jueves, 30 de octubre de 2014

Sabela no cole

A adaptación da peque ao cole tivo os seus altos e os seus baixos, non foi como a seda, como era de agardar pero hoxe, menos de dous meses despois, creo que se pode considerar que está finiquitada e que Sabela xa ten asumidas as súas novas rutinas. Unha nova mostra das infinitas capacidades da nosa peque-grande.

Esta mesma mañá vivimos dous deses momentazos polos que pagarías se tivesen prezo (que xa vos digo que non o teñen). O primeiro foi antes de entrar no cole, por unha vez, chegamos antes da hora e Sabela sentou na entrada a agardar que abrisen a porta. Pois ben, ao pouco viñeron primeiro un neno e logo dúas nenas ao seu carón a saúdala e contactar con ela. Caiáseme a baba, teño que recoñecelo. Os nenos e as nenas son estupend@s!!

O outro foi á saída, ao recollela, Sabela sempre ten moita presa por marchar para casa pero nunca sen un bico de Sandra, a súa coidadora. Hoxe Sandra tivo que entrar a buscar a cazadora da nena que se esqueceran e Sabela ía detrás dela reclamando o seu bico de despedida como unha tola.

Iso sumado aos seus cada vez máis frecuentes intentos de verbalizacións teñen que encher o peito de calquera nai con corazón. Boa noite e feliz noite de defunt@s...

miércoles, 29 de octubre de 2014

Todo chegará

Algunhas cousas tardan un pouco máis en chegar, outras, menos, hainas que non chegan nunca pero... desas é mellor non falar. O certo é que a última entrada do blog debeu deixou un regusto agridoce (por non eliminar o de doce) que non me gusta nadiña de nada.

As cousas, dende ese día ventoso van razoabelmente ben no noso fogar. Sabela segue facendo as súas tentativas modestas pero esperanzadoras de verbalizacións, cada día se ve máis afeita á súa nova rutina. Xa ten moi ben collidos os novos hábitos, aínda que sempre vaian aparecendo novos obstáculos que tamén superaremos.

Non teño moito que contar, de momento. Vivimos, traballamos menos na casa polo cansancio que se lle nota á peque dende que está no cole e polas miñas novas rutinas como emprendedora incipiente, nos rebelamos, pasámolo ben e ata podemos seguir indo ao parque con este sol que voltou. Probamos algunhas cousas novas (como a receita de fariña con aceite para manipular que a Sabela non lle gustou nada e a Iago lle entusiasmou) e repetimos moitas das vellas.

O caso é que quería contar o pouco que teño como novidade e adiantar unha pincelada de algunhas das que están por vir. Mantéñanse á escoita.


viernes, 17 de octubre de 2014

Foise co vento

O vento sopra forte, tanto que ás veces penso que podería e debería levar coa súa forza moitas cousas que nos joden a vida, tanto que non nos deixa avanzar cando camiñamos, tanto que nos enche os ollos de faragullas que ás veces non nos deixan ver... A sorte é que estamos afeit@s a nadar contracorrente, ou a avanzar co vento en contra, non si?

Claro que, ás veces, os cambios que o vento trae nos collen "en cueiros". Esta mañá, ese vendaval do que ninguén nos falara levantou parte do teito do patio do cole de Sabela. Isto supuxo que os nenos e nenas non puideron saír pola porta pola que o fan habitualmente. Así que os peques e as peques, seguindo as instruccións dos profes atravesaron un par de pasillos e saíron pola porta principal. Así o fixeron tod@s, guiadiñ@s, menos Sabela.

A miña filla, como sospeitei cando cheguei ao centro á hora da saída e me dixeron que tiña que irme a outra porta, non entendeu nada do que sucedía. A súa coidadora tratou de explicarllo e aseguroulle que mamá a estaba agardando ao outro extremo deses pasillos, pero ela non podía comprender aquela alteración na súa recén instaurada rutina imposta por Eolo nesa mañá e choraba desesperada tirándose no chan e negándose a avanzar cara a ese pasillo que para ela, naquel momento, debía de ser moi escuro, malia estar moi ben iluminado.

Durante eses minutos que transcurriron entre que os seus compañeiros e compañeiras de clase saíron e ela apareceu pola porta (apenas tres ou catro), eu xa construira na miña cabeza unha pequena composición de lugar do que estaba a acontecer e me estaba cagando no vento e no que se levou. Ao rematar eses minutos-horas apareceu a miña nena no colo da súa coidadora coa cara aínda mollada polas bágoas e desexando marchar para a súa casa.

Conclusión: o que para alguns e algunhas pode ser unha aventura misteriosa e divertida, para outr@s pode ser un abismo terrorífico e perigoso. Temos que seguir tratando, entre tod@s que a miña nena non volva asomarse a ese abismo e convertilo, se volve aparecer, en sucesivas aventuras marabillosas.

E como non quero rematar mal este post de días grises (que conste que están sendo moito máis grises na casa que na escola salvo episodios coma o de hoxe), aquí vos deixo o vídeo promocional desa marabilla que se chama Gatuxo e que xa anda percorrendo a nosa xeografía. Descubrímolo esta semana e o resultado foron uns minutos de algo que se aproximou á maxia trasladada ao salón e un neno que repetía unha e outra vez "que máis Gatuxo" ou "máis can" e imitaba unha e outra vez os xestos gatuxeiros e unha Sabela que miraba extasiada a televisión sen pestanexar.


viernes, 10 de octubre de 2014

Xogando con Iago

E un mes despois exactamente do inicio do curso podemos dicir que as cousas van claramente a mellor pero, sen anticipar feitos. Pouco a pouco a calma parece voltar ás nosas vidas pero a xestión vital e emocional de tantos cambios non é doada para a nosa peque.

Despois dunha temporada na que aceptaba de bo grao calquera proposta de xogo que lle fixeras (a súa permanencia no mesmo xa é outra historia), agora o conto cambiouvos. Sabela manifesta claramente a súa necesidade de "estar ao seu aire" e as distintas cousas que imos intentando estes días (mesmo as que parecen máis relaxantes) non teñen moito éxito.

O resultado soe ser que o peque da casa acaba desfrutando en solitario dun montón de novas posibilidades. Coméntovos algunhas por se as queredes probar.

-Follas na bañeira
Nas últimas semanas fomos recollendo follas no parque. Metinas na bañeira e a experimentar!!! Coa pel en contacto coas follas xogamos a tiralas, pisotealas, lanzalas, etc





-Papel de seda
Rompímolo para practicar a motricidade fina. Despois Iago decidiu deitarse enriba dun trozo grande, polo que se me ocorreu tapalo con outro papel de seda e fixemos as nosas "camiñas de papel". Encantoulle ao peque.



-Pegatinas de xel decorativo e números
Non sei se coñecedes o xel decorativo que se usa en cristais e espellos. Aos meus fillos gústalles bastante este material pola súa textura. Iso si, hai que ter coidado porque rompe con bastante facilidade. Merquei uns con números e outros con figuras e xogamos a pegalos na ventá
1- 1 bicho
2-2 bichos
3-3 bichos
Logo xogamos a emparellar a cabeza de cada bicho co seu corpo ou a cambialos de sitio mentres repetimos os números. É unha forma diferente e divertida de achegarse ás mates.

-Caixa sensorial con pompons. Esta foi a única actividade, xunto coas follas secas, na que Sabela se entretivo un pouco e Iago pasouno realmente ben. Metimos pompons de cores, trozos de papel de seda, algun outro elemento e unhas estrelas decorativas. Primeiro xogamos a colocar os pompóns no papel de seda da súa cor. Logo Iago desfrutou buscando e rebuscando no medio dos pompons e o papel as estrelas decorativas.




-Paus de madeira de varias cores.
Aínda houbo tempo para experimentar cos paus de madeira de cores que se usan nas manualidades. Fixemos distintas formas con eles e tratamos de seguir algúns modelos.

-Limpiapipas e rallador
Para finalizar, de novo diversión do peque e tres minutos de interese da nosa peque grande colocando limpiapipas de cores nos buratos dun rallador.

Aínda me quedaron algunhas ideas na manga, pero sempre hai que deixar un as escondido, non?

lunes, 6 de octubre de 2014

Simulacro de democracia

Gustaríame falarvos hoxe de algo bonito, fermoso, de que estiven xogando cos meus fill@s nunha bañeira chea de follas que recollimos os pasados días no parque, e poder dicirvos que desfrutamos e compartimos unha fermosa experiencia pero a verdade é que a realidade do meu luns foi bastante gris.

Erguinme cedo para acudir ao pleno da corporación municipal da Coruña no que tiña solicitada a miña intervención ao abeiro do regulamento de participación cidadá, para reclamar igualdade de oportunidades para as crianzas con diversidade funcional na súa participación nas actividades municipais. Dado que o Concello non se dignou a contestarme (unha vez máis), non tiña moitas esperanzas de que a miña solicitude obtivese algún tipo de resposta durante o pleno e, tal e como sospeitaba, non a tivo.

O caso é que agora non sei xa que sería peor, se ficar marxinada ou participar desa pantomima. O que presenciei, con todos os meus respectos (porque eu sí que os teño) para as institucións públicas foi un simulacro de democracia no que o grupo de goberno nin se dignaba respostar ás preguntas da oposición e case nin a votalas (apenas un aceno movendo un pouco o corpo, un dedo ou a cabeza), mentres o secretario mascaba chicle sen parar. Chegados a este punto, creo que a oposición gañaría moito máis deixando ao alcalde e aos concelleiros e concelleiras sós que permanecendo na sala.



Se, tal e como pedía hoxe o BNG, os plenos se retransmiten por Internet, sería só para tratar de anestesiar á cidadanía, en lugar de para permitir que participe dun xeito máis activo nun debate inexistente.

Saín dese recinto, achegueime a falar cos medios de comunicación (non sen antes ser interceptada por un individuo que estaba controlando que ninguén fose polo lado que non debía, non sei se temían que roubase un deses horrendos cadros decimonónicos) e marchei pola porta coa cabeza ben alta, para volver ao mundo real, aos problemas reais dos que tratan de falar os membros da oposición (non sempre e non tod@s) con pouco éxito nas súas reclamacións.

E como as malas vibracións se transmiten, tiven unha tarde na que os meus intentos por baixar a ansiedade de Sabela foron bastante infructuosos e estou tendo unha noite na que non podo conciliar o sono ao oíla tusir continuamente na habitación do fondo, pero mañá será outro día. Un día sen plenos municipais, seguro que con menos ansiedade e menos toses, ten que ser así, para iso seguimos aquí.

Ah, un último apontamento, non se enganen, se a xente ignora cada vez máis os debates políticos non é porque sexamos parv@s, senón porque estamos demasiado ocupad@s tratando de amañar o que non amañan os gobernos. Díxeno unha vez e repítoo hoxe: eu non teño un problema, teño unha filla, o problema é da sociedade, que non é capaz de practicar unha auténtica inclusión e das institucións públicas que non fan o seu traballo nin respectan os dereitos da cidadanía.