A verdade é que teño o blog un pouquiño abandonado nestas últimas semanas, teño que compensarvos dalgunha maneira. A ver se podo poñerme as pilas e acudir máis a miúdo á miña cita virtual. Xa sabedes, isto é o que pasa cando queres facer moitas cousas ao mesmo tempo... E mira que mo repiten todos os días: PRIORIZAR!! e eu veña a tentar facelo todo e a acabar facendo só a metade da metade do que quería facer :)
Unha das cousas que fixen nestas semanas foi acudir ás II Xornadas de Inclusión Educativa que organizou Foanpas en Vigo o 5 de abril. O primeiro que teño que dicir é que estas xornadas non deberían existir. A inclusión non debería ser un obxectivo polo que seguimos loitando todos os anos, meses, semanas, días, senón unha realidade incorporada á nosa vida con total normalidade. Pero o certo é que terá que haber unha III, IV, V, VI edición e así até cubrir todos os números que se vos ocorran nesta escala sucesoria dos loitadores e loitadoras pola igualdade.
Así que, asumindo que vai ser así, o certo é que o exemplo de Foanpas e da súa comisión de NEAE debería contaxiarse ao resto de asociacións de pais e nais do país e do mundo mundial. Poder ver e compartir como educadores, educadoras, pais, nais, terapeutas e ata telecos traballan para conseguir esa inclusión é unha ledicia. Tamén é certo que ves neste tipo de encontros todo o camiño que queda por andar ata chegar a Oz, porque mesmo nas persoas cunha enorme sensibilidade e cun forte ánimo de incorporar a inclusión como un feito normal atopas eses resquicios que a educación tradicional nos deixou á maioría de nós, esa linguaxe politicamente incorrecta e ese aire paternalista ou maternalista que tentan controlar sen conseguilo.
Como non podo escribir páxinas e páxinas, tan só vou destacar dúas intervencións. A primeira, a de Quique e Fátima de Accegal, un proxecto sen ánimo de lucro de ningún tipo que está achegando a persoas con dificultades de comunicación todo un armamento moi útil nesta guerra que se carga nas tablets e dispositivos móbiles convertíndoos en auténticos comunicadores. Educadores e telecos unidos para deseñar aplicacións gratuítas que se poden usar en calquera dispositivo android e que están tansformando a vida das persoas que xa as adoptaron como unha chave para abrir as portas do seu día a día. Eu tamén ando investigando como usalas con Sabela de feito. Anímovos a visitar a súa web e coñecer o seu traballo que expuxeron dun xeito claro, ameno e entretido (sen falar "teleco") na charla das xornadas de inclusion.
E por último, foi un auténtico pracer escoitar de primeira man, da voz de Carmen Cappaces, unha das nais blogueiras que non vos debedes perder, que a inclusión é posíbel e que o seu fillo Antón puido desfrutala durante a súa etapa de escolarización en educación infantil. Só nos queda traballar e alentar a todos os educadores e educadoras para que esa experiencia enriquecedora para tod@s se poida trasladar a todas as etapas e a todos os centros educativos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario