Non, non toleei nin me convertin a ningunha relixión de súpeto. Simplesmente tocoume empezar a petar nas portas, todas as que teñan que ser ata que se abran de par en par. E teñan por seguro que teño paciencia, teño amig@s que me apoian e o mellor de todo: teño a forza da razón porque, donas e cabaleiros, eu non teño un problema, teño unha filla e o que ten o problema é a sociedade na que vivimos e temos a responsabilidade de amañalo entre tod@s.
Así que por hoxe non falo máis, só vos deixo a ligazón á entrevista que me fixeron a semana pasada en Onda Cero (eu ando a partir do minuto oito máis ou menos) e a dúas noticias da Anpa da escola dos meus peques e de min mesma. Alegamos o regulamento das escolas infantís municipais e parece que queren atender en parte a nosa demanda, pero ese capítulo aínda está aberto, agardemos que remate ben e que David lle faga un chisquiño de nada de pupa a Goliath desta volta. Entendédeme, é unha forma de falar, nin quero acabar coas institucións públicas (aínda que algunha ben o merecería, a verdade), nin se trata de facer dano a ninguén, máis ben o contrario, de axudar, de facilitar camiños de encontro e garantir que tod@s poidamos algún día ser un pouco máis iguais.
E para que ninguén esqueza que ningunha batalla se gaña en solitario, unha adicatoria especial...
A verdade é que o título do post de hoxe, o nome co que se coñece no estado español a película de Billy Wilder "Some like it hot" pouco ten que ver co título orixinal desta grandérrima e divertidérrima peli, pero moito coa ausencia de filtros e cortapisas coa que soen vivir e enfrentrse ña vida @s nos@s peques.
No final dun 19 de marzo, data marcada oficialmente como Día do Pai quero reivindicar dúas cousas, a primeira delas é a necesidade de tirar dos nosos ollos eses filtros, eses cristais que nos fan velo todo, absolutamente todo distorsionado. Moit@s de vós reacionaredes ante esta invitación pensando "Non, eu non teño prexuízos"... Seguro?
Pensade un pouco. Nunca lle dixestes aos vos@s peques "Iso non se fai" porque o que facían era algo socialmente mal visto (aínda que non fose nada realmente malo)? Nunca puxestes nas súas mans algún xoguete ou un obxecto só porque "se supón" que é un xoguete ou unha cousa para "nenos" ou para "nenas"?
Por sorte, @s nos@s fill@s dannos leccións diarias, como a que me deu hoxe o peque da casa. Iago ten agora 20 meses. Só espero que dentro duns anos actúe coa mesma naturalidade coa que actuou hoxe cando se empeñou en porse as saias da súa irmá e cando foi ao cole vestido cunha delas e xogou no xardín sen sacala de enriba. Ogallá que nunca teña filtros que lle impidan facer algo que lle apetece facer só porque está socialmente mal visto.
Eu, pola miña parte, tentarei facer o meu traballo e non poñerllos, nin a el nin a Sabela, que segue sen telos, por sorte. A ver se o consigo...
A segunda cousa que quería reivindicar hoxe é un mundo sen "Días de", sen días no que o único que se procura é vender e sen días nos que se teñan que reclamar dereitos que deberían estar garantidos para tod@s. Por iso apoio o Día Mundial de Concienciación sobre o autismo desexando que ese día poida desaparecer.
Disque, seica, igual, din por aí algúns que pode que se abra un claro entre as nubes e volvamos ver o sol. Si, si, ese ser mitolóxico do que tod@s oimos falar algunha vez, pero que moi pouc@s puidemos desfrutar nos últimos meses.
Espero que non sexan só faladurías infundadas e que teñamos realmente esa sorte pero, o certo é que ultimamente falar de sol é unha broma de mal gusto por aquí. Tanto é así que os días festivos acaban sendo moi moi moi longos con dous peques aos que lles costa traballo concentrarse en algo máis de dez minutos.
