Hai tempo que non vos contaba nada sobre o noso traballo diario, pero xa sabedes que aínda que non dea detalles, aí seguimos. E un interese así non se podía desaproveitar, polo que lle construín a Sabela o que nós chamamos un "Supermegalince" caseiro con fotos e pictos do día a día para que, ademáis de identificar as imaxes as asocie coas palabras e mesmo cos seus signos (da posta en escea xa nos encargamos nós).
Ademais diso, traballamos coa orla da súa aula, pero este xogo deixámolo ben pronto porque vimos (así nolo comentaron tamén a profe e a psicopedagoga da escola infantil) que Sabela se fixaba moito máis na roupa que nas caras d@s nen@s. Así que para solventar isto estamos tamén traballando coas imaxes dun xogo de caras que nos axudan de paso, a que se fixe nos rasgos e nas expresións das caras e empece a relacionalas coas diferentes emocións.
Como son un cú inquieto e non me aguanto sen mirar máis e máis cousas, enchin a casa (é un dicir, son só catro, pero a verdade é que xa pouco espazo nos queda no noso pisiño) con puzzles de imaxes para asociar obxectos, (bañeira con toalla, cunca de sopa coa culler, etc) animais e alimentos, animais e comidas, e agora imos a por un novo de obxectos nas casas. Para alén da contribución dunha enormísima amiga que sempre nos pasa material da súa filla como este estupendo xogo de observación da casa para identificar os obxectos que hai en cada cuarto.
E máis e máis e máis porque seguimos coa imitación e os signos. Neste tema a nosa grande aliada é a música (de novo aproveitando intereses) e non podo deixar de recomendarvos o vídeo da canción "Todos somos capitáns", de Magin Blanco. Se xa nos entusiasmaba o tema, dende que lanzaron un fermoso vídeo no que cativos e cativas traducen a letra da canción á lingua de signos xa vos podedes imaxinar cal é o vídeo máis solicitado na nosa casa no último mes.
Foi realmente fermoso ver como as peques convidadas á festa de cumpreanos de Sabela, hai pouco máis dun mes, o pasaban bomba aprendendo a "bailar coas mans" cos capitáns igualitarios de Magín Blanco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario