lunes, 18 de agosto de 2014

Sen palabras

Sen palabras te quedas ante feitos kafkianos como o que estamos a vivir este verán. Horas de sono perdidas que espero que lle sirvan a alguén no futuro para que feitos coma este non se volvan a repetir. Chegados a este punto, despois das conversas surrealistas que tiven que vivir nos últimos días, xa me nego a darlle máis voltas a nada. Os feitos, feitos son, e xa só pido que se me dea todo por escrito e, repito, que rectifiquen no futuro.

O único certo é que a miña filla, matriculada nun campamento de verán dependente do concello da Coruña, foi rexeitada e expulsada do mesmo por ter diversidade funcional. As versións que se poidan dar da cuestión rematan neste feito por unha vía ou pola outra, o resultado é o mesmo.

Como xa me enfadei bastante, voume poñer profesional (o xornalismo é a miña profesión inicial á quelogo fun sumando tantas outras) e aqui vos deixo a nota de prensa. Nunca pido difusión pero neste caso creo que é necesario difundir e que se saiba para que non pase nunca máis algo así.
 
 
O concello da Coruña expulsa a unha nena dun campamento de verán por ter diversidade funcional


A familia anuncia que presentará unha denuncia ante a Fiscalía por vulneración dos dereitos dunha menor con minusvalía

A Coruña, 18 de agosto. Unha menor con diversidade funcional quedou fóra dos campamentos de verán que organiza o Concello da Coruña. Segundo as informacións que o coordenador dos campamentos do Ágora lle ten transmitido á familia, a pequena, inscrita nesta actividade dende hai máis de dous meses, non pode participar na mesma. Por este motivo, a familia ten pensado presentar unha denuncia ante a Fiscalía por vulneración dos dereitos fundamentais dunha menor con diversidade funcional.

A nai da cativa púxose no seu día en contacto coa directora do Ágora e mantivo tamén unha reunión coa Concelleira de Cultura, Ana Fernández, na que, entre outras cuestións, se lle transmitiu o total apoio do Concello, así como o compromiso de buscar unha solución para que a nena puidese contar cun monitor ou monitora de apoio que lle permitise participar en igualdade de condicións nas actividades do campamento.

Despois desta xuntanza, a familia non volveu ter noticia algunha do concello (malia ter tentado falar de novo coa concelleira e ter enviado correos electrónicos, así como ter presentado documentos no rexistro do concello sobre este tema), motivo polo que se puxo en contacto co coordenador dos campamentos na pasada semana para tratar de achegar un método de traballo que facilitase a participación da súa filla nas actividades. A súa sorpresa foi maiúscula ao atoparse coa nova (confirmada por vía telefónica ao día seguinte polo coordenador dos campamentos do Ágora) de que a súa filla sería expulsada da actividade por ter diversidade funcional.

Deste xeito, o concello, despois de ser incapaz de buscar unha solución a esta situación, decide non admitir á pequena no campamento pola súa propia incapacidade, xa que a única razón de que a nena non conte cos apoios que precisa é que o concello non os buscou, malia terse comprometido a facelo ( e terse ofrecido a familia a colaborar nesta búsqueda).

Chegados a este punto, a familia, só espera recibir unha confirmación escrita do Concello sobre a súa decisión de perpetrar esta discriminación inxustificable e que a súa loita sirva para que feitos coma este non se repitan.





No hay comentarios:

Publicar un comentario