora, a sociedade empeza a considerar á miña nena como unha "nena maior", aquela famosa expresión tantas veces escoitada e odiada por min cada era nena de "estás feita unha mujercita!"
O medo ou a incertidume co que enfrontas o futuro da túa filla sendo nai multiplícase por mil cando partes dunha situación de diferencia diferenciada etiquetada como tal como a de Sabela. Os seus compis de clase cren que é pequeniña, que ten menos anos ca eles cando a situación é exactamente a contraria e non podes deixar de pensar en que todo se acelera a partir de agora, cunha sensación de vertixe imparable.
A sociedade concédelle menos "permisos" aos nenos a medida que se van facendo maiores (cuestión digna dunha profunda reflexión en diversos ámbitos, non só o da neurodiversidade) e incrementa as presións sobre eles no día a día. É así, non se pode negar e considero que é un campo no que debemos traballar entre tod@s para mellorarnos como tal sociedade.
É por isto que empecei o mes que vén de rematar cun espírito case de loito. Sei que soa horrorosamente mal, pero non teño un blog para mentir.
Agora ben, coma sucede case sempre, Sabela encargouse de que o espírito e o humor me cambiasen. Inzou o mes de grandes momentos repletos de avances e ledicia e demostrounos unha e outra vez que sempre nos pode sorprender. Nesta última semana de tolos (con día feliz de cumpreanos incluído) a miña cabeciña encheuse con reflexións ben diferentes a aquelas coas que iniciei febreiro. Miradas de luz, de música, bicos de lúa, paseos nunha ponie máxica, carreiras de coches, soplidos e resoplidos e moreas de esperanza.
Bicos sen fin, miña nena, que te recarguen a ti e me dean forzas a min cando perdo a estela do camiño de lastros amarelos cara Oz.
Sabela, tuneada co seu gorro de entroido.
Tes unha nena preciosa que da ledicia só de mirala!. Non sei qué lles pasa nos ollos a estes nenos que son dos máis fermosos do mundo. Tal vez porque neles se expresa a veradeira humanidade que vai máis alén da mal coñecida intelixencia e o noso afán de estar por riba de todo e de todos. Ánimo que non estás soa!!
ResponderEliminar