domingo, 29 de junio de 2014

Grazas e adeus Arela

Levamos uns días pre-vacacións un tanto intensos. Son días de despedidas e de preparativos, un pouco de estrés e nervios que quero que desaparezan.

Sabela dixo adeus á que foi a súa segunda casa durante dous cursos, a escola infantil municipal Arela. Un lugar no que foi feliz, aprendeu, compartiu, viviu tantas e tantas cousas.

Foi alí onde Sonia, a psicopedagoga do centro, comezou a usar con ela un sistema de intercambio de imaxes para que Sabela empezara a pedirnos o que quería. Alí avanzou en motricidade grosa e fina, en socialización con todos e todas as fantásicas compañeiras e compañeiros de clase que tivo. Alí desfrutou das festas, dos columpios, pintou, tocou, experimentou... foi unha máis.

Ogallá que no seu novo cole, no "cole de maiores", poida tamén ser unha máis e a acollan, como mínimo, coa metade da sensibilidade e o afecto. Sen tratala como a unha "pobriña" nin esixirlle moito máis do que pode dar en cada momento, facilitando sempre os seus avances.

Non podemos dicir outra cousa que non sexa adeus e grazas a Arela e a toda a súa xente.


miércoles, 18 de junio de 2014

Moito sol, un pouco de cabalo e algunhas loitas

Esta mañá reflexionaba un pouco e compartía con Pilar, (super Pilar), a terapeuta de estimulación de Sabela, sobre as oportunidades e os inconvintes do bo tempo. Levamos uns días un tanto desorganizados e quizais caóticos para Sabela porque o calor e o sol nos empurran para fóra día si e dia tamén e non sempre podes explicarlle todo como ela o necesita.

Como a calquera peque, a Sabela gústalle estar de paseo, ir ao parque, ao campo (a praia non moito), pero tamén necesita os seus momentos de recollemento e relax na casa e agora iso redúcese. Non lle entusiasman as multitudes nin o ruído excesivo. Por iso estamos traballando con programas na tablet que nos permitan anticiparlle as cousas en calquera entorno e darlle a elixir a ela tamén o que quere e precisa en cada momento sen termos que cargar con mil carpetas de imaxes. Entre iso e a lingua de signos, imos "safando", pero coido que imos ter que relaxar un pouco o ritmo :(

Por outra banda, a semana pasada comezamos a modo de proba unha nova actividade, a hipoterapia que, de momento, se trata de que Sabela coñeza a unha poni, se faga amiga dela e desfrute co seu "meneíto". A verdade é que para os nenos e nenas de cidade hai poucas oportunidades de contacto con animais que non sexan cans, gatos ou peixes e de practicar un exercicio físico que lle pode ir estupendamente, ademais de poder axudarlle en outros aspectos. Pouco a pouco.

E aínda temos un capitulo sen pechar, o dos campamentos de verán nos que está matriculada Sabela e que non conta con monitores para nenos e nenas con NEAE. A semana pasada tiven reunión coa Concelleira de Cultura da Coruña, que se comprometeu a buscar unha solución. Seguimos agardando por ela e seguiremos informando.

domingo, 8 de junio de 2014

Papá, mamá, cabalo, uva, Pepa

Na liña do meu post anterior, defendo de novo nesta entrada a importancia do pequeno, do breve, pero intenso, deses momentos que non esquecerás nunca, aínda querendo (que non é o caso), eses segundos nos que saen da boca dunha nena sonidos cun sentido determinado. Algúns son só sonidos xordos (pa-pá, ca-ba), outros consigues que sexan unha auténtica palabra (ma-má, u-va, pe-pa).

É posíbel que o consigas o sábado pola tarde e en todo o domingo non se repita, pero sabes que esa posibilidade está aí, que a maxia comezou a funcionar, que das imaxes e os pictos pasaches aos signos e agora aos sons e o límite é mellor non poñelo, nin cara arriba nin por abaixo, porque nunca sabes onde rematará este camiño, se en Oz, de volta na casa ou en Holanda.

Todo  isto pode ser así, ou dun xeito totalmente distinto, iso quen o sabe. Ti só sabes neses segundos que a felicidade era isto.