viernes, 16 de enero de 2015

A gran asignatura pendente

Neste camiño que andamos a diario temos unha asignatura pendente, unha pedriña que non se quita do medio día tras outro e que, por veces, se me fai unha montaña enooooorme: a socialización e o xogo con outros nenos e nenas. Sabela tolera aos seus compañeiros e compañeiras, aos nenos e nenas do parque, pero non amosa interese por eles. Como ademais non ten adquirido o xogo figurativo e os seus intereses lúdicos son moi limitados resulta complicado implicala nunha dinámica de xogo con outros peques.

Por suposto, facemos moitos intentos con Iago, aínda que na casa, a confianza, ás veces, é de máis e o peque é quen non quere colaborar e se escapa ou tira o xogo, ou prefire cambialo... Sabela e Iago xogan moito xuntos, pero non sempre revoltos,diría.

Entre as nosas últimas innovacións invítovos a soplar plastilina blanda. Despois de facer xunt@s un xogo estupendo de clasificación por cores extraído do facebook de El sonido de la hierba al crecer, Iago empezou a meter as palliñas (as de beber de toda a vida) na plastilina. Empezamos a soplar para botar a plastilina fóra das palliñas. Buffff, que difícil! Iago pedíame que lle disparase á camiseta, así que empezamos a "tirar a dar" buscando dianas moi visibles. O peque pasouno en grande, pero xa vos aviso que é un exercicio para avanzados e avanzadas en exercicio de soplo.

Xogamos coas novas incorporacións que nos trouxeron os Reis, pero os cambios necesitan do seu tempo e as vacacións trouxeron consigo un nerviosismo que está costando baixar pouco a pouco.

Pero o alegrón do mes chegou esta semana cando a coidadora nos contou e enviou documentos gráficos de como a nosa filla se interesa por outros nenos (neste caso nenas), e lles dá bicos e, de momento, deixa que "xoguen con ela" ben contenta. Como non teño permiso para difundir as imaxes destas nenas lindas manipulo as imaxes para que non se recoñezan pero, se eu fose a súa nai, tía, amiga, etc, estaría ben orgullosa delas, a verdade.



martes, 6 de enero de 2015

As miñas raíñas e reis: espantallos, leóns e xentes de folla de lata

Teño a unha amiga vivindo estes Reis allende los mares cun futuro incerto, pero repleto de promesas de felicidade que pedía hoxe nas redes sociais que a xente deixase de compartir as súas "chorri" fotos para aplacar mellor a súa tristura por estar tan lonxe. Teño amigas que comparten con todos e todas a súa ledicia nesas redes sociais e en outras menos virtuais pola ilusión que os seus fillos e fillas viven neste día. Teño amigas e amigos que me acompañan neste camiño que andamos todos os días como podemos e/ou sabemos.

Teño unha familia marabillosa coa que compartir a vida. Teño moitas cousas, moito máis do que podía agardar diría pero non, tranquis, que isto non é unha carta non apta para diabéticos na que vos vou encher de amor polos vosos semellantes (aínda que non estaría mal se puidésedes sentilo de cando en vez, cando a merda da vida non vos asulague). Todo isto vén a que hoxe pensei en escribirlle unha carta a alguén, pero pensei que mellor que aos Reis Magos, debería dirixirlla aos amigos, amigas, profresionais e familia que nos apoian día a día para que o sigan facendo nos máis de 360 días que quedan ata as vacacións de Nadal de 2015.

Porque neste día de Reis Sabela de novo non desfrutou en absoluto, se sobreestimulou e se agobiou, de novo non entendeu nada de nada nin tivo unha gran ilusión por ningún dos seus agasallos que nin sequera quería abrir, pero, cando menos, penso que foi un pouco mellor que o 6 de xaneiro do ano pasado e espero que peor que o de 2016, 2017, 2018.

E, se non pode ser, que lle vaian dando bastante aos Reis Magos que non os precisamos para nada. Teremos que cambiar as tradicións e inventar unhas novas para desfrutar con amigas que están lonxe, con nenas ás que non lles gustan os tumultos ou con frikis de calquera clase. Mentres tanto, aquí vos deixo o único que tranquilizaba realmente onte á miña filla mentres as carrozas dos Reis pasaban diante das nosas narices e déixovos que me quedan unhas cantas fichas por adaptar e as clases empezan xa...


Rutina, volve a nós!!