viernes, 17 de octubre de 2014

Foise co vento

O vento sopra forte, tanto que ás veces penso que podería e debería levar coa súa forza moitas cousas que nos joden a vida, tanto que non nos deixa avanzar cando camiñamos, tanto que nos enche os ollos de faragullas que ás veces non nos deixan ver... A sorte é que estamos afeit@s a nadar contracorrente, ou a avanzar co vento en contra, non si?

Claro que, ás veces, os cambios que o vento trae nos collen "en cueiros". Esta mañá, ese vendaval do que ninguén nos falara levantou parte do teito do patio do cole de Sabela. Isto supuxo que os nenos e nenas non puideron saír pola porta pola que o fan habitualmente. Así que os peques e as peques, seguindo as instruccións dos profes atravesaron un par de pasillos e saíron pola porta principal. Así o fixeron tod@s, guiadiñ@s, menos Sabela.

A miña filla, como sospeitei cando cheguei ao centro á hora da saída e me dixeron que tiña que irme a outra porta, non entendeu nada do que sucedía. A súa coidadora tratou de explicarllo e aseguroulle que mamá a estaba agardando ao outro extremo deses pasillos, pero ela non podía comprender aquela alteración na súa recén instaurada rutina imposta por Eolo nesa mañá e choraba desesperada tirándose no chan e negándose a avanzar cara a ese pasillo que para ela, naquel momento, debía de ser moi escuro, malia estar moi ben iluminado.

Durante eses minutos que transcurriron entre que os seus compañeiros e compañeiras de clase saíron e ela apareceu pola porta (apenas tres ou catro), eu xa construira na miña cabeza unha pequena composición de lugar do que estaba a acontecer e me estaba cagando no vento e no que se levou. Ao rematar eses minutos-horas apareceu a miña nena no colo da súa coidadora coa cara aínda mollada polas bágoas e desexando marchar para a súa casa.

Conclusión: o que para alguns e algunhas pode ser unha aventura misteriosa e divertida, para outr@s pode ser un abismo terrorífico e perigoso. Temos que seguir tratando, entre tod@s que a miña nena non volva asomarse a ese abismo e convertilo, se volve aparecer, en sucesivas aventuras marabillosas.

E como non quero rematar mal este post de días grises (que conste que están sendo moito máis grises na casa que na escola salvo episodios coma o de hoxe), aquí vos deixo o vídeo promocional desa marabilla que se chama Gatuxo e que xa anda percorrendo a nosa xeografía. Descubrímolo esta semana e o resultado foron uns minutos de algo que se aproximou á maxia trasladada ao salón e un neno que repetía unha e outra vez "que máis Gatuxo" ou "máis can" e imitaba unha e outra vez os xestos gatuxeiros e unha Sabela que miraba extasiada a televisión sen pestanexar.


No hay comentarios:

Publicar un comentario