sábado, 24 de agosto de 2013

Soñar

Por sorte, teño uns cant@ amig@s nesta vida que me queren ben. Algúns e algunhas deles, xustamente por ese amor e a amizade que nos une din ás veces que me admiran, ou destacan o estupendos que somos como pai e nai. Nada máis lonxe da realidade (e non é falsa modestia).

Non existe mérito algún en facer o que faría millóns de persoas nunha situación como a nosa e, en moitísimos casos moito mellor ca nós. En que se diferencia a nosa vida da de outr@s pais e nais de pequen@s sen diversidade funcional, discapacidade ou particularidade de algunha clase? En ben pouco e, por certo, existen ese tipo de nen@s? Cada un ten que lidiar no día a día coas dificultades coas que se atopa e tentar facelo sen perder a cabeza, buscando tempo para unha mesma e tratando de manter o mellor humor posíbel con algo parecido a un sorriso na boca. Non teño moi claro que se poida facer isto, a verdade e se alguén atopou a fórmula que me mande un correo urxente!!

Nunha mañá de vacacións érgueste, preparas os almorzos, coidas de que Sabela non espalle o cacao pola sala mentres o pequeno toma o biberón, lavas caras e mans, recolles o que podes e das un tempo para a desconexión e estimulación audiovisual con música que aproveitas para almorzar ti e empezar a ser persoa.

Tentas "planificar" a xornada con parques (aos peques non lles gusta moito a praia), paseos, xogos, recados e comidas incluídos e levalo todo a bo fin, como facedes tant@s de vós calquera día de xullo ou agosto. Perdes os nervos vinte ou trinta veces ao día e lanzas máis dun berrido do que logo te arrepintes, como tant@s outr@s. Onde residen as diferenzas?



En que vós podedes dicirlle aos vos@s peques o que vai pasar e pedirlles a súa colaboración nos pequenos detalles diarios nos que eles tamén se sinten realizados como coller a súa roupa e vestirse, poñer a mesa ou colocar as cousas da compra. Nós temos que usar en moitos casos outro tipo de apoios visuais para asegurarnos de que Sabela comprenda o que lle estamos dicindo. Ben é certo que colabora de bo grao no que sabe facer sempre que entende o que lle pedimos (o cal sucede por sorte cada vez con máis frecuencia) porque é extremadamente obediente e boa no máis amplo sentido da palabra.

Tamén en que no que levamos de verán xa tivemos cinco revisións médicas de especialistas que levan o caso de Sabela e que a nosa nena e nós só descansamos 14 días seguidos (porque o valemos e o decidimos que senón nen iso) das terapias variadas ás que acudimos con ela todas as semanas.

As diferenzas están en que cando imos ao parque ou de paseo calquera indicio de relación de Sabela con outr@s nen@s é unha ledicia e festa constante, incluída a sesión deste mediodía lanzándolle unha pelota ao seu irmán de 14 meses.

A nosa vida pode ser distinta porque cando non comprende algo ou se enfada por calquera motivo que non sempre acabamos de averiguar Sabela aínda non sabe manifestar a súa disconformidade de ningunha forma que non sexa berrando e chorando, o que soe derivar nun mal rato para tod@s que non sempre xestionas ben (xa digo que non somos nada admirábeis).

Pode haber máis diferenzas pero do que estou segura é de que existen tantas diferenzas como similitudes entre a nosa vida e a de tantas outras familias. O noso único mérito despois de ter a mala sorte de que Sabela contraese unha meningoencefalite herpética que lle provocase unha lesión cerebral con cinco meses foi ser os pais de Sabela. Tivemos a peor e a mellor das sortes por ter unha pequena loitadora coma ela capaz de saír adiante como ela o fixo nunha situación na que ninguén nos podía asegurar nada.

Por iso, estou certa de que vai resultar moi difícil estar algunha vez á altura de Sabela e aínda o estou intentando, ás veces desespéraste ou te sintes estancada pero non lle das moitas voltas ás diferenzas que poidan existir entre Sabela e outr@s nen@s da súa idade no día a día. Entre outros motivos porque non tes tempo para iso e porque só serve para pasalo realmente mal.

Só de cando en vez, cando vas no autobús ou estás cambiándote nos vestiarios da piscina e oes a unha nena como Sabela falar coa súa nai, argumentar, razonar con esa lóxica aplastante que só un peque de dous ou tres anos pode ter, ou cando ves a un grupo de nen@s desfrutar xogando ao que lles pete (ás casiñas, ao fútbol, etc...), só de cando en vez, en situacións coma esa permíteste soñar por un intre no momento en que iso deixará de ser un soño na túa vida.

(Nota: a foto é de Sabela, case recén nacida, "soñando" na nosa cama)

miércoles, 21 de agosto de 2013

Moito máis ca unha pelota

O grupo de motricidade do que formo parte segue traballando tamén durante o verán (aínda que estas fichas sexan xa de hai unhas semanas) e seguirei publicando cousiñas novas para que tod@s poidades aproveitalas.



Neste caso trátase de exercicios coa pelota bobath, si esas pelotas enooormes que se usan moito en relaxación, durante o embarazo, en ioga, etc. Son un instrumento perfecto e comodísimo porque ofrecen moitas posibilidades.

Aquí vos deixo o traballo de Mercedes Lancharro para que o aproveitedes.

Intenet e outros avatares

Na recta final do verán seguimos avanzando, coma sempre, sen mirar atrás nin para coller impulso.

Facendo unha excepción e, como estamos en vacacións, aí vos vai unha foto de Sabela facendo "o monas" na nosa viaxe vacacional. Se hai un paseo marítimo para correr, aí está ela.



Veredes que nas ligazóns do blog non teño moitas novidades, pero o certo é que hai moitísimos sitios dos que me vou nutrindo en Internet todos os días e quero ilos compartindo con tod@s vós.

Para empezar o blog das Bebetecas Municipais da Coruña no que nos van surtindo de ideas, suxestións, e algún que outro sorriso. Aí atoparedes por suposto, ideas para iniciar aos vos@s peques no marabilloso mundo dos libros pero non só iso, senón tamén ideas para desfrutar o verán, como estimular aos bebés ou simplesmente citas imprescindibeis para as persoas da área coruñesa.

Nese blog, de feito, atopei algunha outra ligazón a webs con xogos, contos e música para nen@s que creo que vos poden resultar útiles. Eu, polo menos, estou empezando a usalos e recoméndoos.

A vaca Connie, con xogos, contos e actividades e coa marabillosa vantaxe de ter versión en galego.

Tibao, un grande deseño para @s máis pequen@s e sen texto apenas, o que é unha vantaxe nos xogos para quen non sabe ler.

MirloMusic tamén o descubrín grazas ás Bebetecas, aínda non o podo usar con Sabela porque a narración de historias non é capaz de seguila pero son ben fermosas e moi ben ambientadas musicalmente. Tamén ten apartado de música para bebés.

Baby Radio. Descubrín este portal hai tempo e agora que volvo entrar nel vexo que medraron moito. Teñen desde aplicación para móbil a xogos para android!

Por suposto, este apartado non estaría completo sen Pictoaplicaciones. Non sei se xa vos falei deste enooorme proxecto que se fai en Galiza e no que se están a desenvolver distintas utilidades para nen@s con problemas de comunicación. Desde unha pictoaxenda a pictocontos, un pictotraductor, pictosonidos... E que sigan ideando, por favor!!! Cun deseño moi atractivo e un montón de detalles.

A outros niveis hai, por sorte, moitíisima xente traballando en cousas que comparte os seus coñecementos na rede. Por exemplo, na web do C.E.E. Terra de Ferrol, tedes cousiñas moi interesantes para ensinarlles aos peques algo de educación viaria.

E para @s que teñan coñecementos de inglés, esta nai nortamericana é toda unha Mac Gyver das manualidades e a aprendizaxe! Little Crunchy Mama.

martes, 6 de agosto de 2013

Moito máis que paxariñas de papel

Antes de nos marchar de vacacións xa probei algún dos exercicios que vos presento agora na casa con Sabela. Trátase dun novo traballo do grupo de motricidade. Non descansan un segundo ideando novas cousas para estimular aos nosos peques.

Neste caso estamos ante un estupendo traballo de Anabel Cornago de "El sonido de la hierba al crecer", e Mariana Cardona. Mil ideas e posibilidades para xogar cos nosos peques, desde facer choiva de papel até algo tan sinxelo como experimentar coas texturas e o peso.

A desfrutar aprendendo e aprender desfrutando!!

Aqui

There's no place like home

Iso foi o que supostamente dixo Dorothy ao volver á casa de seus tíos despois do periplo para atopar o mago de Oz e iso mesmo debeu de ser o que pasou pola cabeza da miña peque á volta da nosa viaxe vacacional.

O verán continúa e na nosa casa, como en tantas outras, a volta á "normalidade" aínda dista moito de ser unha realidade, pero pouco a pouco as cousas volven ao seu rego.

Avanzamos no traballo cunha axenda de imaxes (mooooito) e na comunicación en xeral e tamén na concentración.

Como estamos aínda en tempada frouxa só vos deixo de momento na miña "volta ao cole" unha pequena idea: reciclar as caixas de kleenex. Non é por lle facer publicidade a ningunha marca (de feito nada máis lonxe da miña intención) pero ésta en concreto comercializa caixas de panos de papel que son estupendas unha vez baleiradas polas súas posibilidades.

Usan cores e deseños bastante atractivos para os peques e a súa forma cadrada fainas ideais para utilizalas como bloques de construción. Probade a facer torres e construcións con caixas de kleenex!! Ademais poden usarse por suposto na discriminación visual por cores ou debuxos xogando a xuntar iguais con iguais. Finalmente, a musicoterapeuta de Sabela descubriunos un novo uso: como caixa de resonancia na que facer sons, cantar, soplar, etc

Antes de tirar algo pensade dúas veces se se pode reutilizar :D