Gustaríame falarvos hoxe de algo bonito, fermoso, de que estiven xogando cos meus fill@s nunha bañeira chea de follas que recollimos os pasados días no parque, e poder dicirvos que desfrutamos e compartimos unha fermosa experiencia pero a verdade é que a realidade do meu luns foi bastante gris.
Erguinme cedo para acudir ao pleno da corporación municipal da Coruña no que tiña solicitada a miña intervención ao abeiro do regulamento de participación cidadá, para reclamar igualdade de oportunidades para as crianzas con diversidade funcional na súa participación nas actividades municipais. Dado que o Concello non se dignou a contestarme (unha vez máis), non tiña moitas esperanzas de que a miña solicitude obtivese algún tipo de resposta durante o pleno e, tal e como sospeitaba, non a tivo.
O caso é que agora non sei xa que sería peor, se ficar marxinada ou participar desa pantomima. O que presenciei, con todos os meus respectos (porque eu sí que os teño) para as institucións públicas foi un simulacro de democracia no que o grupo de goberno nin se dignaba respostar ás preguntas da oposición e case nin a votalas (apenas un aceno movendo un pouco o corpo, un dedo ou a cabeza), mentres o secretario mascaba chicle sen parar. Chegados a este punto, creo que a oposición gañaría moito máis deixando ao alcalde e aos concelleiros e concelleiras sós que permanecendo na sala.
Se, tal e como pedía hoxe o BNG, os plenos se retransmiten por Internet, sería só para tratar de anestesiar á cidadanía, en lugar de para permitir que participe dun xeito máis activo nun debate inexistente.
Saín dese recinto, achegueime a falar cos medios de comunicación (non sen antes ser interceptada por un individuo que estaba controlando que ninguén fose polo lado que non debía, non sei se temían que roubase un deses horrendos cadros decimonónicos) e marchei pola porta coa cabeza ben alta, para volver ao mundo real, aos problemas reais dos que tratan de falar os membros da oposición (non sempre e non tod@s) con pouco éxito nas súas reclamacións.
E como as malas vibracións se transmiten, tiven unha tarde na que os meus intentos por baixar a ansiedade de Sabela foron bastante infructuosos e estou tendo unha noite na que non podo conciliar o sono ao oíla tusir continuamente na habitación do fondo, pero mañá será outro día. Un día sen plenos municipais, seguro que con menos ansiedade e menos toses, ten que ser así, para iso seguimos aquí.
Ah, un último apontamento, non se enganen, se a xente ignora cada vez máis os debates políticos non é porque sexamos parv@s, senón porque estamos demasiado ocupad@s tratando de amañar o que non amañan os gobernos. Díxeno unha vez e repítoo hoxe: eu non teño un problema, teño unha filla, o problema é da sociedade, que non é capaz de practicar unha auténtica inclusión e das institucións públicas que non fan o seu traballo nin respectan os dereitos da cidadanía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario