domingo, 29 de junio de 2014

Grazas e adeus Arela

Levamos uns días pre-vacacións un tanto intensos. Son días de despedidas e de preparativos, un pouco de estrés e nervios que quero que desaparezan.

Sabela dixo adeus á que foi a súa segunda casa durante dous cursos, a escola infantil municipal Arela. Un lugar no que foi feliz, aprendeu, compartiu, viviu tantas e tantas cousas.

Foi alí onde Sonia, a psicopedagoga do centro, comezou a usar con ela un sistema de intercambio de imaxes para que Sabela empezara a pedirnos o que quería. Alí avanzou en motricidade grosa e fina, en socialización con todos e todas as fantásicas compañeiras e compañeiros de clase que tivo. Alí desfrutou das festas, dos columpios, pintou, tocou, experimentou... foi unha máis.

Ogallá que no seu novo cole, no "cole de maiores", poida tamén ser unha máis e a acollan, como mínimo, coa metade da sensibilidade e o afecto. Sen tratala como a unha "pobriña" nin esixirlle moito máis do que pode dar en cada momento, facilitando sempre os seus avances.

Non podemos dicir outra cousa que non sexa adeus e grazas a Arela e a toda a súa xente.


miércoles, 18 de junio de 2014

Moito sol, un pouco de cabalo e algunhas loitas

Esta mañá reflexionaba un pouco e compartía con Pilar, (super Pilar), a terapeuta de estimulación de Sabela, sobre as oportunidades e os inconvintes do bo tempo. Levamos uns días un tanto desorganizados e quizais caóticos para Sabela porque o calor e o sol nos empurran para fóra día si e dia tamén e non sempre podes explicarlle todo como ela o necesita.

Como a calquera peque, a Sabela gústalle estar de paseo, ir ao parque, ao campo (a praia non moito), pero tamén necesita os seus momentos de recollemento e relax na casa e agora iso redúcese. Non lle entusiasman as multitudes nin o ruído excesivo. Por iso estamos traballando con programas na tablet que nos permitan anticiparlle as cousas en calquera entorno e darlle a elixir a ela tamén o que quere e precisa en cada momento sen termos que cargar con mil carpetas de imaxes. Entre iso e a lingua de signos, imos "safando", pero coido que imos ter que relaxar un pouco o ritmo :(

Por outra banda, a semana pasada comezamos a modo de proba unha nova actividade, a hipoterapia que, de momento, se trata de que Sabela coñeza a unha poni, se faga amiga dela e desfrute co seu "meneíto". A verdade é que para os nenos e nenas de cidade hai poucas oportunidades de contacto con animais que non sexan cans, gatos ou peixes e de practicar un exercicio físico que lle pode ir estupendamente, ademais de poder axudarlle en outros aspectos. Pouco a pouco.

E aínda temos un capitulo sen pechar, o dos campamentos de verán nos que está matriculada Sabela e que non conta con monitores para nenos e nenas con NEAE. A semana pasada tiven reunión coa Concelleira de Cultura da Coruña, que se comprometeu a buscar unha solución. Seguimos agardando por ela e seguiremos informando.

domingo, 8 de junio de 2014

Papá, mamá, cabalo, uva, Pepa

Na liña do meu post anterior, defendo de novo nesta entrada a importancia do pequeno, do breve, pero intenso, deses momentos que non esquecerás nunca, aínda querendo (que non é o caso), eses segundos nos que saen da boca dunha nena sonidos cun sentido determinado. Algúns son só sonidos xordos (pa-pá, ca-ba), outros consigues que sexan unha auténtica palabra (ma-má, u-va, pe-pa).

É posíbel que o consigas o sábado pola tarde e en todo o domingo non se repita, pero sabes que esa posibilidade está aí, que a maxia comezou a funcionar, que das imaxes e os pictos pasaches aos signos e agora aos sons e o límite é mellor non poñelo, nin cara arriba nin por abaixo, porque nunca sabes onde rematará este camiño, se en Oz, de volta na casa ou en Holanda.

Todo  isto pode ser así, ou dun xeito totalmente distinto, iso quen o sabe. Ti só sabes neses segundos que a felicidade era isto.

jueves, 29 de mayo de 2014

O bo se breve...

Hoxe estou contenta, para que imos andar dándolle voltas ao asunto. A verdade é que non sei se é a primaveira ou o final de curso, pero tanto Sabela coma min andamos algo cansas polo que ultimamente resultábame moi complicado facer cousas con ela.

Pero esta tarde foi distinto. Foi pouco tempo, pero xa se sabe, "o bo, se breve... " a famosa frase de Gracián que acuñou todo un estilo literario e, xa de paso, serviu para amparar moita vaguería ;)

Nestas últimas semanas preparei moitos materiais, algúns recollidos de outras webs (como o de Sonia Borrás que recollín de Anabel Cornago en El sonido de la hierba al crecer, ou as plantillas que me descarguei en Preeschool printables, en Teacher's Notebook e que logo reinvento dándolles mil usos, ou as plantillas de Themeasuredmom, a través do fantástico e efímero blog elblogdelamamaazul), outros materiais os elaborei eu, como un memory de Peppa Pig ou un memory da familia.



O caso é que funcionaron, durante pouco tempo (apenas algo máis de vinte minutos) clasificamos por cores, puxemo dentro e fóra, fixemos un puzzle co corpo de Sabela (do que xa vos falara en outro post), identificamos membros da nosa familia e xogamos co material de Esther Cuadrado coa familia Pigg como protagonista.



E xa, para rematar, horas despois, Sabela sorprendeume usando unhas pezas de puzzle dunha alfombra de chan para bebés que nunca nos foi moi útil como elemento de xogo para recoñecemento corporal. Meteu e sacou dentro dos buratos a cabeza, as mans, os pés, mentres tocaba as texturas do puzzle. Nunca se sabe onde pode saltar a idea.



Ah, un último consello, algo que sabía, pero sempre me esquecía de aplicar, unha alfombrilla antideslizante (as dos bazares chinos para escurrir pratos valen) e unha bandexa cun pouco de fondo que se adapte ao tamaño do material que estades usando pode facer marabillas.

lunes, 26 de mayo de 2014

Oink oink

Que diría o Xabarín, ou Peppa Pig, no seu defecto. O certo é que son atea, así que non vou usar aquela expresión de que "cando deus pecha unha porta abre unha ventá" nin nada que se lle pareza. Pero sí é certo que penso que, por moitas cousas tremendas que che pasen na vida, se tentas manter unha actitude positiva, construtiva e estás do lado correcto (sempre o dos débiles, o dos que necesitan un pouquiño de xusiza), acabas atopando xente boa que te axuda moito.

Por susposto, nós non somos unha excepción. No apartado dos bos e malos da peli (nas pestanas de arriba do blog) engado hoxe un pequeno texto sobre Mónica, a logopeda de Sabela dende hai un ano e aquí mesmo deixo constancia e meto ligazón ao traballazo de Esther, nai, curranta, bloggeira, adaptadora profesional (non sei onde conceden ese título, pero ela meréceo) e con tantas ideas na cabeza como grande ten o corazón. Así que se puxo a crear uns "cadriños" de Peppa Pig and family como protagonista para traballar con Sabela a atención e a manipulación e, xa de paso, por que non, un pouco tamén o xogo figurativo, que tanto nos custa.

Son unha pasada e ademais danme xa unhas cantas ideas que plasmaremos en breve en novos traballos (aínda non cho dixen, pero xa teño eu tamén unhas cantas ideas na cabezota).


viernes, 16 de mayo de 2014

Libros para tod@s, a prezos para tod@s

Esta semana, Pilar, a terapeuta de Sabela, fíxome un comentario-recomendación que xa apliquei: hai que darse de cando en vez unha volta polos locais "de barato" das nosas cidades, os que todos coñecemos como "todo a cen" ou "os chinos". O certo é que probei en dous ou tres ata que atopei a caixa dos tesouros, había de todo: libros con fotografías (os mellores para que os comprendan os peques), claros, con posibilidades para interactuar con eles (solapas, pestanas para mover puzzles) e que tratan diferentes aspectos como as cores, os números, o corpo...

En conclusión, non sempre hai que ir ás librerías caras (aínda que tampouco lles quero sacar negocio), podes atopar tesouros onde menos o esperes. Para mostra, un botón: todo o que vos ilustro abaixo e algún máis por pouco máis de 14 euros!


miércoles, 14 de mayo de 2014

Moitos mocos e pouco calor

Sae o sol e caemos con bronquiolite e, de feito, na Coruña, tampouco fai calooooor. Total, que para variar vexo como unha semana máis se me escapan os días sen tempo para facer todo o que quixera. Iso si, xa está presentada a reclamación ante o Concello porque, creo que non vlo dixera, pero Sabela obtivo praza no sorteo dos campamentos de verán municipais. Si, eses que non teñen en conta aos peques con NEAE. Así que, nena matriculada e reclamación en curso. Seguiremos informando.

Como levamos tres días de semirreclusión, xa digo que non teño moito tempo libre así que só comparto os últimos puzzles corporais que preparei para Sabela. Xa fixera outros con anterioridade que non foron un gran éxito, así que vou perfeccionando a técnica pouco a pouco.