Como mostra aquí vai un resumo da nosa xornada de hoxe:
Tres partidas de Lince (bendito xogo do que xa vos falei en outra ocasión)
Unha partida do MegaLince caseiro que elaborei eu mesma (por se vos interesa, fixen un collage con fotos de obxectos do día a día, xoguetes e personaxes que lle interesan a Sabela, en varios A-4, plastifiqueinos, pegueinos con velcro nunha base de goma eva e listo, taboleiros de Lince de quita e pon. As fichas fíxenas repetindo os taboleiros plastificados e recortando as imaxes despois)
Unha partida co Lince que nos fixemos coa orla d@s amig@s do cole
Pintamos con pincel e con dedo (apenas cinco minutos)
Xogos variados na tablet
Algún que outro episodio de Pocoyó ou debuxos da Galinha Pintadinha (vídeos musicais que lle encantan a Sabela e dos que xa vos teño falado)
Un experimento con papel para contrarrestar a extrema sensibilidade corporal que ten Sabela (Iago parecía Orson Welles en "Citizen Kane" e Sabela rodeouse de papel de publicidade por todos lado)
Máis xogos de identificación visual e emparellamento (papá animal con fill@ animal)
Un par de lanzamentos de pelota e un intento frustrado de xogo figurativo
Tocamos a guitarra, lavamos os coches mentres nos bañabamos...
Iso sen contar as acividades paralelas do peque da casa, que sempre te sorprende con algunha idea nova.
Creo que para ser o día 299 de choiva deste inverno (así, sen esaxerar), tampouco estivo mal de todo. Pregúntome que farían no Arca de Noé?
Hai viaxes que duran moito, outras que empezan tarde, outras que non sabes como empezan ou como rematarán... Hoxe cúmprense catro anos do inicio da nosa viaxe (para non iniciados na materia imprescindíbel ler antes de seguir Benvidos a Holanda, ou do contrario non vos enteraredes de nada do que escriba aquí e de pouco do que pasa na miña vida e na de tanta xente), viaxe que foi moi preparada e desexada, soñada con moita ilusión. Unha viaxe incríbel na que estivemos en Italia durante cinco marabillosos meses (se soubèsemos que só ian ser cinco habiamos de desfrutalos aínda máis, pero iso mellor nin pensalo). De súpeto, como pasa ás veces nas pelis subíronos nun avión a fume de carozo e dixéronnos que non podiamos seguir alí e que non sabían a onde tiñamos que marchar.
Sen tempo para preparar as maletas e sen saber que maletas había que preparar vímonos embarcados nunha viaxe que durante algún tempo non tiña un destino claro. Primeiro dixéronnos que acabariamos nun pobo abandonado, logo parecía que poderiamos voltar a Italia, logo advertíronnos que non nos fixéramos moitas ilusións porque o máis probábel era que a nosa viaxe non rematara moi ben.
Demos voltas e máis voltas. Houbo que parar a repostar gasoil unhas cantas veces e buscar axuda técnica outras cantas pero, por fin chegamos a Holanda. Non sei se o coñecedes pero é un pais be fermoxso. Polo camiño fomos sumando viaxeiros á nosa singladura e recollendo uns tulipáns que nos aledan un pouco a existencia.
Son xa catro anos de sorrisos sen fin, de amor infinito e de leccións de superaciòn, de miradas, de agarimos e tamén de frustracións que habemos de superar. Contigo como compañeira de viaxe, Sabela, todo é posíbel... quen sabe, mesmo deixar Holanda atrás e chegar a Oz :D
E é que a vida e o mundo teñen momentazos dos bos agochados detrás de calquera esquina. Hoxe mesmo, cando levabamos media hora longa agardando na zona de espera da Unidade de Rehabilitación Infantil do hospital materno infantil, sen saber xa que facer para que Sabela non se subira polas paredes chegou un neno duns 7-8-9 anos (non me atrevo a precisar) cunha enfermeira ou terapeuta (non me preguntedes por que sei que non era médico pero seino) que o apuraba a moverse: "Venga, vamos, que tenemos que preparar todo que te van a hacer un electroencefalograma!" ao que o peque respondeu con cara medio de emoción, medio de susto: "Nooo, pero eso qué es??". "No te preocupes que no pasa nada", contestoulle, pero el non quedou moi convencido porque aínda lle retrucou: "Pero, ¿me van a poner amesia?"
Tod@s @s que estabamos na zona botamos unhas boas risas coa confusión do rapaz, pero logo estiven pensando que non era tan mala idea. Un pouco de amnesia administrada na súa xusta dose non pode facer mal a ninguén, non? Como di o gran Nacho Mirás (por delante y por detrás), como non lle botes un pouco de humor á vida, non vas chegar a ningures e así anda el, camiñando quilómetros para atontar ao seu astrocitoma anaplásico.
