miércoles, 3 de diciembre de 2014

Xogando ás casiñas

Aviso: Preciso unha condensadora ultrasuperforte para resumir o vivido nestes días!!

Nas últimas semanas tivemos momentos máxicos na nosa casa. Escoitamos por vez primeira algunhas palabras, conseguimos algo parecido a xogo figurativo, escoitamos como Sabela se leva "mellor" c@s compis do cole e mesmo vimos como comeza a terlles aprecio e unha delas a busca e lle garda os xoguetes (que encanto de nena!!).

Esta mesma semana volvimos tamén a vivir un deses momentos nos que o tempo se detén. Foi de novo á noitiña, xusto antes de se deitar Iago e con Sabela xa na cama. De súpeto, sen vir a conto, o peque da casa soltou un "Sabela non pode falar", silencio que se cortaría cun coitelo, "Sabela non pode falar, non. Face (fai) iiiii iiii" e unha serie de sonidos cos que Iago trataba de reproducir moitos dos fonemas que xa emite a súa irmá.

Segundos de silencio que foron horas e decidín daquela que o tempo tiña que correr e tiñamos que estar á altura das circunstancias así que, non sei de onde saquei as palabras: "Sabela aínda non fala, pero xa nos di moitas cousas".

Supoño que captou a mensaxe, pero a estas idades é difícil de saber porque o cambio de tema foi radical. O certo é que os nosos fillos non deixan de sorprendernos día a día e o que nos queda por ver. O certo tamén é que se Iago fai agora esta reflexión é porque por primeira vez se decata das dificultades da súa irmá para emitir palabras, pero iso sucede porque realmente o está intentando!!!

Pero como non hai area sen cal, nin luz sen sombra, levamos uns días horrorosos cun problema na boca que ten a Sabela destrozada e cunha tos e febre incipientes que teñen tamén tiradillo ao peque, pero non quero deixar de amosarvos un par de cousiñas. A primeira é a creación conxunta de Iago e Sabela esta semana nunha das pizarras da casa (estamos vendo grandes progresos á hora de pintar e agarrar as pinturas ou o xiz) e a outra o "calendario de advento" que me descarguei e montei en Mr Printables. Paréceme unha chulada!!!! Como non son moito de celebracións relixiosas vou facer unha casa para cada día do mes (só me faltan 6) para cambiar a conta atrás para o Nadal pola conta atrás para fin de ano. Uso estas super construccións para traballar os números con eles e como premio unha sorpresa cada día: de momento levamos un cepillo de dentes luminoso (a ver se estimulamos o gusto por lavar os dentes) e uns peixiños nadadores de xoguete :)



No hay comentarios:

Publicar un comentario