viernes, 16 de enero de 2015

A gran asignatura pendente

Neste camiño que andamos a diario temos unha asignatura pendente, unha pedriña que non se quita do medio día tras outro e que, por veces, se me fai unha montaña enooooorme: a socialización e o xogo con outros nenos e nenas. Sabela tolera aos seus compañeiros e compañeiras, aos nenos e nenas do parque, pero non amosa interese por eles. Como ademais non ten adquirido o xogo figurativo e os seus intereses lúdicos son moi limitados resulta complicado implicala nunha dinámica de xogo con outros peques.

Por suposto, facemos moitos intentos con Iago, aínda que na casa, a confianza, ás veces, é de máis e o peque é quen non quere colaborar e se escapa ou tira o xogo, ou prefire cambialo... Sabela e Iago xogan moito xuntos, pero non sempre revoltos,diría.

Entre as nosas últimas innovacións invítovos a soplar plastilina blanda. Despois de facer xunt@s un xogo estupendo de clasificación por cores extraído do facebook de El sonido de la hierba al crecer, Iago empezou a meter as palliñas (as de beber de toda a vida) na plastilina. Empezamos a soplar para botar a plastilina fóra das palliñas. Buffff, que difícil! Iago pedíame que lle disparase á camiseta, así que empezamos a "tirar a dar" buscando dianas moi visibles. O peque pasouno en grande, pero xa vos aviso que é un exercicio para avanzados e avanzadas en exercicio de soplo.

Xogamos coas novas incorporacións que nos trouxeron os Reis, pero os cambios necesitan do seu tempo e as vacacións trouxeron consigo un nerviosismo que está costando baixar pouco a pouco.

Pero o alegrón do mes chegou esta semana cando a coidadora nos contou e enviou documentos gráficos de como a nosa filla se interesa por outros nenos (neste caso nenas), e lles dá bicos e, de momento, deixa que "xoguen con ela" ben contenta. Como non teño permiso para difundir as imaxes destas nenas lindas manipulo as imaxes para que non se recoñezan pero, se eu fose a súa nai, tía, amiga, etc, estaría ben orgullosa delas, a verdade.



1 comentario:

  1. Hola, me alegra mucho ver los avances de Sabela. Es algo tan sencillo y a la vez tan complicado... Felicidades!!!! Vaya regalo de Reyes!!!

    ResponderEliminar