Ultimamente, a min paréceme que de tantas voltas que damos e cousas que facemos tamén estamos nunha especie de competición para espabilar as células grises de Sabela como sexa: sesión de estimulación, dúas de logopedia, musicoterapia, concerto no Macuf, CantoContos, pequenas sesións de traballo na casa, ademais das da escola infantil, por suposto...
Unha das últimas experiencias que vivín pensando nela e tamén en min (que carallo!) foi un taller de arrolos impartido polo grande músico Xabier Díaz. E agora é cando dicides aquelo que xa me preguntou algunha que outra nai: pero, acaso apréndese a arrolar? Pois, non sei moi ben cal é a resposta, pero nós o que fixemos no taller foi cantar un pouquiño, aprender un par de cousas sobre a cultura tradicional galega e, xa de paso, desfrutar coa música dun cantante e intérprete excepcional.
Pero, volvendo ao caderno de bitácora, o día de hoxe foivos bastante completo, ademais de revisións médicas, sesión de logopedia produtiva e algún que outro xogo tivemos un par de pelexas entre irmáns por un par de contos (outro momentazo) e unha cea na que Sabela se dedicou a "mangarlle" a Iago (o seu irmán de 19 meses) uns anacos de mandarinas que lle devolvía medio comidos e el non dubidaba en rematar (creo que foi para compensar todas as veces que el che devolve a comida indicándoche claramente que non a quere e que é para "Abela").
Hoxe déixovos unha recomendación xoguetil que nos funciona moi ben con Sabela: un xogo de mesa que se chama "Lince". Nós estamos coa versión para peques "Mi primer Lince", per hai máis versións para outras idades e con personaxes de Disney, etc. Traballa a concentración e a discriminación visual e aos peques encántalles. De feito agora mesmo estou traballando nos nosos propios "Linces". Xa adaptei a orla da gardería de Sabela para facer un Lince de compis e agora quero facer outro coa familia e outro con cousas de casa, quizais un de xoguetes e obxectos relacionados co ocio, etc... Xa sabedes, aproveitar os seus intereses e traballar moito.
Déixovos hoxe cun pouco de música para que vos relaxedes e vos levantedes mañá de mellor humor que iso é moi necesario. A CadaCanto, con Xabier Díaz, nunhas festas ás que nunca fun, pero xa teño gañas de volver, as do máxico bairro de San Pedro en Compostela.
Para aqueles despistad@s que entrastes neste blog sen saber moi ben de que vai esta historia, déixovolo clariño: aquí conto as cousas que facemos coa miña filla Sabela. Ideas para traballar con peques moi peques e con peques non tan peques con diversidade funcional.
Dígoo porque nos últimos post non comentei nada de todo o traballo que estamos facendo ultimamente e a ver se vos ides crer que estamos aquí tumbad@s tan ricamente vendo pasar cicloxénese explosiva tras cicloxénese explosiva como quen non quere a cousa. Di ti que Sabela debe de estar afeita porque naceu con unha, de feito creo que era das primeiras veces que oía utilizar esa terminoloxía. Até apenas uns meses antes dicíamos as cousas clariñas: que facía un tempo de merda, un temporal que nin diola, vaia!
Pois non, lectores e lectoras, a pesar das Judith, Jeniffer, Jessicas, Vanessas ou como se vaian chamar as que queden por vir, por aquí seguimos coas pilas postas e sen medo a que se nos mollen e nos electrocutemos con tanta auga ou a saírmos voando no primeiro despiste. Bueno, en realidade, tivemos un mes máis relaxado en canto a traballo e ben pouco tranquilo, pero non foi polos ventos afuracanados, senón por algúns problemas neurolóxicos que nos trouxeron de cabeza (nunca mellor dito) dende que empezamos este venteado 2014.
Cos dedos cruzados para deixalos atrás e ben atrás, imos a toda máquina traballando a imitación. Para iso, ademais de seguirmos as pautas da fantástica logopeda de Sabela, tamén nos guiamos por un libro ben interesante "Los padres también educan" e por algún que outro truquiño da grande Anabel Cornago. Así, pouco a pouco vimos como Sabela imitaba os xestos de cancións, dicía ola a Pocoyó coa maniña ou trataba de repetir algo do que lle estabamos a dicir. A chave, como sempre, está na motivación, buscade sempre aquelo que máis lles interese aos vosos peques para que traballen con ganas. No noso caso, a música e algún que outro debuxo animado ofrecen múltiples posibilidades.
