Páginas

domingo, 6 de octubre de 2013

A toda máquina

Escribo isto, como é habitual, de noite, e, como por sorte non é tan habitual, co ruído de fondo dunha tos profunda e molesta que non quere cesar e que me lembra que o curso xa empezou de verdade. Si, un mes despois, xa estamos adaptad@s (ou o que sexa) e coa maquinaria funcionando.

Sabela segue sorprendéndonos coa súa capacidade de aprender e cos seus pequenos avances diarios. Nestes últimos meses estamos traballando de forma moi específica a comprensión e a comunicación, dado que son os seus puntos máis débiles e nos que máis camiño nos queda por percorrer. Seguimos inventando actividades e inspirándonos tamén nos materiais que obtemos, por exemplo da xente do grupo de motricidade, como Mabel Freixes e os seus rompecabezas sobre o corpo e as súas partes.

Para esta mesma temática hai tamén un xogo sinxelo e ben chulo que podedes usar no ordenador ou na tablet en pequetic unha moi boa suxestión de Pilar, a estimuladora de Sabela.

Día a día temos tamén avances na comunicación oral que son micropasos, similares aos que debe de dar unha formiguiña nun camiño de lastros amarelos... pero pasos ao fin e ao cabo.

Para seguir avanzando, aqui tedes unha lista de algunhas cousas que probamos ou imos probar estas semanas:



Recoller cousas que teñen que ver coa estación outonal (follas, algunha flor, castañas)
Con esas follas, tentar facer unha pequena obra de arte usando pintura para deixalas impresas entre dúas follas de papel.
Envolver en papel de seda e de aluminio distintas pezas de madeira con formas, cores e tamaños diferentes para experimentar texturas, manipulación, diferenciación por cores, etc
Poñer unhas gomas arredor dunha bandexa con moito fondo, deixar pinguear pintura nelas e ir tensándoas para facer unha nova obra de arte.
Traballar con cabazas pequenas, que se poden usar tamén para pintar con elas coma se fosen rodillos ou movelas cunhas pinzas de cociñar para practicar motricidade e forza.
Botar auga sobre bolsas de infusión pegadas a follas de papel de secar ou papel moi groso para experimentar tamén coas cores e as mesturas.
Finalmente, unha actividade moi divertida, con xabrón de afeitar, facer un lavado de coches, usando tres tinas ou bandexas con moito fondo: unha para enxabronar os coches de xoguete, outra para aclaralos e outra para secalos.

Dúas delas xa as probamos cun éxito escaso na primeira e total no segundo caso, pero non vos vou dicir cales son porque tedes que xulgar por vós mesm@s e decidir cal destas actividades lle pode apetecer máis aos vosos peques.

Por certo, que as actividades son froito da recompilación que vou facendo en webs como a de teaching 2 and 3 years old, no time for flashcards, ou prekinders, entre outros, porque hai moita xente facendo cousas chulas, divertidas e útiles!

No hay comentarios:

Publicar un comentario