Sobre como estimular, axudar aos nosos peques, loitar, traballar, pero sobre todo, desfrutar!
domingo, 26 de julio de 2015
A nena que cantaba as palabras
Levo tanto tempo sen escribir que non vou volver xustificarme, para que? A vida, ás veces, é así de complicada ou de sinxela, segun como se mire. Ao asunto, veña!!!
Sabela non fala, así de sinxelo e de complicado. Non emite os conxuntos de fonemas que emiten a maioría de seres humanos (OLLO, NON TODOS!!!) para comunicarse nas distintas linguas oficiais ou extraoficias existentes. Pero desde moi pequena Sabela se comunica, vaia se o fai!!! con signos, con xestos, con pictos, fotos, como se lle ocorre e... con música. Xa vos teño falado neste mesmo blog de Carla López, a musicoterapeuta coa que Sabela xoga-traballa desde que tiña uns dous anos. Da súa man aprendeu cada día un pouco máis sobre as sonoridades do seu corpo, dos obxectos que a rodean, do mundo... E tamén da súa man e da nosa foi pouco a pouco sacando máis ritmos do seu corpo e foi desfrutando con esta forma de comunicarse e de sentir.
A súa relación coa música vén de lonxe. Lembramos perfectamente espertarnos coa voz de Sabela a través de intercomunicador cando non tiña nin un ano entonando a melodía de "Smoke on the water" e encantáballe tararear tamén a "Lara´s song" de Doctor Zhivago. Ten bo gusto musical e uns pais que tratan de poñerlle un pouco de todo con mellor ou peor criterio pero a mellor vontade do mundo :)
Todos os días, a todas horas, no seu recuncho da sala dende hai meses Sabela ármase da segunda guitarra que pasou pola nosa casa e que malvive como pode con tan só xa tres cordas, unha caixa metálica e o que caia para improvisar as súas propias jam-session. En máis de unha ocasión temos comentado que ten un gran futuro como membro de Mayumaná aínda que eles non o saiban e teñamos moito que perfeccionar no seu estilo (e non a vexo coas súas pezas máis movidas a verdade).
Sabela non fala, pero canta, repite os ritmos das palabras e as entonacións que escoita e tararea e reclama unha e outra vez as súas cancións favoritas algunhas coñecidas e outras inventadas por nós para contar historias: Lúa, O pitiño amareliño, O Polo Pepe, Cucu-Tras, Papá e calquera que escoite en calquera momento e a sorprenda, a enganche por uns segundos.
Pa-pá, ma-má, ne-ne, pi-pi, po-pó, gu-gu, cu-cú, Cariña de rosa, flor de caravel, cando así me chames eu responderei
Así que non necesito que ninguén me veña a amosar comprensión-compaixón dicindo aquelo de "xa falará". Encantaríame que así fose pero, polo momento, xa fai algo máis difícil que é cantar.
Din que eu canto ben, non o sei, pode ser, o que sí sei é que a Sabela encántalle oírme cantar e vaia se o fago e vaia se o fai ela. Todos os días da miña vida desde hai anos, que non pare a música, que non pare a vida.
(A fermosísisisima foto é da sesión que nos fixeron os encantadores chicos de Olladas Paos)
Suscribirse a:
Entradas (Atom)