Só unha cousa máis: nunca é cedo nin tarde para empezar. Se vos atopades con que @ vos@ peque ten un problema e tod@s @s especialistas vos din que pasa algo pero que é mellor agardar, non o dubidedes, se pensades que se pode facer algo facédeo XA. Ese traballo, sempre guiado por algún profesional asisad@, sempre sempre sempre servirá para algo.
Pero, se polo contrario tardastes moito en decatarvos de que pasaba algo, de que @ vos@ peque necesitaba un pequeno empurrón, deixade de pensar no tempo perdido, que non recuperaredes e traballade, sen agobios, sen estrés, sen presións autoimpostas, pero tamén sen cancelas porque TODO É POSÍBEL.
Boas
Preséntome, porque igual algún de vós aínda non me coñece ben. Son esa "tía borde" que senta frente a ti no autobús, ou no tren, a que viches no parque o outro día ou tomando algo na cafetería na que quedas habitualmente c@s teus amig@s. Por se aínda non caes con estes datos, son a que apenas responde cun sorriso de cortesía e algún monosílabo ás túas benintencionadas preguntas ou comentarios.
A ver, isto venme de serie, non é que me convertise en borde desde que teño unha filla que pertence ao universo da neurodiversidade, non podo escudarme niso. Entre @s meus amig@s sempre tiven unha merecida fama de borde. Si, son esa clase de moza, a que che daba unha resposta cortante cando intentabas facer un comentario gracioso para romper o xeo e das que non dubidaba un segundo en sacarche as cores cando facías algunha gracieta sexista.
O que sucede é que hai bordes e bordes e eu estou sacándome un master na materia, convertíndome nunha auténtica profesional. Hai pouco, outra nai lanzada a patadas neste universo neurodiverso falaba no seu fantástico blog da necesidade de nos facer un "impermeable", unha especie de capa protectora na que te poidas envolver como unha Superwoman calquera para saír voando de todas aquelas situacións nas que non te gusta verte a ti nin aos teus. Supoño que "ser borde" é a miña capa, a miña forma de fuxir do que non me gusta a falta dunha nova superarma máxica.
Por iso, se insistides en que a miña filla vos diga o seu nome ou responda a algunha das vosas trascendentais preguntas sobre canto tempo leva neste mundo, se lle gustan as galletas ou os gusanitos ou cales son os seus debuxos preferidos, non digades que non vos advertín sobre o meu borderío. Tranquil@s, ladro un pouco pero non mordo, así que o máis probábel é que vos despache con algunha frase breve do tipo de "chámase Sabela", ou "non, non lle gustan os gusanitos nin Peppa Pig" acompañada dunha mirada que non vos deixará moitas ganas de facer unha segunda pregunta.
Que conste tamén que non son un monstro, -ou iso quero crer- así que esta mañá non rexeitei o ofrecemento dun bo home que me axudou a "arrastrar" a Sabela ata a porta do hospital cando ela decidiu que o de camiñar era unha actividade que non lle apetecía nada. En lugar de rexeitalo agradecino, e máis cando o bo do señor (a pesar de confundir á miña filla cun neno) pasou os cinco minutos escasos que transcurriron entre a parada do autobús e a porta do ascensor tentando convencer á miña pequena das bondades dos hospitais argumentando o necesarios que son e o bo traballo que fan neles, ao tempo que dirixía os seus pasos á súa sesión de quimioterapia.
(Aquí unha foto "buenrrollista" do verán para que non me odiesdes demasiado)
P.D: por favor, se descubrides de verdade unha capa cos poderes de Superwoman ou un anel para liderar o mundo que te faga invisíbel, deixade un comentario co voso número. Sei que non o ides facer, pero non me queda máis remedio que intentalo ;)
P.D. 2: Se non me dá algo nun ataque de borderío, acabarei envenenada coa miña lingua para non soltarlle un improperio ás señoras que me riñen porque permito que a miña filla se manche o abrigo tocando todos os barrotes, paredes e obxectos que lle parecen interesantes manchando así todos os abrigos que ten. Grazas polas leccións de maternidade, señoras, pero lembren que son unha borde profesional a piques de chegar ao top ten da profesión.