viernes, 31 de enero de 2014

Unha de streap-tease

Hai moi poucas ocasións nesta vida nas que se che "perdoa" que leas revistas do corazón, unha delas, por suposto, a que soe dar patente de corso para inmiscuirte na vida dos demais, é a estancia nas salas de espera. A terapia de Sabela é un cheque en branco que me permitiría deixarme caer nos brazos de Belén Esteban and company, pero, tranquil@s, teño uns cantos vicios, e ése non é un deles.

Nos últimos meses, veño dedicando parte dese tempo a facer algo bastante máis produtivo e construtivo , ler a un mestre de xornalistas (e non é un piropo, senón a constatación dun feito real), o rabudo por antonomasia, Nacho Mirás Fole, ao que non coñezo moi a fondo persoalmente (a pesares de lle ter ofrecido un espectáculo musical cunha voda de fondo), pero admiraba como profesional e agora tamén como persoa. Un mal día, a Nacho cambioulle a vida. Coma Sabela, tivo un ataque epiléptico, a orixe tamén tiña moito que ver co no lóbulo temporal dereito do seu cerebro pero, no seu caso, o susodicho non acabou coa materia gris danada, senón cun cancro do que foi a avanzadilla o xa desafiuzado "Casiano" (só para letrados na materia rabuda).

O caso é que Nacho decidiu que, en lugar de comerse como postre da empanada de Toñita todo o que lle estaba sucedendo, o mellor era botar para fóra e utilizar como "terapia" o seu blog contando a súa nova vida como asalariado da Seguridade Social e soldado da guerra contra o astrocitoma anaplásico (perdoa se o escribín mal, é que eu, de momento, sei algo máis de lesións cerebrais que de oncoloxía). E aí demostrou non só a súa calidade xornalística, da que xa non quedaba moita dúbida, senón tamén a súa calidade humana. Comparte con tod@s @s que queiran seguilo nesta batalla os pensamentos e sentimentos que o acompañan agora na churrería (que é como chama cunha enorme lucidez retranqueira ao servizo de radioterapia) ou nos quilómetros e quilómetros que camiña diariamente, non sei se para acabar de aclarar a súa lucidísima mente ou para acojonar ao cancro a base de cansanzo.

Que saibas que aqui seguimos acompañándote nesta especie de streap-tease emocional sen perder punto nin coma, apoiándote no ben pouquiño que podemos facelo até a victoria final. Como diría Superratón, "Hasta el infinito y más allá".

Gustaríame, Nacho, tomarte como profe prestado e tentar ver tamén as cousas con ese humor negro e inmensísimo. Para min, temo que vai ser máis difícil, porque non falo moito de min, senón da miña filla e aí, neno, (perdoa a licenza coruñesa) como ti ben saberás, a perspectiva cambia por completo. Pero todo é cuestión de poñerse porque tamén me gustaría que un día ela lese este blog e vise que todo o que fixemos e pasamos serviu para algo, como mínimo para que pasen un bo rato uns cant@s insensat@s.

No hay comentarios:

Publicar un comentario