lunes, 5 de mayo de 2014

Navegando contra a marea

Teño que empezar esta entrada agradecendo unha vez máis a Carmen Saavedra (Carmen Cappaces) as súas aportacións e reflexións desde o seu blog. Os seus últimos posts fixéronme reflexionar moito e inspiráronme para facer unhas cantas cousas nas últimas semanas, non sei se equivocadas ou non, pero por aí seguiremos.

Hoxe, xustamente inspirándome en Carmen e as súas reflexións sobre os distintos enfoques que se poden dar ás terapias e ao que se fai ou deixa de facer con peques con diversidade funcional, quero propoñervos un xogo. Xa aviso de que non é nada, pero que nada divertido, pero si penso que moi necesario.

Imaxinade que chegades a un país, tanto me ten cal, iso si, un cunha lingua coa que non estades familiarizados en absoluto. Quizais Xapón, Ucraína ou Arabia Saudí, dependendo dos casos. Baixades do avión e alí vos deixan, sen intérprete, sen atopar a ninguén que fale a vosa lingua, sen signos que comprendades, con certas dificultades para movervos polo peso da equipaxe, quizais pola presión atmosférica e pola diferencia de clima, todo isto despois de perder todos os papeis cos enderezos do hotel ou do lugar ao que pensabades ir. Non sabedes a onde ir nin como facelo.

Imaxinade que vos atopades cun montón de xente encantadora, que trata de axudarvos, pero non hai forma de que vos entendades. Pensade por un momento na frustración que pode supor iso, un día tras outro, cando tedes serias dificultades para aprender calquera novo idioma e queredes facer algo, ir a un sitio, pero ninguén vos entende.

Pasan as semanas, os meses, e, pouco a pouco, ides aprendendo algo do idioma, o básico para poderdes comprender o que comedes, a que sitios ides habitualmente e se estades a usar un pantalón ou unha saia. As persoas coas que convivides tratan realmente de facilitarvos as cousas e se inventan un sistema de comunicación por imaxes para apoiarvos no día a día. Utilizades xestos, signos e, pouco a pouco conseguides despois dun tempo ter unha rutina razoabelmente "normal".



Pero, por suposto, isto non é abondo, nin para vós, nin para as persoas que se convertiron nos vosos amigos e o voso apoio. Queredes "integrarvos" nesa sociedade, sentirvos "incluídos", desfrutar de tódalas vantaxes que teñen os demais. Cal podería ser a solución? Quizais un intérprete que actuase de intermediario até que consigades aprender ben esa lingua que vos resulta totalmente allea? Non tedes cartos para pagalo, os servizos públicos néganse a facelo e tampouco queredes a alguén pegado aos vosos talóns as 24 horas do día. Conseguides axuda puntual, de cando en vez, normalmente pagada por vós e, en casos moi contados, subvencionada por algunha entidade pública, pero sodes vós e só vós quen tendes que andar ese camiño de comprensión e inclusión... ou non é así?

Pensade por un momento quen ten que facer ese traballo. Pensade no esforzo que lle supón a Sabela comprender o que sucede ao seu arredor. Pensade que, se ben toda a poboación non está obrigada a coñecer as formas de se comunicar con outras realidades (habitantes doutros países, outros colectivos de diferentes características) gaña moito achegándose a elas e, de feito, constitúe case a única forma de conseguir que ese achegamento sexa real.

Busquemos formas de achegarmonos a todas as realidades, de comprender a Antón, a Arturo, a Erik, a milleiros de nen@s máis e, por suposto, a Sabela, de incluíla coa súa diversidade, porque ela (coma o resto) non está estropeada, non necesita de reparacións, senón de ferramentas que lle axuden a canalizar os seus sentimentos e ansias de comunicación.

Porque, se coñeces a alguén ceg@, sabes que precisas comunicarte con esa persoa con lingua oral e con braillle, se coñeces a alguén xordo, debes esforzarte por te comunicar con lingua de signos, como poidas. Só cómpre abrir un pouco as nosas mentes e corazóns e tentalo entre tod@s, sen etiquetas e sen presións absurdas, sen tentar amañar o que nunca estivo roto e isto resúltame especialmente difícil de dicir a min porque Sabela foi no seu día outra, pero esa nena non existe xa, a que vive, salta, ri e se comunica é ésta, a miña filla, diversa e marabillosa.

E, para rematar, aí vos poño unha fantástica imaxe dun detalle das bases da convocatoria dos campamentos de verán do concello da Coruña. Viva a diversidade, viva a inclusión (modo ironía super on!!!)



No hay comentarios:

Publicar un comentario