Esta mañá reflexionaba un pouco e compartía con Pilar, (super Pilar), a terapeuta de estimulación de Sabela, sobre as oportunidades e os inconvintes do bo tempo. Levamos uns días un tanto desorganizados e quizais caóticos para Sabela porque o calor e o sol nos empurran para fóra día si e dia tamén e non sempre podes explicarlle todo como ela o necesita.
Como a calquera peque, a Sabela gústalle estar de paseo, ir ao parque, ao campo (a praia non moito), pero tamén necesita os seus momentos de recollemento e relax na casa e agora iso redúcese. Non lle entusiasman as multitudes nin o ruído excesivo. Por iso estamos traballando con programas na tablet que nos permitan anticiparlle as cousas en calquera entorno e darlle a elixir a ela tamén o que quere e precisa en cada momento sen termos que cargar con mil carpetas de imaxes. Entre iso e a lingua de signos, imos "safando", pero coido que imos ter que relaxar un pouco o ritmo :(
Por outra banda, a semana pasada comezamos a modo de proba unha nova actividade, a hipoterapia que, de momento, se trata de que Sabela coñeza a unha poni, se faga amiga dela e desfrute co seu "meneíto". A verdade é que para os nenos e nenas de cidade hai poucas oportunidades de contacto con animais que non sexan cans, gatos ou peixes e de practicar un exercicio físico que lle pode ir estupendamente, ademais de poder axudarlle en outros aspectos. Pouco a pouco.
E aínda temos un capitulo sen pechar, o dos campamentos de verán nos que está matriculada Sabela e que non conta con monitores para nenos e nenas con NEAE. A semana pasada tiven reunión coa Concelleira de Cultura da Coruña, que se comprometeu a buscar unha solución. Seguimos agardando por ela e seguiremos informando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario