E un venres calquera volves do cole cun sorriso na cara porque chegaches a casa sen un drama insuperable que rematase en bágoas. Algo tan sinxelo coma iso. Porque despois dun par de semanas nas que camiñar pola rúa se convertiu nunha persecución ficticia, nunha tira e afrouxa do que queres fuxir coma sexa, con apoios visuais, con trucos que xa non sabes nin de onde sacar, con algo de sorte e con esa pouca paciencia que xa hai anos que non me queda, consegues chegar a porto con incidencias, pero sen crebar o bote.
Con que pouquiño ou que moitíiiiisimo nos conformamos ás veces. Todo depende do cristal co que se mire, ben o sabemos nós. Porque hai momentos nos que as moreas de area son montañas que superan ao Everest e outros nos que caen grao a grao polo seu propio peso.
Pero nunca podemos deternos -se cadra un segundiño para enxugar as bágoas e coller algo de pulo- sempre probamos algunha cousiña nova. E seguimos avanzando en comprensión e en comunicación, cada vez unha linguaxe de signos máis elaborada combinada con algunhas outras cousiñas, novos xogos que nos gustan máis, máis imitación vocal... tantas cousas...
Pero o mellor para min son sen dúbida eses momentos do baño. Ao peque da casa gústalle moito bañarse e ir á piscina, pero Sabela sempre tivo unha relación un tanto irregular co auga. Nos últimos meses, ese amor-odio foise convertindo en sincero aprecio e tentamos ir de cando en vez á piscina. Mais, o certo é que, aínda que ela o pasa xenial alí, para min é moito máis divertido cando non nos dá tempo de ir ao complexo deportivo e acabamos improvisando unha piscina no baño da casa. Rin xuntos, desfrutan e sobre todo INTERACTÚAN, buffff, iso e algo brutal, impagábel. Tíranse auga o un ao outro, comparten minutos de felicidade e mami, nin vos conto...
Ah, por certo, a ver se hai sorte e esta fin de semana (22 e 23 de novembro), mentres eu desfruto dun taller en Santiago con Anabel Cornago e Esther Cuadrado e da cea posterior con mamis e chicas azuis, saimos nos informativos da Sexta reclamando os apoios de AL que necesita o cole de Sabela!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario