lunes, 3 de febrero de 2014

Unha borde profesional

 Boas
Preséntome, porque igual algún de vós aínda non me coñece ben. Son esa "tía borde" que senta frente a ti no autobús, ou no tren, a que viches no parque o outro día ou tomando algo na cafetería na que quedas habitualmente c@s teus amig@s. Por se aínda non caes con estes datos, son a que apenas responde cun sorriso de cortesía e algún monosílabo ás túas benintencionadas preguntas ou comentarios.

A ver, isto venme de serie, non é que me convertise en borde desde que teño unha filla que pertence ao universo da neurodiversidade, non podo escudarme niso. Entre @s meus amig@s sempre tiven unha merecida fama de borde. Si, son esa clase de moza, a que che daba unha resposta cortante cando intentabas facer un comentario gracioso para romper o xeo e das que non dubidaba un segundo en sacarche as cores cando facías algunha gracieta sexista.

O que sucede é que hai bordes e bordes e eu estou sacándome un master na materia, convertíndome nunha auténtica profesional. Hai pouco, outra nai lanzada a patadas neste universo neurodiverso falaba no seu fantástico blog da necesidade de nos facer un "impermeable", unha especie de capa protectora na que te poidas envolver como unha Superwoman calquera para saír voando de todas aquelas situacións nas que non te gusta verte a ti nin aos teus. Supoño que "ser borde" é a miña capa, a miña forma de fuxir do que non me gusta a falta dunha nova superarma máxica.

Por iso, se insistides en que a miña filla vos diga o seu nome ou responda a algunha das vosas trascendentais preguntas sobre canto tempo leva neste mundo, se lle gustan as galletas ou os gusanitos ou cales son os seus debuxos preferidos, non digades que non vos advertín sobre o meu borderío. Tranquil@s, ladro un pouco pero non mordo, así que o máis probábel é que vos despache con algunha frase breve do tipo de "chámase Sabela", ou "non, non lle gustan os gusanitos nin Peppa Pig" acompañada dunha mirada que non vos deixará moitas ganas de facer unha segunda pregunta.

Que conste tamén que non son un monstro, -ou iso quero crer- así que esta mañá non rexeitei o ofrecemento dun bo home que me axudou a "arrastrar" a Sabela ata a porta do hospital cando ela decidiu que o de camiñar era unha actividade que non lle apetecía nada. En lugar de rexeitalo agradecino, e máis cando o bo do señor (a pesar de confundir á miña filla cun neno) pasou os cinco minutos escasos que transcurriron entre a parada do autobús e a porta do ascensor tentando convencer á miña pequena das bondades dos hospitais argumentando o necesarios que son e o bo traballo que fan neles, ao tempo que dirixía os seus pasos á súa sesión de quimioterapia.



 (Aquí unha foto "buenrrollista" do verán para que non me odiesdes demasiado)

P.D: por favor, se descubrides de verdade unha capa cos poderes de Superwoman ou un anel para liderar o mundo que te faga invisíbel, deixade un comentario co voso número. Sei que non o ides facer, pero non me queda máis remedio que intentalo ;)

P.D. 2: Se non me dá algo nun ataque de borderío, acabarei envenenada coa miña lingua para non soltarlle un improperio ás señoras que me riñen porque permito que a miña filla se manche o abrigo tocando todos os barrotes, paredes e obxectos que lle parecen interesantes manchando así todos os abrigos que ten. Grazas polas leccións de maternidade, señoras, pero lembren que son unha borde profesional a piques de chegar ao top ten da profesión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario