jueves, 27 de marzo de 2014

Knocking on heaven's door

Non, non toleei nin me convertin a ningunha relixión de súpeto. Simplesmente tocoume empezar a petar nas portas, todas as que teñan que ser ata que se abran de par en par. E teñan por seguro que teño paciencia, teño amig@s que me apoian e o mellor de todo: teño a forza da razón porque, donas e cabaleiros, eu non teño un problema, teño unha filla e o que ten o problema é a sociedade na que vivimos e temos a responsabilidade de amañalo entre tod@s.

Así que por hoxe non falo máis, só vos deixo a ligazón á entrevista que me fixeron a semana pasada en Onda Cero (eu ando a partir do minuto oito máis ou menos) e a dúas noticias da Anpa da escola dos meus peques e de min mesma. Alegamos o regulamento das escolas infantís municipais e parece que queren atender en parte a nosa demanda, pero ese capítulo aínda está aberto, agardemos que remate ben e que David lle faga un chisquiño de nada de pupa a Goliath desta volta. Entendédeme, é unha forma de falar, nin quero acabar coas institucións públicas (aínda que algunha ben o merecería, a verdade), nin se trata de facer dano a ninguén, máis ben o contrario, de axudar, de facilitar camiños de encontro e garantir que tod@s poidamos algún día ser un pouco máis iguais.

E para que ninguén esqueza que ningunha batalla se gaña en solitario, unha adicatoria especial...


Seguiremos informando...

miércoles, 19 de marzo de 2014

"Con faldas y a lo loco"

A verdade é que o título do post de hoxe, o nome co que se coñece no estado español a película de Billy Wilder "Some like it hot" pouco ten que ver co título orixinal desta grandérrima e divertidérrima peli, pero moito coa ausencia de filtros e cortapisas coa que soen vivir e enfrentrse ña vida @s nos@s peques.

No final dun 19 de marzo, data marcada oficialmente como Día do Pai quero reivindicar dúas cousas, a primeira delas é a necesidade de tirar dos nosos ollos eses filtros, eses cristais que nos fan velo todo, absolutamente todo distorsionado. Moit@s de vós reacionaredes ante esta invitación pensando "Non, eu non teño prexuízos"... Seguro?

Pensade un pouco. Nunca lle dixestes aos vos@s peques "Iso non se fai" porque o que facían era algo socialmente mal visto (aínda que non fose nada realmente malo)? Nunca puxestes nas súas mans algún xoguete ou un obxecto só porque "se supón" que é un xoguete ou unha cousa para "nenos" ou para "nenas"?

Por sorte, @s nos@s fill@s dannos leccións diarias, como a que me deu hoxe o peque da casa. Iago ten agora 20 meses. Só espero que dentro duns anos actúe coa mesma naturalidade coa que actuou hoxe cando se empeñou en porse as saias da súa irmá e cando foi ao cole vestido cunha delas e xogou no xardín sen sacala de enriba. Ogallá que nunca teña filtros que lle impidan facer algo que lle apetece facer só porque está socialmente mal visto.



Eu, pola miña parte, tentarei facer o meu traballo e non poñerllos, nin a el nin a Sabela, que segue sen telos, por sorte. A ver se o consigo...

A segunda cousa que quería reivindicar hoxe é un mundo sen "Días de", sen días no que o único que se procura é vender e sen días nos que se teñan que reclamar dereitos que deberían estar garantidos para tod@s. Por iso apoio o Día Mundial de Concienciación sobre o autismo desexando que ese día poida desaparecer.


martes, 4 de marzo de 2014

Que farían no Arca de Noé?

Disque, seica, igual, din por aí algúns que pode que se abra un claro entre as nubes e volvamos ver o sol. Si, si, ese ser mitolóxico do que tod@s oimos falar algunha vez, pero que moi pouc@s puidemos desfrutar nos últimos meses.

Espero que non sexan só faladurías infundadas e que teñamos realmente esa sorte pero, o certo é que ultimamente falar de sol é unha broma de mal gusto por aquí. Tanto é así que os días festivos acaban sendo moi moi moi longos con dous peques aos que lles costa traballo concentrarse en algo máis de dez minutos.

Como mostra aquí vai un resumo da nosa xornada de hoxe:

Tres partidas de Lince (bendito xogo do que xa vos falei en outra ocasión)

Unha partida do MegaLince caseiro que elaborei eu mesma (por se vos interesa, fixen un collage con fotos de obxectos do día a día, xoguetes e personaxes que lle interesan a Sabela, en varios A-4, plastifiqueinos, pegueinos con velcro nunha base de goma eva e listo, taboleiros de Lince de quita e pon. As fichas fíxenas repetindo os taboleiros plastificados e recortando as imaxes despois)

Unha partida co Lince que nos fixemos coa orla d@s amig@s do cole

Pintamos con pincel e con dedo (apenas cinco minutos)

Xogos variados na tablet

Algún que outro episodio de Pocoyó ou debuxos da Galinha Pintadinha (vídeos musicais que lle encantan a Sabela e dos que xa vos teño falado)

Un experimento con papel para contrarrestar a extrema sensibilidade corporal que ten Sabela (Iago parecía Orson Welles en "Citizen Kane" e Sabela rodeouse de papel de publicidade por todos lado)



Máis xogos de identificación visual e emparellamento (papá animal con fill@ animal)

Un par de lanzamentos de pelota e un intento frustrado de xogo figurativo

Tocamos a guitarra, lavamos os coches mentres nos bañabamos...

Iso sen contar as acividades paralelas do peque da casa, que sempre te sorprende con algunha idea nova.



Creo que para ser o día 299 de choiva deste inverno (así, sen esaxerar), tampouco estivo mal de todo. Pregúntome que farían no Arca de Noé?