Páginas

lunes, 29 de abril de 2013

Audiovisualizándonos

Para calquera nen@ con problemas para facerse entender ou entender o que lle queren comunicar, o mundo audiovisual ofrece hoxe en día ferramentas infinitas. Non deixo de asombrarme de cousas que leo en blogs de nais e profesionais da educación e estimulación polas ideas que teñen. Bo exemplo o de Esther de La sonrisa de Arturo e os seus lapbooks, o último deles usando códigos QR, impresionante non, o seguinte.

Na nosa casa, de momento somos máis modestos e con menos habilidades, pero facemos o que podemos. A música primeiro xa dende hai tempo e logo os dvds e a tablet están converténdose pouco a pouco na debilidade de Sabela. Ademais das aplicacións e webs das que xa empecei a falarvos, non podo pasar por alto a cantidade de cds e dvds fantásticos que se están facendo no noso país por e para nen@s. Música de calidade e ideas fantásticas para a súa visualización. Hoxe recoméndovos dous (por empezar por algún).

O primeiro é o favorito de Sabela, "Na punta do pé", música tradicional que inclúe tamén a versión instrumental das cancións e un dvd para que os nenos e nenas aprendan a bailar. Sabela, como mínimo, fica realmente absorta mirando como saltan e bailan nas coreografías e a música encántanos.

Outro é a nosa última adquisición (agasallo dunha amiga), "A nena e o grilo nun barquiño". Fermoso cd, fermosa música, fermosas letras, fermosas ilustracións do libro e, aínda por riba, con propostas de actividades que acompañan á historia que acompaña e serve de fío conductor ás cancións. Imprescindíbel, mesmo non sei se máis aínda que "A nena e o grilo".

Este libro musical debería estar en toda a bibliofonoteca de calquera que aínda se considere un pouco nen@ en Galiza.


No hay comentarios:

Publicar un comentario