miércoles, 19 de febrero de 2014

Dádeme un pouco de amnesia, por favor

E é que a vida e o mundo teñen momentazos dos bos agochados detrás de calquera esquina. Hoxe mesmo, cando levabamos media hora longa agardando na zona de espera da Unidade de Rehabilitación Infantil do hospital materno infantil, sen saber xa que facer para que Sabela non se subira polas paredes chegou un neno duns 7-8-9 anos (non me atrevo a precisar) cunha enfermeira ou terapeuta (non me preguntedes por que sei que non era médico pero seino) que o apuraba a moverse: "Venga, vamos, que tenemos que preparar todo que te van a hacer un electroencefalograma!" ao que o peque respondeu con cara medio de emoción, medio de susto: "Nooo, pero eso qué es??". "No te preocupes que no pasa nada", contestoulle, pero el non quedou moi convencido porque aínda lle retrucou: "Pero, ¿me van a poner amesia?"

Tod@s @s que estabamos na zona botamos unhas boas risas coa confusión do rapaz, pero logo estiven pensando que non era tan mala idea. Un pouco de amnesia administrada na súa xusta dose non pode facer mal a ninguén, non? Como di o gran Nacho Mirás (por delante y por detrás), como non lle botes un pouco de humor á vida, non vas chegar a ningures e así anda el, camiñando quilómetros para atontar ao seu astrocitoma anaplásico.

Ultimamente, a min paréceme que de tantas voltas que damos e cousas que facemos tamén estamos nunha especie de competición para espabilar as células grises de Sabela como sexa: sesión de estimulación, dúas de logopedia, musicoterapia, concerto no Macuf, CantoContos, pequenas sesións de traballo na casa, ademais das da escola infantil, por suposto...

Unha das últimas experiencias que vivín pensando nela e tamén en min (que carallo!) foi un taller de arrolos impartido polo grande músico Xabier Díaz. E agora é cando dicides aquelo que xa me preguntou algunha que outra nai: pero, acaso apréndese a arrolar? Pois, non sei moi ben cal é a resposta, pero nós o que fixemos no taller foi cantar un pouquiño, aprender un par de cousas sobre a cultura tradicional galega e, xa de paso, desfrutar coa música dun cantante e intérprete excepcional.

Pero, volvendo ao caderno de bitácora, o día de hoxe foivos bastante completo, ademais de revisións médicas, sesión de logopedia produtiva e algún que outro xogo tivemos un par de pelexas entre irmáns por un par de contos (outro momentazo) e unha cea na que Sabela se dedicou a "mangarlle" a Iago (o seu irmán de 19 meses) uns anacos de mandarinas que lle devolvía medio comidos e el non dubidaba en rematar (creo que foi para compensar todas as veces que el che devolve a comida indicándoche claramente que non a quere e que é para "Abela").



Hoxe déixovos unha recomendación xoguetil que nos funciona moi ben con Sabela: un xogo de mesa que se chama "Lince". Nós estamos coa versión para peques "Mi primer Lince", per hai máis versións para outras idades e con personaxes de Disney, etc. Traballa a concentración e a discriminación visual e aos peques encántalles. De feito agora mesmo estou traballando nos nosos propios "Linces". Xa adaptei a orla da gardería de Sabela para facer un Lince de compis e agora quero facer outro coa familia e outro con cousas de casa, quizais un de xoguetes e obxectos relacionados co ocio, etc... Xa sabedes, aproveitar os seus intereses e traballar moito.

Déixovos hoxe cun pouco de música para que vos relaxedes e vos levantedes mañá de mellor humor que iso é moi necesario. A CadaCanto, con Xabier Díaz, nunhas festas ás que nunca fun, pero xa teño gañas de volver, as do máxico bairro de San Pedro en Compostela.


No hay comentarios:

Publicar un comentario