Teño unha familia marabillosa coa que compartir a vida. Teño moitas cousas, moito máis do que podía agardar diría pero non, tranquis, que isto non é unha carta non apta para diabéticos na que vos vou encher de amor polos vosos semellantes (aínda que non estaría mal se puidésedes sentilo de cando en vez, cando a merda da vida non vos asulague). Todo isto vén a que hoxe pensei en escribirlle unha carta a alguén, pero pensei que mellor que aos Reis Magos, debería dirixirlla aos amigos, amigas, profresionais e familia que nos apoian día a día para que o sigan facendo nos máis de 360 días que quedan ata as vacacións de Nadal de 2015.
Porque neste día de Reis Sabela de novo non desfrutou en absoluto, se sobreestimulou e se agobiou, de novo non entendeu nada de nada nin tivo unha gran ilusión por ningún dos seus agasallos que nin sequera quería abrir, pero, cando menos, penso que foi un pouco mellor que o 6 de xaneiro do ano pasado e espero que peor que o de 2016, 2017, 2018.
E, se non pode ser, que lle vaian dando bastante aos Reis Magos que non os precisamos para nada. Teremos que cambiar as tradicións e inventar unhas novas para desfrutar con amigas que están lonxe, con nenas ás que non lles gustan os tumultos ou con frikis de calquera clase. Mentres tanto, aquí vos deixo o único que tranquilizaba realmente onte á miña filla mentres as carrozas dos Reis pasaban diante das nosas narices e déixovos que me quedan unhas cantas fichas por adaptar e as clases empezan xa...
Rutina, volve a nós!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario