miércoles, 12 de febrero de 2014

A toda máquina

Para aqueles despistad@s que entrastes neste blog sen saber moi ben de que vai esta historia, déixovolo clariño: aquí conto as cousas que facemos coa miña filla Sabela. Ideas para traballar con peques moi peques e con peques non tan peques con diversidade funcional.

Dígoo porque nos últimos post non comentei nada de todo o traballo que estamos facendo ultimamente e a ver se vos ides crer que estamos aquí tumbad@s tan ricamente vendo pasar cicloxénese explosiva tras cicloxénese explosiva como quen non quere a cousa. Di ti que Sabela debe de estar afeita porque naceu con unha, de feito creo que era das primeiras veces que oía utilizar esa terminoloxía. Até apenas uns meses antes dicíamos as cousas clariñas: que facía un tempo de merda, un temporal que nin diola, vaia!



Pois non, lectores e lectoras, a pesar das Judith, Jeniffer, Jessicas, Vanessas ou como se vaian chamar as que queden por vir, por aquí seguimos coas pilas postas e sen medo a que se nos mollen e nos electrocutemos con tanta auga ou a saírmos voando no primeiro despiste. Bueno, en realidade, tivemos un mes máis relaxado en canto a traballo e ben pouco tranquilo, pero non foi polos ventos afuracanados, senón por algúns problemas neurolóxicos que nos trouxeron de cabeza (nunca mellor dito) dende que empezamos este venteado 2014.

Cos dedos cruzados para deixalos atrás e ben atrás, imos a toda máquina traballando a imitación. Para iso, ademais de seguirmos as pautas da fantástica logopeda de Sabela, tamén nos guiamos por un libro ben interesante "Los padres también educan" e por algún que outro truquiño da grande Anabel Cornago. Así, pouco a pouco vimos como Sabela imitaba os xestos de cancións, dicía ola a Pocoyó coa maniña ou trataba de repetir algo do que lle estabamos a dicir. A chave, como sempre, está na motivación, buscade sempre aquelo que máis lles interese aos vosos peques para que traballen con ganas. No noso caso, a música e algún que outro debuxo animado ofrecen múltiples posibilidades.



Só unha cousa máis: nunca é cedo nin tarde para empezar. Se vos atopades con que @ vos@ peque ten un problema e tod@s @s especialistas vos din que pasa algo pero que é mellor agardar, non o dubidedes, se pensades que se pode facer algo facédeo XA. Ese traballo, sempre guiado por algún profesional asisad@, sempre sempre sempre servirá para algo.

Pero, se polo contrario tardastes moito en decatarvos de que pasaba algo, de que @ vos@ peque necesitaba un pequeno empurrón, deixade de pensar no tempo perdido, que non recuperaredes e traballade, sen agobios, sen estrés, sen presións autoimpostas, pero tamén sen cancelas porque TODO É POSÍBEL.

No hay comentarios:

Publicar un comentario