jueves, 28 de agosto de 2014

Impro-traballando

A recta final das vacacións, con mal tempo e poucas ideas xa ás veces pode ser un pouco dura, pero non podemos deixarnos levar. Así que, entre unhas cousas e outras atópome case todos os días impro-traballando sobre a marcha.

Para non enrollarme demasiado vou ir directa ao grano. Estas son algunhas das actividades e propostas que lles fixen aos meus peques nesta semana.

O taburete

Ese gran obxecto que nos últimos tempos fascina á miña filla. Soe collelo no baño e xogar a tiralo, a esconderse dentro, a ver o sonido que fai segundo se mova a un lado ou outro, segundo choque cunhas cousas ou outras... Decidinme a intentar sacarlle algo de proveito así que, aquí vos resumo algunhas propostas.
-Convertiuse nun lenzo para a nosa expresividade artística (pinturas, gomets)
-Os buratos circulares laterais sirven para mirar por uns prismáticos
-No fondo do taburete hai uns compartimentos nos que peguei distintos xoguetes pequenos que Sabela foi despegando
-Usámolo como tunel para lanzar coches por debaixo
-Se lle das a volta tes un fantástico veículo no que cabe perfectamente un neno ou nena que vai conducindo o seu coche, barco... o que che apeteza


Os legos

Intenteino de mil formas, pero Sabela (e mesmo Iago) non están moi interesados nos Lego, así que probei da última forma que se me ocorría: coa experimentación pura e dura. A Iago encántalle tiralos como se fose unha choiva de legos e agora o que prefire Sabela é desmontar peza a peza o que eu vou construíndo. Están concentrados e Sabela, xa de paso, fai uns exercicios fantásticos para fortalecer as mans.


Caixa dos tesouros


É unha idea moi sinxela que case todo o mundo experimentou con peques en algunha ocasión. Xa había tempo que non facía unha. Colles unha caixa e metes obxectos moi diferentes, con texturas diversas para que os collan, manipulen, experimenten. Traballas o mundo sensorial de marabilla e practicas vocabulario (suave, áspero, rascar...)


Choiva de papel

Colles papel de seda, destrózalo coa axuda dos teus peques, mételo nun pequeno cubo de xoguete e xa tes choiva de papel na casa. Se lles gusta, mesmo podes xogar á guerra de choivas. Iso si, logo hai que recoller :)

lunes, 25 de agosto de 2014

Pintando as ondas

Nun verán con pouca praia, que mellor que aproveitar a bañeira para experimentar e pintar as ondas artificiais. Se os xogos con escuma de afeitar e pinturas de dedos foron un auténtico éxito non había motivo para non ir máis aló.

Dous nenos, unha bañeira, ganas de experimentar, os límites non existen... ou si, e chegan da man do grifo da ducha :)

Grazas, como tantas outras veces a El sonido de la hierba al crecer.




E como banda sonora que mellor que a de Breaking the waves


Grazas

Esta semana pedín difusión e abofé que a temos. Moitas grazas a todos e todas e aos medios de comunicación que nos están axudando a difundir o que sucedeu no campamento de verán no que estaba inscrita Sabela. Que isto non se repita.

Para que así sexa, seguiremos traballando.

Seguiremos informando...



lunes, 18 de agosto de 2014

Sen palabras

Sen palabras te quedas ante feitos kafkianos como o que estamos a vivir este verán. Horas de sono perdidas que espero que lle sirvan a alguén no futuro para que feitos coma este non se volvan a repetir. Chegados a este punto, despois das conversas surrealistas que tiven que vivir nos últimos días, xa me nego a darlle máis voltas a nada. Os feitos, feitos son, e xa só pido que se me dea todo por escrito e, repito, que rectifiquen no futuro.

O único certo é que a miña filla, matriculada nun campamento de verán dependente do concello da Coruña, foi rexeitada e expulsada do mesmo por ter diversidade funcional. As versións que se poidan dar da cuestión rematan neste feito por unha vía ou pola outra, o resultado é o mesmo.

Como xa me enfadei bastante, voume poñer profesional (o xornalismo é a miña profesión inicial á quelogo fun sumando tantas outras) e aqui vos deixo a nota de prensa. Nunca pido difusión pero neste caso creo que é necesario difundir e que se saiba para que non pase nunca máis algo así.
 
