Páginas

martes, 15 de julio de 2014

Outra pequena batalla

Case dá vergoña falar disto xusto despois de publicar o post de Rafa. Esta batalla non pode compararse de ningún xeito coa outra, pero tamén é unha inxustiza. Copio a carta que veño de remitir á Concellaría de Cultura da Coruña e engado que creo que fun absolutamente comprensiva coa situación económica e as dificultades administrativas existentes, pero non me dá a impresión de que se estea facendo realmente todo o que se poida e o que se debe facer para solventar esta situación, nin moito menos.
 
Conclusión, malia as boas palabras e a boa disposición, non somos prioritari@s.
 
 
 
 
No pasado mes de xuño (hai xa máis dun mes) mantiven unha reunión coa concelleira de Cultura, Ana Fernández, pola participación da miña filla, unha menor con NEAE nun campamento de verán organizado no Ágora polo seu departamento. Estes campamentos non contan con monitores para nenos e nenas con NEAE, polo que a miña filla, ao igual que o resto de cativos e cativas que tiveran necesidades educativas específicas, veríanse discriminados na súa participación nos mesmos.

Na reunión manifestóuseme o total apoio por parte da concellaría e mesmo da alcaldía na miña demanda e se me comunicou que se ía solucionar esta situación, aínda que a solución non podería ser inmediata.
Posteriormente, remitín un correo electrónico á concellaría indicando o nome dunha asociación coa que se poderían por en contacto para buscar algún tipo de convenio que facilitase a busca dun monitor ou monitora preparado que estivese no campamento coa miña filla. Desde a Concellaría respondéuseme que non me preocupase porque xa se estaba traballando no asunto.
Máis dun mes despois da citada reunión, trato de poñerme en contacto telefónico coa Concelleira de Cultura e se me comunica que resulta imposible, polo que me pasan coa directora do Ágora, centro no que se celebrará o campamento ao que acudirá a miña filla. Ela indícame que non está ao tanto de todos os detalles, pero que si sabe que a Concelleira de Cultura se puxo en contacto con unha asociación para tratar de chegar a un convenio coa mesma que garantise a presenza dun monitor no campamento para atender as NEAE da miña filla. Indícame que este contacto se fixo hai máis dun mes e que non saben nada desta asociación.
Chegados a este punto xa é cando eu non entendo nada porque se realmente se trata de buscar por todos os medios unha solución, non entendo como se pode esperar máis dun mes pola resposta dunha asociación cando existen máis entidades coas que se pode contactar (entre elas unha que eu mesma indiquei) e mesmo existía outra posibilidade da que se me falou na reunión e que non sei en que punto se atopa.
Espero ter noticias da concellaría en breve, dado que o tempo xa apremia e, evidentemente, non vou ficar cruzada de brazos agardando máis tempo.

Atentamente

No hay comentarios:

Publicar un comentario