domingo, 15 de febrero de 2015

Brum bruuum bruum

Sabela non ten adquirido o xogo simbólico. Xogamos con ela con coches, bonecas, cociniñas, pero non lle interesa gran cousa, nin lanzar camións, nin darlle de comer ás bonecas, nin pasealas, nin tirar os bólidos por unha pendente, nin monicreques, nin xogar aos barcos na bañeira. Tivemos algún pequeno éxito illado que non perdurou no tempo, algunhas risas lanzando coches por un tobogán ou facendo cóxegas mentres o avión pasa polo seu corpo.

Pero, o que sucedeu hoxe foi único e espero con todas as miñas forzas que se repita.

Temos unha pequena colchoneta coa que algunha vez xoguei cos peques a arrastralos pola casa simulando que era un coche. Gustoulles, sobre todo a Iago, aínda que Sabela permaneceu na colchoneta un rato, sen protestar nada. Esta mañá a miña filla, que non ten adquirido o xogo figurativo e que ata agora vía nunha cousa só esa cousa achegouse por iniciativa propia á colchoneta, púxoa no chan e empezou a empurrala por todo o pasillo mentres facía brum bruuum bruuum.

Non teño fotos nin vídeos, non teño palabras, só esperanza e ilusión.

jueves, 12 de febrero de 2015

Carnaval te quiero

É mentira, non me gusta nada o Entroido, por moito que o diga a canción. Nunca me gustou e non sei se chegará a gustarme algunha vez, pero si é verdade que ofrece unhas cantas oportunidades para experimentar. Como unha caixa sensorial con confetti e serpentinas na que podes colar elementos para que os busquen como letras e números (magnéticos ou de gomaeva), pompóns quizais ou outras texturas.

Iago xogou un pouco na búsqueda do tesouro pero Sabela tívoo ben claro: feeeeeesta rachadaaaaa.





Tamén vos deixo unha imaxe da miña última manualidade, o sombreiro para a festa de Entroido do cole de Sabela. Este ano queren recrear unha tradición francesa (o alumnado escolleu como país a estudar este ano Francia) coñecida como "Catherinettes" e que, en resumo, consiste en levar un sombreiro extravagante (é resumir moito, aviso, porque en realidade ten que ver con ser unha muller solteira, vamos, asunto sexista onde os haxa).

Ademais de plumas e muíños de vento, recurrín a un dos mellores amigos de Sabela dende hai anos "O pitinho amarelinho, cabe aquí na miña man"


Nestas últimas semanas traballamos, coma sempre, moitas cousas: emparellamos por formas e cores, imitamos con libros musicados, facemos carreiras de saltos, lanzamos a pelota, xogamos a lanzarnos coches... Pero o certo é que nos está costando reducir o nivel de ansiedade e nerviosismo da peque, así que estamos tendo un ritmo moi moi moi pausado. Xa se sabe que o camiño a Oz é longo e, aínda que ás veces me gustaría moito acelerar o paso, sempre corremos o risco de deixar a algún dos viaxeiros atrás.

Como agasallo de despedida déixovos a nova palabra que a peque engadiu ao seu repertorio, debe de ser pola cantidade de veces que a escoita: Guaaa paaa
Por fóra e por dentro :)

lunes, 2 de febrero de 2015

Cousas que facer na Coruña cando chove

Dos 365 días do ano, na nosa cidade chove ou ameaza con facelo durante uns 280, así sen esaxerar nin mirar estatísticas. As fins de semana do inverno se convirten ás veces nunha especie de proba que debemos superar non con nota, senón simplemente viv@s e de bo humor.

Imos probando de todo. Así que aqui vos poño unha pequena lista e ides collendo as ideas que vos gusten, moitas delas están inspiradas en cousas que vexo en Internet ou que reinvento de experiencias anteriores:

Emparellar calcetíns. Así de paso axudamos todos na casa e agudizamos a atención e a concentración.

Plastilina en diversas modalidades: números feitos con plastilina asociados a bolitas de plastilina (número 1, unha boliña, 2, dúas boliñas...)
Pintamos con ceras, pinceis, estampamos...
Xogamos ao escondite. Ultimamente a Sabela lle motiva moito buscar lúas pola casa adiante.
Deixamos voar a imaxinación (ou iso intentamos) coas construccións.
Facemos collares con cordas e abalorios ou macarróns.
Xogamos coas nosas caixas sensoriais de mil formas distintas: xogamos a tocar e discernir o que hai dentro, a pasalo dun envase a outro, practicamos motricidade fina para rescatar as lentellas de debaixo da mesa...

Cantamos cancións con pictogramas.
Recurrimos aos clásicos xogos con coches, camións, para o peque sempre son un éxito que se reinventa con diferentes guións.
Soplamos e tocamos confetti e pompons.
Lemos contos novos e vellos como "El pollo Pepe" ou "El elefantito curioso".
Experimentamos con xogos educativos como o Colorama e con outras actividades para clasificar por cores.
E cando todo falla, bailamos e comemos fresas con nata!!!!! Oh yeah

viernes, 16 de enero de 2015

A gran asignatura pendente

Neste camiño que andamos a diario temos unha asignatura pendente, unha pedriña que non se quita do medio día tras outro e que, por veces, se me fai unha montaña enooooorme: a socialización e o xogo con outros nenos e nenas. Sabela tolera aos seus compañeiros e compañeiras, aos nenos e nenas do parque, pero non amosa interese por eles. Como ademais non ten adquirido o xogo figurativo e os seus intereses lúdicos son moi limitados resulta complicado implicala nunha dinámica de xogo con outros peques.

Por suposto, facemos moitos intentos con Iago, aínda que na casa, a confianza, ás veces, é de máis e o peque é quen non quere colaborar e se escapa ou tira o xogo, ou prefire cambialo... Sabela e Iago xogan moito xuntos, pero non sempre revoltos,diría.

Entre as nosas últimas innovacións invítovos a soplar plastilina blanda. Despois de facer xunt@s un xogo estupendo de clasificación por cores extraído do facebook de El sonido de la hierba al crecer, Iago empezou a meter as palliñas (as de beber de toda a vida) na plastilina. Empezamos a soplar para botar a plastilina fóra das palliñas. Buffff, que difícil! Iago pedíame que lle disparase á camiseta, así que empezamos a "tirar a dar" buscando dianas moi visibles. O peque pasouno en grande, pero xa vos aviso que é un exercicio para avanzados e avanzadas en exercicio de soplo.

Xogamos coas novas incorporacións que nos trouxeron os Reis, pero os cambios necesitan do seu tempo e as vacacións trouxeron consigo un nerviosismo que está costando baixar pouco a pouco.

Pero o alegrón do mes chegou esta semana cando a coidadora nos contou e enviou documentos gráficos de como a nosa filla se interesa por outros nenos (neste caso nenas), e lles dá bicos e, de momento, deixa que "xoguen con ela" ben contenta. Como non teño permiso para difundir as imaxes destas nenas lindas manipulo as imaxes para que non se recoñezan pero, se eu fose a súa nai, tía, amiga, etc, estaría ben orgullosa delas, a verdade.



martes, 6 de enero de 2015

As miñas raíñas e reis: espantallos, leóns e xentes de folla de lata

Teño a unha amiga vivindo estes Reis allende los mares cun futuro incerto, pero repleto de promesas de felicidade que pedía hoxe nas redes sociais que a xente deixase de compartir as súas "chorri" fotos para aplacar mellor a súa tristura por estar tan lonxe. Teño amigas que comparten con todos e todas a súa ledicia nesas redes sociais e en outras menos virtuais pola ilusión que os seus fillos e fillas viven neste día. Teño amigas e amigos que me acompañan neste camiño que andamos todos os días como podemos e/ou sabemos.

Teño unha familia marabillosa coa que compartir a vida. Teño moitas cousas, moito máis do que podía agardar diría pero non, tranquis, que isto non é unha carta non apta para diabéticos na que vos vou encher de amor polos vosos semellantes (aínda que non estaría mal se puidésedes sentilo de cando en vez, cando a merda da vida non vos asulague). Todo isto vén a que hoxe pensei en escribirlle unha carta a alguén, pero pensei que mellor que aos Reis Magos, debería dirixirlla aos amigos, amigas, profresionais e familia que nos apoian día a día para que o sigan facendo nos máis de 360 días que quedan ata as vacacións de Nadal de 2015.

Porque neste día de Reis Sabela de novo non desfrutou en absoluto, se sobreestimulou e se agobiou, de novo non entendeu nada de nada nin tivo unha gran ilusión por ningún dos seus agasallos que nin sequera quería abrir, pero, cando menos, penso que foi un pouco mellor que o 6 de xaneiro do ano pasado e espero que peor que o de 2016, 2017, 2018.

E, se non pode ser, que lle vaian dando bastante aos Reis Magos que non os precisamos para nada. Teremos que cambiar as tradicións e inventar unhas novas para desfrutar con amigas que están lonxe, con nenas ás que non lles gustan os tumultos ou con frikis de calquera clase. Mentres tanto, aquí vos deixo o único que tranquilizaba realmente onte á miña filla mentres as carrozas dos Reis pasaban diante das nosas narices e déixovos que me quedan unhas cantas fichas por adaptar e as clases empezan xa...


Rutina, volve a nós!!


miércoles, 31 de diciembre de 2014

Balances inútiles

Aquí estou, no medio da noite do día 31, ou máis ben a madrugada do 1 de xaneiro de 2015 pensando no vivido nos pasados 356 días. E que balance podemos facer deles?

Quen son eu para xulgar nada? Se non son capaz nin de xulgar o vivido nas dúas últimas semanas de vacacións... Ultimamente, non penso moito... ou si, mesmo demasiado, os ratos que me deixa a vida adícoos a pensar de máis e o resto... a vivir.

Neste ano, unha antiga amiga coa que me comuniquei por correo electrónico díxome que me seguía polas redes sociais e polo blog e que vía que era feliz. Penseino un pouco e cheguei á conclusión de que a xente ten esa impresión porque, seguramente, desfruto moito máis dos bos momentos da vida que moita outra xente pero, a cambio, tamén sufro "pero ben" os malísimos momentos que nos tocan todas as semanas, pero deses prefiro nin falar, nin lembralos... para que?

Así que, mellor vos deixo unha mostra gráfica dalgunhas das nosas vivencias nestes días festivos cos nosos mellores desexos para este ano e todos os que veñen. Porque teño a firme convicción de que o ano novo é unha fantástica excusa para renovar os nosos desexos de vivir e de sermos felices.

A saber: desfrutando co chocolate
Xogando con gominolas e practicando motricidade fina
Superando retos (Iago sube que sube no tren chuchu e eu empeñada en que Sabela subira tamén, proba superada)
Paseando polo hortera poboado de Nadal









viernes, 19 de diciembre de 2014

Reflexionando sobre métodos educativos

Hoxe rematou o trimestre. Foi un día intenso, moi intenso, no que os meus peques viviron as súas festas de Nadal no cole. Iago con visita dos Reis Magos e Sabela con actuación incluída. Unha tarde con máis festa e coa miña estrea nesa festa como contadora de contos (pero iso é outra película da que xa darei conta) e o certo é que o que máis impresión me causou de todo este día foi ver as avaliacións e o traballo feito por Sabela neste seu primeiro trimestre.

82!!!! 82 fichas nun cole no que na reunión de preparación nos dixeron que non eran grandes devotos das fichas. Impresionante!!! Non é porque Sabela teña necesidades educativas de atención específica, é que creo que para calquera neno ou nena de Educación Infantil (3 a 6 anos) a experimentación debería ser a forma de aprendizaxe por excelencia e non pintar e pegar nun papel algo que non sabes moi ben que é. Sei que hai sistemas peores e estas fichas en concreto non me parecen un horror pero... bufffff asustada me quedei cando vin a cantidade que fixeran nestes tres meses e pico, sobre todo tendo en conta que no primeiro mes non deberon de facer nin dúas!!!

Creo que debemos reflexionar moi profundamente sobre o que estamos facendo co sistema educativo porque entre todas e todos estamos destruíndo a capacidade de aprendizaxe dos nosos peques. Tocar, probar, romper, rasgar, razonar, construír, destruír e volver a construír deberían ser os verbos máis utilizados por eles e elas en clase no lugar de pintar, pegar ou recortar.

Por que non comparan obxectos para ver as diferencias de tamaño en lugar de comparar debuxos? Por que non contan elementos reais en lugar de contar figuras nunha ficha? De verdade que éste é o camiño... Eu creo que NON







E xa digo que ésta é unha reflexión allea ás necesidades específicas de Sabela porque se me meto nesa selva xa non saio dela. Seguramente, sen as explicacións visuais e base de pictos e fotos e sen o apoio da súa coidadora a miña nena non tería feito nen a metade desas fichas. E iso non é o que me preocupa nin moito menos, senón que ela entenda para que pode servir todo isto. Se o entende alguén, que mo explique, por favor.