 
O concello da Coruña expulsa a unha nena dun campamento de verán por ter diversidade funcional


A familia anuncia que presentará unha denuncia ante a Fiscalía por vulneración dos dereitos dunha menor con minusvalía

A Coruña, 18 de agosto. Unha menor con diversidade funcional quedou fóra dos campamentos de verán que organiza o Concello da Coruña. Segundo as informacións que o coordenador dos campamentos do Ágora lle ten transmitido á familia, a pequena, inscrita nesta actividade dende hai máis de dous meses, non pode participar na mesma. Por este motivo, a familia ten pensado presentar unha denuncia ante a Fiscalía por vulneración dos dereitos fundamentais dunha menor con diversidade funcional.

A nai da cativa púxose no seu día en contacto coa directora do Ágora e mantivo tamén unha reunión coa Concelleira de Cultura, Ana Fernández, na que, entre outras cuestións, se lle transmitiu o total apoio do Concello, así como o compromiso de buscar unha solución para que a nena puidese contar cun monitor ou monitora de apoio que lle permitise participar en igualdade de condicións nas actividades do campamento.

Despois desta xuntanza, a familia non volveu ter noticia algunha do concello (malia ter tentado falar de novo coa concelleira e ter enviado correos electrónicos, así como ter presentado documentos no rexistro do concello sobre este tema), motivo polo que se puxo en contacto co coordenador dos campamentos na pasada semana para tratar de achegar un método de traballo que facilitase a participación da súa filla nas actividades. A súa sorpresa foi maiúscula ao atoparse coa nova (confirmada por vía telefónica ao día seguinte polo coordenador dos campamentos do Ágora) de que a súa filla sería expulsada da actividade por ter diversidade funcional.

Deste xeito, o concello, despois de ser incapaz de buscar unha solución a esta situación, decide non admitir á pequena no campamento pola súa propia incapacidade, xa que a única razón de que a nena non conte cos apoios que precisa é que o concello non os buscou, malia terse comprometido a facelo ( e terse ofrecido a familia a colaborar nesta búsqueda).

Chegados a este punto, a familia, só espera recibir unha confirmación escrita do Concello sobre a súa decisión de perpetrar esta discriminación inxustificable e que a súa loita sirva para que feitos coma este non se repitan.





lunes, 11 de agosto de 2014

A miña saltarina

A Sabela costoulle traballo empezar a saltar pero, como tantas outras cousas, conseguiu facelo. O truco, neste caso, está en ter seguridade e confianza nun mesmo, polo que trato de estimular o seu salto favorecéndoo con distintas estratexias que vou ir compartindo por suposto aquí. Son traballos que fago tamén para o equipo de motricidade, tarefas que teño pendentes desde o verán pasado. Por iso elaborei unha pequena ficha cun circuito de salto sensorial que fixemos.

Aros con diversos materiais (papel de seda, papel crepe, telas, arroz, confetti, o que se vos ocurra que non sexa moi esvaradizo) e obstáculos que poidan servir de excusa para crear unha historia arredor do circuito de saltos, por exemplo, esta vía de tren que coloquei pode ser unha víbora ou un caminiño que se perde polo bosque, a escoba da bruxa, etc

Encántalles notar as texturas das telas e papeis nos pés porque, por suposto, este circuito hai que facelo descalz@s!!





Culminamos os experimentos sensoriais do día con dúas suxestións das hierbitas (en concreto esta idea de Sonia Borrás): unha tina sensorial de cereais e pompons (o que máis lle gustou a Sabela foi meter os pés) e un globo con fariña dentro para modelar.

Ah, esquecía subir a botella sensorial con canicas que fixen tamén esta semana. Un consello, poñede moitas canicas nunha botella transparente, porque nas azuis vese peor. Menos mal que o son das bólas óese igual. Xa sabedes que estes traballos inspirados nos materiais de El sonido de la hierba al crecer, sempre se poden versionar e desfrutar de mil maneiras.

O abanico tamén foi unha ferramenta de xogo. Xa que aos meus peques aínda lles resulta moi difícil facer un de papel (intenteino Cachito), xogamos cos de tea.